Demasiado patética a comparecencia que acaban de facer os ministros de Asuntos Exteriores e de Industria de España –e, por certo, quen era a terceira persoa con cara de chófer que aparecía ao seu lado?– para responder á fulminante nacionalización de IPF-Repsol que presentou hoxe a presidenta da República Arxentina, Cristina Kirchner.
Ata a escenificación do feito era sombría e case patibularia. Como poden comparacer dous ministros á vez para non diciren nada de nada? Que se van tomar medidas contundentes? Digo eu que habería que telas previsto e anuncialas cando se produce o que se produce. E, por riba, un deses ministros, o de Asuntos Exteriores, é precisamente o que anunciaba hai poucas horas que o desencontro hispano-arxentino parecía encarreirado.
O único que sabía o que quería facer e como facelo é o goberno de Cristina Kirchner, que sen afagos previos nin vacilacións arreuoulle o gran mazazo á petroleira que algún día foi española. Está claro que, en poucas semanas, porque a penas se pode falar de meses, o goberno de Mariano Rajoy padeceu un desgaste que case sempre tarda anos en consumarse. Non dá unha no cravo. Reformas laborais que alporizan o país, medidas fiscais e económicas que cada vez agravan máis a situación, mediocrización do ensino e da sanidade e, por se fose pouco, na Casa Real case todos se libraron aos maiores desenfreos como se estivésemos vivindo nunha auténtica república barataria. Por este camiño só nos vai quedar a saída de adiantar unhas novas eleccións xerais que podan servir para correxir o rumbo. Mal anda gobernada España para que todo nos estea saíndo como se fósemos... seguramente o que somos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario