Por fin e definitivamente a min convenceume Xosé Blanco da súa inocencia dicindo que “se quixera facer algo obsceno, fóra da lei, citaríao (ao empresario Dorribo) no meu despacho”. Que lugar pode haber máis indicado para facer gandulerías administrativas, deixarse subornar ou practicar todo tipo de trapalladas? Véxase senón a experiencia que estamos vendo traslucir do xuízo que lles segue a Camps et altri en Valencia.
Para iso están os despachos dos ministros e dos demais altos cargos, e non as gasolineiras, templos sacros estabrecidos para a relación humana espiritual, como todo o mundo sabe. Eu nunca parei nunha gasolineira que non fose para rezar o rosario de paso que estiraba as pernas, e endexamais vin neses inocentísimos lugares a ninguén que tivese máis ca pinta característica dos que nunca matan unha mosca nin son quen de asaltarlle a faltriqueira a unha vella. Ou sexa, xente como o inminente ex ministro de Fomento e o empresario Dorribo.
Con argumentos así vai ser, efectivamente, imposíbel que ningún xuíz poda facer máis nada que darlle o premio da Santísima Inocencia Inmaculada a don Pepiño Blanco.
1 comentario:
Que poca vergüenza tienen!!!
Publicar un comentario