martes, noviembre 19, 2013

A intransparencia do caso Sestayo


Non parece que se vaia esclarecer pronto nin debidamente o caso da deputada do PSdeG-PSOE Beatriz Sestayo. Nin ela está demostrando a vocación de transparencia que debería acompañar a calquera representante público da democracia, nin o seu denunciante parece ter seguido o procedemento máis axeitado no caso de que os feitos que denunciou podan seren constitutivos de suposto delicto, nin sequera a Presidencia do Parlamento parece ter estado á altura das circunstancias.
Para empezar, o vixiante privado que denunciou á deputada socialista tardou unha semana en formular a denuncia que ergueu este escándalo político, dado a coñecer precisamente no momento en que un concelleiro do PP da Illa de Arousa era condenado por contrabando de tabaco. Só o azar e a necesidade poderían quizais indicarnos algo sobre esta curiosa coincidencia.
Tampouco resulta doadamente comprensible o feito de que, só despois de máis de medio ano, os responsábeis do Parlamento adoptasen medidas coercitivas para desaloxar o coche da deputada Sestayo que estaba ocupando indebidamente unha praza do aparcadoiro oficial da institución da rúa do Hórreo de Santiago. En vista de como agora se vai sabendo que pasou con este caso, habería que preguntarse se non houbo ou aínda hai outros casos parecidos e mesmo semellantes que non tiveron nunca a repercusión do coche de Beatriz Sestayo.
De seren certos os feitos que denunciou o vixiante do Hórreo, a deputada socialista debería ir pensando nunha inmediata asunción de consecuencias, entre as que non estaría de máis a súa renuncia ao cargo parlamentar que representa. De seren incertos ou mesmo falsos, tería que tomar as medidas pertinentes contra o presunto calumniador que a meteu neste fregado. En calquera das dúas circunstancias, Beatriz Sestayo débenos a todos unha explicación pública e competente do que pasou co seu xa famoso coche e do acontecido na porta do aparcadoiro do Parlamento co vixiante que a denunciou. Ademais, está moi ben que a Presidencia do Parlamento mostre a súa vontade de entergarlle ao xuíz as imaxes que foron gravadas do incidente –en realidade esta boa vontade está de maís dende o punto e hora de que a Presidencia do Parlamento está por lei obrigada a presentar esas imaxes cando a autoridade xudicial llo solicite–, pero tamén sería plauxíbel que o propio Parlamento levase a cabo a correspondente investigación do caso e dera conta pública do seu resultado.
Mentres que todo isto non suceda, o suposto uso indebido dunha praza de aparcadoiro, por parte dunha deputada, e o comportamento propio ou impropio dun vixiante do Parlamento, seguirán no limbo dun rifirrafe que ata pode ter cheiros de guerrilla política. Debería primar sobre todo a transparencia, e que cada persoa e cada cousa ficasen no seu sitio.

1 comentario:

Anónimo dijo...

En Muros hai Sestaio de Arriba e Sestaio de Abaixo. Ulo esta Sestaio? Talvez Sestaio do PSOE do Medio. Diga falso, non incerto (incerto era don Hamlet, que non falso). Diga plausible,non plauxible. Plausible só significa aplaudible, loable, non posible ou cuaseposible (para vostede posibel?). O corrector incorrixible.