
Publicou onte Faro de Vigo, e non foi desmentido por ningún voceiro da Xunta, que Núñez Feijóo tomou a decisión de “repoñer os dereitos civís” nas aulas e dar total liberdade aos alumnos para que, agás nas asignaturas de Lingua Galega e Lingua Española, podan dirixirse aos profesores e realizar os exames no idioma que elixan, galego ou o castelán. O presidente fala de repoñer dereitos como se acabásemos de saír dunha ditadura.
O citado xornal engade que o presidente da Xunta xa se dirixiu á Inspección Educativa para que traslade estas novas ordenanzas a todos os centros. Chama a atención que o presidente da Xunta se dirixa directamente á Inspección Educativa para darlle ordes pasando por riba da propia Consellería de Educación que, aínda así, terá que ser o organismo que faga chegar aos centros as medidas anunciadas. O Faro publicou que tal comunicación vaise facer por medio de circulares enviadas “de forma inmediata”, pero a primeiras horas do día de hoxe tales comunicacións non chegaron aínda aos centros que puido consultar Croques.
Segundo a fonte xornalística citada, as novas instruccións darán liberdade para elixir idioma tanto aos profesores coma os alumnos e, aínda que segundo parece na contorna de Feijóo considerase, logo de consultar xuristas indeterminados, que esta medida non implica incumprimento do decreto vixente regulador do ensino, o ambiente que pode crear parece estar lonxe dese conformismo e xa non faltan os que anuncian que Feijóo ou quen tome oficialmente estas medidas incorrirán supostamente en incumprimento da lexislación vixente. A tronada está cerca de escachoar en novos episodios que agudicen aínda máis o desencontro lingüístico que aportou a chegada do goberno de Feijóo á Xunta.
Se a todo isto se engade a orden que lle deu Feijóo á directora xeral da Función Pública para que, nas próximas oposicións que se leven a cabo, os opositores tamén podan elixir entre o galego e o castelán, todo se complica aínda máis. Como ao presidente da Xunta lle pete seguir gobernando por riba dos seus conselleiros e anunciando as medidas a tomar mediante interrogatorios feitos por Jiménez Losantos e Pedro J. Ramírez, ha pasar pouco tempo sen que poda tomar novas medidas para reducir os gastos. Polo de agora xa empezan a sobrarlle outros dous conselleiros, a de Facenda e o de Educación. Se é el quen vai administrarar e non eles as súas competencias, aforraranse polo menos dous Citröen que tamén se poden vender no lote dos Audi.
Xa hai quen fala (Bieito Lobeira dixit) de que o que está a facer Feijóo “conculca directamente a legalidade e atenta contra os dereitos lingüísticos dos administrados”. Algo pode haber de verdade, e seguramente o presidente da Xunta facería ben en ser máis respectuoso coa lexislación vixente. Se non lle gusta, que a cambie. Agora tén maioría lexislativa e pode facelo. Pero, mentres tanto, debería cumprir o Plano de Normalización Lingüística que promoveu e fixo aprobar un goberno galego precisamente presidido por Manuel Fraga Iribarne. Quere pasar Núñez Feijóo á historia como o revisionista do galeguismo de Fraga? Como o político que decide devolver o idioma galego á cladestinidade? Aló el, se ese é o seu gusto.