

O que si vou facer, porén, é reparar algo na recente entrevista que publicou este xornal, durante dous días, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Grandiosa entrevista, por certo, e dígoo polo menos pola enorme extensión que ocupou nas súas dúas entregas: dúas primeiras páxinas case enteiras e seis páxinas interiores, sen contar os nove artigos de opinión a que deu orixe o evento só neses dous días. En total, 7,849 metros cadrados de papel, a superficie que ocupan por término medio os cuartos de baño dos lectores do xornal, WC e bidet incluídos. Nin a Franco lle facían tanta e tan boa propaganda no Arriba.
Calculo que desta volta e aínda que fose só por dous días, La voz de Galicia debeu perder varias ducias dos seus habituais lectores que tanto lles gusta ver loado o líder conservador. Ándase dicindo que Feijóo é moi listo, e debe selo porque soubo aproveitar ben a ocasión que lle deu Xornal para presentarse como un gobernante caído do ceo para resolver as astracanadas cometidas polos que o precederon nas responsabilidades gobernantes, Fraga e el mesmo incluídos, aínda que o entrevistado se refira só aos definitivamente apestados do PSdeG-PSOE e do BNG.
Di o presidente que xoga cun equipo que “aterrou nunha pista de xeo e aínda segue con vida”. Realmente esta frase é moi oportuna, pronunciada case nos mesmos días en que La Voz publicaba os resultados dunha sondaxe que lle resultou extraordinariamente favorábel para os seus primeiros cen días de goberno.
Quizais o que máis me sorprende desta entrevista é o repentino fervor que mostra Feijóo por Castelao, figura qu ata agora nunca fora reivindicada pola dereita. "Castelao foi –Feijóo non di “é”– o apóstolo da palabra e o apóstolo da idetidade galega e do orgullo de ser galego. Castelao, igual que Brañas, Ramón Otero Pedrayo e Ramón Cabanillas, é patrimonio dos galegos. Eu non teño un busto de Castelao no despacho. Hai outros políticos que si o teñen e paréceme moi ben, pero que non se esqueza ninguén que Castelao non é patrimonio de ningún partido político. Castelao é patrimonio de Galicia”.
Xosé Luis Gómez, director de Xornal, e Xabier R. Blanco, adxunto á dirección, fíxeronlle unha moi boa entrevista, na que poucas cousas deixaron sen preguntar por elas. Neste sentido, o seu traballo foi xornalísticamente impecábel, pero canta moito que a entrevista que nunca lle fixeron a Touriño, mentres que foi presidente da Xunta, a Feijóo fixéronlla quilométrica nos primeiros cen días do seu mandato. Conta Gómez que foi porque o presidente socialista nunca lles quixo concedela. E será verdade, pero aínda así segue cantando a extraordinaria atención que lle está prestando ao líder do PP un xornal que, ata agora, entrevistas de sábana só llas otorgaba ao nacionalista Anxo Quintana.
Coincidindo, ademais, que este periódico lle deu cancha estes días ao fato de Manquiña, para que botase veleno badoco pola boca, quizais é lícito seguir pensando que Xornal de Galicia anda movendo a brúxula. Xa se verá.