
Os que viaxamos decote pola Bretaña francesa, por exemplo, sabemos que alí en cada aldea de poucas ducias de habitantes hai unha igrexa chea de pequenas e non tan pequenas delicias patrimoniais que desaparecen con menos frecuencia ca no noso país aínda que alí os templos católicos están abertos mañá e tarde e poden seren visitados sen viixiancia aparente e sen ningún tipo de protocolos impedimentarios. Abonda con chegar, entrar, ver o que hai e logo marchar. Sempre me chamou a atención a excelente cohabitación que hai nese país entre cidadanía, relixión e simple turismo accidental. Quizais se deba a que Francia fixo a a súa Revolución, tivo a súa Ilustración e ata as igrexas –cando son monumentos– poden ser patrimonio do Estado e non dunha organización eclesiástica concreta.
E non vou dicir que o Calixtinus puidese estar maís seguro se pertenecese á Xunta e estivese gardado na Cidade da Cultura, por poñer un mal exemplo, pero dá moito que pensar –e sospeitar– o que se está empezando a saber de como gardaba a Curia compostelá o seu máis prezado tesouro material. Haberá que estar atento a todo o que vaia pasando arredor deste triste acontecemento. Nin sequera me parece exemprar que o ministro de Interior, Rubalcava, abandone o Ministerio responsábel da seguridade estatal sen que pasasen nin 48 horas dende que se fixo público o xa célebre roubo perpetrado na catedral de Santiago.
Algún inexperto no uso da metáfora chegou a dicir que a desparición do Calixtinus é como se roubasen as Meninas. Hai que ser algo analfabeto para facer tal comparación. O cadro de Velázquez é importantísimo e se cadra Sotheby’s sería quen de sacar máis cartos por el que polo Calixtinus nunha poxa, pero o que acaba de desaparecer da catedral de Santiago é para os galegos, en primeiro lugar, e para o resto do mundo occidental despois algo verdadeiramente insustuíbel. Por iso dá carraxe e vergoña ver o que acaba de pasar con el.
1 comentario:
Rubalcava???.
Non lle estará a enganar o subconsciente e querería poñer Rubalcalva?.
Se non se quería mofar do candidato a pasteleiro maior do Reino o seu apelido real é Rubalcaba.
Saúdos.
Publicar un comentario