viernes, mayo 13, 2011

Viaxe á Sicilia Occidental (1): Montelepre e Cinisi

Cinco de abril de 211, aterrizo en Punta Raisi (Palermo) no voo VY 6600 (Vueling) procedente de Bareclona ás 11,30 horas. Diríxome inmediatemnte ás oficinas de Budget para recoller o Fiat Punto que alugara previamente. A continuación, instálome no próximo Palm Beach Hotel de Cinici ( a dez quilómetros de distancia) para pasar a primeira noite. Comemos magnificamente nun restarurante que nos recomendan no hotel e, acto seguido, marcámoslle ao GPS a dirección de Montelepre, que está a vinte quilómetros. Como primeira visita quero coñecer o pobo onde naceu e desenvolveu principalmente a súa actividade o “bandido” Salvatore Giuliano, un auténtico mito siciliano que mestura a condición de rebelde independentista coa condición oficial de simple “fora da lei”.
A primeira sorpresa é que se trata dun pobo precioso á beira das montañas que no seu día abeiraron as actividades do famoso guerrilleiro. Fai calor. Case non hai ninguén pola rúa. Finalmente falo cun sobriño segundo de Giuliano, fillo de Giuseppe Scortino Giuliano, o home que segue empeñado en reivindicar a figura do seu antepasado e que agora é o único descendente seu capaz de contar cousas en primeira persoa de todo o que aconteceu co “bandido”. Como non teño tempo de agardar por el, prométolle repetir algún día a visita para falarmos con detalle.
Regresamos a Cinisi, agora mesmo unha mestura de aldea e vila turística atormentada pola folga de recollida de basuras que fai dalgunha das súas rúas unha especie de vertedoiro incontrolado de lixo que procura os piores cheiros. Na terraza do hotel, mirando unha das beiras do golfo de Castellammare, lémbrome de Pepìno Impastato, aquela vítima da mafia que foi asasinado no ano 1963. Pepino era el mesmo fillo  dun mafioso, pero home de esquerdas e consciente dos problemas do seu país, montou unha emisora de radio para denunciar as cacicadas da súa terra, entre outras a construccción do actual aeroporto de Palermo. Custoulle a vida. Mandárono matar os daquela capi da zona, a familia Badalamentí, que son precisamente os sicilianos que estabreceron os primeiros contactos co mundo do contraando e logo do narcotráfico galego. Os Badalamenti (no seu día protexidos por un inescrupoloso xuíz galego da Audiencia Nacional) caíron en desgraza dentro da mafia siciliana do célebre Totó Riina e remataron nos cárceres e nos negocios dos Estados Unidos.
Hoxe Cinisi é unha vila turística aparentemente tranquila na que conviven os restos da mafia cos habitantes que están comprometidos coa reivindicación da figura de Pepino Impastato. No momento de escribir eu estas liñas os primeiros están precisamente celebrando a figura histórica de Impastato, 48 anos despois do seu asasinato. Teño que volver por alí. Aínda que sexa só por comer algunha das naranxas que se poden apañar do chan paseando pola rúa principal da vila, o Corso Umberto, precisamente onde están a casa natal de Impastato (hoxe un centro cultural sobre a súa memoria) e, a cento passi, (célebre película sobre a súa figura) a casa que foi dos Badalamenti (embargada hai pouco tempo polas autoridades antimafia).


NB.–Un importante contratempo sucedido nos servidores de Blogger fixo desaparecer este post durante 24 horas e, con el, tamén foron dar á papeleira os comentarios presentados por algúns lectores, que agora eu non podo recuperar. Se alguén quere repetilos, serán recibidos con gran pracer. Excusen as molestias.

2 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Fascinante primeiro apunte. Xa me ten a min colocado agardando polo segundo. Cunha envexa de carallo.

Arume dijo...

Escribía eu que aquí me ten agardando máis que envexoso polo seguinte apunte. Este primeiro fantástico.