miércoles, noviembre 04, 2009

Inmersión social con pulgas pagadas polo Estado

Parece ser que o caso xudicial da presunta corrupción política que se abriu en Lugo xa serviu polo menos para que algunhas persoas, que non sabían de todo en que mundo vivían, empezasen a percatarse de que debaixo das alfombras hai moito lixo. Lara Méndez, vicepresidenta da Deputación, con ese ar de princesa republicana que fai que ás veces se poda confundila cunha actriz secundaria da factoría de Antón Reixa, ou Xoán Xosé Díaz Valiño, alcalde de Castro de Rei –nada que ver con Camilo Díaz Valiño, que aínda hai clases– que ten máis cara de modesto empregado de banca que de político corrupto, con outros tres cargos elixidos democraticamente, agora todos investigados pola xuíza garzoniana Estela San José, tiveron ocasión de probar as “suites” dunha comisaría de Policía e de escoitaren dicir a algún representante da autoridade que a ver se van pensar que isto é un hotel de cinco estrelas.
Non o sei, pero supoño que lles dirían iso porque os que nos tocou pernoctar algunha vez en cama pagada polo Estado sabemos ben que tal frase é das que máis se poden oír nas comisarías que teñen calabozos. A min isto lémbrame os tempos pasados en que calquera ninjién con bigote fascista acostumaba advertirche por calquera motivo que ti non sabías con quen estabas falando. Nas comisarías, e coido que nos cárceres tamén sucederá, sempre hai alguén que che espeta: “A ver se vas pensar que estás no Palace”. É unha advertencia que non faría falta facerlle nin ao privado de liberdade con menor coeficiente intelectual, entre outras razóns porque nos calabozos das comisarías está ben á vista que non hai cuartos de cinco estrelas, pero case sempre se lle fai, non sei por que, quizais para que se percate rapidamente de que non é máis ca unha cucaracha comas que vai ter que esmagar na súa cela.
Según lin nalgún xornal, unha destas presas preventivas, a concelleira Ana Canto, saiu da súa indesexada –e indesexábel– experiencia co corpo convertido nun colador polas innúmeras picaduras de pulgas ou de chinches que, pola falta de luz, nin sequera puido catar se eran unhas ou outras o exército de parásitos que merendaron co seu sangue. Case todos eles se queixaron de que lles quitaron, entre outras cousas, os reloxios e que iso motivou a súa perda de conciencia do paso do tempo coa correspondente angustia. Tampouco lles gustou que os paseasen á luz do día e das cámaras coas muñecas esposadas. En fin, que o Estado lles pagou un cursiño de inmersión no proceloso mundo do enxuizamento criminal español. Espero que, se algún deles chega algunha vez a ministro de Interior ou de Xustiza, entre as súas precupacións, leven a de humanizar algo ese mundo, que boa falta lle fai.
E aínda tiveron sorte, porque todos coinciden en sinalar que foron excelentemente tratados polos seus gardas, de onde se deduce que as comisarías non son hoteis de cinco estrelas, pero están atendidas por funcionarios de librea. Mágoa que o último e recentísimo informe de Amnistía Internacional poña en entredito tanta bonanza. Sobre todo, no que se refire á actuación dalgúns policías autonómicos e locais, que parece que agora son os máis túzaros no tratamento dos detidos.

2 comentarios:

duar dijo...

Bo artigo, unha xustiça seria, profisional e dilixente,debe tratar aos criminais dentro dos cánones dos seu dereitos como cidadás.E bó para todos

Unknown dijo...

http://notitia-criminis.blogspot.com/2009/11/la-imputacion-de-domingo-diaz-de-mera.html

Pero quen vixia aos vixiantes? Agustín Díaz de Mera, xefe da policía no 11 M... de Aznar.

E aten máis cabos. Juan Gabriel Cotino Ferrer, agora un dos mandamases do Goberno valenciano -que está cheo de honorables, como vemos- tamén foi xefe da Policía, co PP de Mayor Oreja (Aznar tamén).

Non lles di nada?