Fálase con razón do bo comportamento que está demostrando a sociedade xaponesa para sobrevivir á catástrofe que lle orixinou o tsunami do 11 de marzo, pero a medida que pasan os días empeza verse que non é ouro todo o que reluce. Philippe Pons, un dos correspondentes do xornal francés Le Monde, nunha crónica que acaba de mandar a París pon de manifesto a precaria situación e o abandono no que están vivindo milleiros de persoas nas proximidades da central nuclear de Fukushima e no norte da illa de Honshu.
Por exemplo, ao concello de Minami Soma, próximo á zona de exclusión de 30 quilómetros da central de Fukushima, non chega ningún socorro, nin medicinas, nin gasolina, nin kersoeno, nin nada. O seus habitantes están totalmente illados. Moitos deles buscan como poden familiares e amigos entre os escombros. Outros tentan fuxir a pé, pero non saben onde ir. Ninguén lles di nada. Dende o 16 de marzo, a neve que está caendo dificulta enormemente a sobrevivencia nunha zona que presenta agora mesmo unha paisaxe apocalíptica. As temperaturas baixaron ata catro grados baixo cero.
Máis de 20.000 persoas permanecen illadas, sen socorro, sen alimentos e sen auga. Hai aldeas que non se poden comunicar porque as estradas foron destruídas polo terremoto, e a situación aínda é pior nalgunhas illas moi pequenas. Nalgún caso chegoulles algún socorro por helicóptero catro días despois do tsunami, cando xa non lles quedaba nada que comer. Medio millón de persoas viven acampadas en 2.400 centros de acollida montados polas autoridades locais. Están pasando moito frío pola falta de combustíbeis. “O Estado debe precisar a extensión da zona perigosa, e dicirnos a onde temos que ir”, protestan.
Os transportistas néganse a chegar ás zonas nas que poden caer partículas radioactivas, e a falta de gasolina paraliza os socorros. Os abastos chegan aos centros urbáns, pero logo non poden ser enviados ás aldeas.
En Minami Sanriku, provincia de Miyagi, o alcalde, Jin Sato, non recibiu aínda ningunha indicación do poder central, agás a de pedirlle á poboación que non saia das súas casas. “O Estado construiu estas centrais, e ten que ser agora o que nos axude”, manifesta. Dos 17.000 habitantes que había na súa vila, 10.000 están desaparecidos.
Moitas persoas maiores están ao límite da súa resistencia física. Seis delas xa morreron de frio no hospital de Sen-en. Enfermos diabéticos ou que padecen hipertensión quedáronse sen medicamentos. Moitos lugareños acusan aos habitantes de Tokio de estaren acaparando os produtos médicos e alimentarios. Un deles mandou un correo electrónico ao importante xornal Ashai falando de “egoísmo indecente”.
Tetsuo Yamaori, especailista en relixións, originario da provincia de Iwate, tamén escribiu no Ashai unha comunicación na que, entre outras cousas, di que “non se pode eliminar o sufrimento, pero pódese polo menos estar a carón dos que son vítimas, isto tamén é a impermanencia do mundo”.
1 comentario:
Es tan triste ver lo que esta ocurriendo
Publicar un comentario