Se eu fose un deses novelistas de éxito xa estaría a piques de rematar unha obra que se titulase, por exemplo, Los efebos de de don Chema. E, se fose produtor de cine, tiraría de chequeira para comprar ipso facto os dereitos de levar a historia ao cinema. Por que o digo? Por simple vontade de darlles algunha pista aos investigadores do roubo do Codex Calixtinus, que parecen andaren máis perdidos ca un polbo nun garaxe.
E cal sería a trama desa novela-película posterior? Moi sinxela. O Codex roubouno un tal X., organista da Catedral que formaba parte dun grupo especial de amigos dun dos coengos máis influíntes do templo compostelán. Non actuou por intereses crematísticos nin formando parte de ningunha organización do crime senón que levou a cabo a súa acción impulsado por instintos de carácter sexual (non hetero). O malo do caso, dende o punto de vista do patrimonio galego, é que o ladrón desfíxose do tesouro roubado tirándoo simplemente ao lixo ou queimándoo para eliminar calquera proba da súa culpabilidade. Mentres que se investiga o caso, na Curia compostelá desenvólvese unha gran intriga que leva a unha parte do poder eclesiástico local a pedir a cabeza do responsábel da custodia do tesouro roubado, e no Vaticano tamén se desencadean accións que repercuten moi ampla e fondamente na administración da Igrexa galega con consecuencias insalvábeis para a carreira dalgúns dos altos cargos eclesiásticos da vella Compostela.
Que lles parece? Deberei chamar a Planeta para que me vaian encargando a novela? Porque é de supoñer que se aviso á Policía sobre esta hipótese mándame ao trullo dicindo que estou tolo. Ou se cadra non. A fin de contas, a Policía en Galicia está mandada por un autor de novela negra que algo saberá de todo isto. Anda que, se algunha vez se confirmase algo desta trela, eu ía perder o cú correndo a pedir que me declarasen adiviño maior do Reino (mellor da República).
10 comentarios:
Pero outra vez! Que manía teñen vostedes os xornalistas de dicir sen dicir! Merquei o Interviú da semana pasada e, por máis que lin e relín, non atopei os "bulos sexuales" de José María (don Chema será para vostede, que parece que lle pasou a man polo ombreiro máis dunha vez, jejeje). Pero escriba, home, escriba, e conte algo!!! Tanto díxome díxome esgota a un santo. Mesmo ao santo Job!
Como vostede nos conta cousas tan saborosas, Señor Perfecto, voulle contar eu outra tamén, para que vexa en qué situación se encontra a Igrexa galega. Hai unhas semanas, estaba a piques de nomearse un bispo galego máis, que iría, creo, para Ourense, aínda que outros din que sería o auxiliar de Santiago. Entón, o todopoderoso blog de La Cigüeña, que escribe o columnista de La Razón que se ocupa de asuntos eclesiásticos, denunciou publicamente o que crego galego que ía chegar á mitra era amigo de Andrés Torres Queiruga. ¡¡¡E parouse o nomeamento...! É certo que o obispable relegado lle fixera unha entrevista a Andrés para TVG, e tamén que o defendeu cando un sector da Conferencia Episcopal tratou de condenado inxustamente. Pero, desde logo, como dicía o outro, MANDAGÜEVOS.
http://www.intereconomia.com/blog/cigueena-torre/tendra-obispo-orense-lunes-20110625
(Para que digan que os blogs non moven o mundo. Aquí teñen vostedes: un bispo galego menos.)
Moito me temo que xa non haberá capelo cardenalicio para Julián Barrio. E ata nin creo que cheguen a nomear un bispo auxiliar para axudarlle.
¿Canto durará o deán á fronte do cabido catedralicio de Santiago?
¿Que pensan os demais coengos da catedral?
¿Que din en privado?
E non será todo unha manobra do egrexio cardeal amigo de Fraga para controlar mellor a situación e facer o que lle pete (máis aínda) na súa terra?
Non creo que o cardeal teña nada que ver con isto. Máis ben ao contrario. A el dóelle moito a situación que está a vivir o deán da catedral de Santiago, polo que sente unha gran estima.
Voulle dicir unha cousa, maestro, e que non lle soe a peloteo barato, porque non o é: estou convencido de que vostede podería atopar o Códice. Pasaría á historia. E sería unha gran cousa para a profesión xornalística que fose un periodista quen o atopase.
A min importaríame menos que fose alguén da "profesión xornalística" quen atopase o Códice. O que me me importa moitísimo, supoño que coma calquera outro galego, é que esa importantísima peza do noso patrimonio volvese a estar onde ten que estar. E, como tal, estaría disposto a facer calquera cousa –sempre dentro da legalidade- para contribuir a esa reaparición.
Pois teño eu a impresión de que non vai precisamente polo mal camiño, nese empeño. Déixeme só darlle un consello, aínda que non sexa eu quen para dalos, e menos a vostede: lembre que Santiago é unha cidade que para quen de verdade a coñece de portas adentro, non ten segredos. Vaia tomar algún café cos que, a diferencia dos seus antecesores, xa non toman chocolate nas tertulias das reboticas. Vaia dúas ou tres veces. E déixeos falar, déxeos falar. Que falar, no fondo, é o que queren. Porque é certo que o cabido catedralicio non é culpable da desaparición do Códice. Se acaso será responsable moralmente, pero culpable xamais. E non todo o Cabido, aínda que agora haxa quen trata de meter todo no mesmo saco. Algunhas persoas do Cabido, que por boa fe (xamais por outra cousa), e porque o corazòn co paso do tempo se vai facendo cada vez máis débil, lle concederon excesivas confianzas aos que xamais as merecen. Eu, e conste que esto falando tamén coma vostede neste caso desde a perspectiva da ficción, preguntaría se había alguén ao que se lle deixaba circular libremente de noite polo interior da catedral, e levar xente con el. O demais é cousa súa, maestro. Apertas, e que lle saia ben a novela.
Sempre pensei nunha trama de mariconeo con sotana...
Publicar un comentario