
Buf! En 19 anos que traballei en
Interviú nunca me abrumaron os centos de miles de lectores que tiña cada semana. Nin xamais me paralizaron as ameazas que recibín cando publiquei
La conexión gallega, del tabaco a la cocaína. Ou as contínuas demandas que me obrigaron a pasar polos xulgados por culpa de variopintos poderosos que se sentiron tocados no que pensaban que eran intocábeis. E resulta que agora pódenme preocupar dous ou tres merdáns –a liberdade de expresión tamén me asiste a min– que tratan de emporcar o meu modesto nome con mentiras e falacias. Podía non contestarlles e ata penso que se cadra era o mellor, pero por se acaso alguén pensa que calando otorgo, vou colocar algún punto no seu sitio.
Primeiro e dirixido ao Anónimo que cuspe veleno dicindo que
"o de votar nacionalista se cadra foi porque estivo (eu)
a soldo desa organización política (o BNG)", tome nota do seguinte este pésimo autor de cantigas de escarnio e maldizer:
Nunca na miña vida traballei a soldo de ningunha organización política nin penso traballar endexamais. E non o digo porque despreze aos que o fan. Nas organizacións políticas traballa moita xente honesta e competente que presta, cando lle deixan, importantísimos servizos á democracia e ao desenvolvemento político e social. Durante catro anos traballei a soldo do Concello de Ferrol, como xefe do Gabinete de Prensa, nun goberno de coalición integrado por nacionalistas do BNG e socialistas do PSdeG-PSOE. Quero dicir que traballei moi a gusto co alcalde nacionalista
Xaime Bello, un home íntegro, honorábel e tolerante como hai poucos na política do sillón. Ou cos socialistas
Bonifacio Borreiros e
Amable Dopico, por desgraza xa falecido o primeiro, e o segundo integrante da nómina dos meus amigos. Hai pouco atopeino no aeroporto parisino de Orly e gustounos aos dous darnos un abrazo. Con
María Luísa Sabio, con
Xosé Lastra, con todos e con cada un dos concelleiros –incluídos os do PP– que formaron a Corporación ferrolá coa que me tocou desenvolver a miña función.
Fun nese posto cargo de confianza e designado, polo tanto, a dedo, pero cumpríndose estrictamente a legalidade vixente, e teño ben claro que nin os gobernantes municipais ferroláns daquela época pensarían en min para esta designación nin eu aceptaría tal cousa se non mo pedira o meu primo carnal
Xosé Lastra Muruais, daquela conselleiro delegado de Urbanismo e xestor clave da política municipal nacionalista da cidade de
Pablo Iglesias e de
Ricardo Carballo Calero e que non debeu ser nunca de
Franco.
Capici alora, anónimo cuspidor de veleno? Nunca fixen nada a soldo de ningunha organización ou partido político. E dígolle máis, só militei nun destes aparatos, o Partido Comunista de España (PCE), que abandonei xa no ano 1970. Que lle vou facer, nisto fun absolutamente monogámico e ata pode ser que unha migalliña de máis monográfico.
Tamén me lanza á cara o tal anónimo envelenado que
“aquí o que se precisa é xente que arrime as costas para erguer a Nación galega”. Home, aí se cadra acertou. Eu o que se di
“ossianesco” non lle son moito (ande e corra a Google para ver de onde tomo o adxectivo, porque vostede seguramente nunca oíu esta palabra).
Outro envelenador, igualmente anónimo,
off course, di que os
“escribidores” coma min
“son os que están a foder a Nación galega” e que eu son algo pior que un
“renegado”. Recoñezo que me chamaron moitas cousas, pero nunca me alcumaran deste xeito. Renegado? Renegado de que? Como non sexa da fe cristiana que nin sequera estou totalmente seguro de que a perdera toda! Que lle vou facer? A min esta linguaxe súa sóame a mala música
“aiatolística”.
E aínda hai outro, ou se cadra é o mesmo, que me convida a decirdirme a votar dunha vez polo PP,
“xa que tanto sae –di el–
en defensa dos seus alcaldes”. Fódase pa! Vostede é parvo. Confunde totalmente o touciño coa velocidade.
Aínda así, quero dicirlles algo a todos: celebro que vostedes e máis eu vivamos nun país no que se poden dicir estas cousas libremente. Non comparto o que din de min, pero daría a vida porque vostedes e máis eu podamos decir o que queiramos. Sei que están equivocados, pero a liberdade de enganarse forma parte felizmente da atmósfera na que respiramos o ar democrático.
Que
Prisciliano, en Tréveris ou en Compostela, nos teña na súa beizón. Amén.