Non me gusta nada a trangallada política que está desenvolvéndose dentro de AGE, que non é un ácido graso esencial senón un conxunto de forzas politicas agrupadas co nome de Alternativa Galega de Esquerdas. No seu día este movemento encabezado polo nacionalista Xosé Manuel Beiras e pola comunista Iolanda Díaz representou para milleiros de persoas –entre as que me conto– unha engaiolante alternativa política que chegou a cosechar un importante éxito nas últimas eleccións autonómicas.
Todo foi máis ou menos ben ata que xurdíu a demisión do xa ex deputado nacionalista David Fernández Calviño, que elixiu dedicar a súa vida á investigación científica en Dinamarca, e apareceu a belixerante actitude da candidata que lle tocaba por orde de lista substituílo no Parlamento, a comunista ourensá Carmen Iglesias, pintoresco personaxe que se negou a ceder o posto para que se cumprise o acordo interno da coalición de non cambiar a relación de forza entre Esquerda Unida e Anova.
Digo pintoresco personaxe, referíndome a Carmen Iglesias, porque o argumento máis intelixente que lle teño escoitado para defender a súa postura é o de que ela segue a ser a vermella (ela dí “roja” e “roxa”) que foi sempre. Pero como é posíbel que aínda impere tanta mediocridade no corporativismo político galego?
A mágoa de todo isto é que nin AGE, nin Esquerda Unida, nin Anova, nin Beiras, nin Iolanda Díaz son xa o que eran antes deste lamentábel e bochornoso conflito de intereses políticos e persoais. Carmen Iglesias terá o seu minuto de gloria que lle fará pasar á historia coma muller que non entendeu nada do que pasa ao seu redor, ou que só quixo entender o que máis lle interesaba a ela. Iolanda Díaz, coma o cabo furriel ao que non lle fixo caso o soldado de portas. E Beiras coma un aspirante a Nobel da Paz que non será quen de pasar a aduanas de Oslo ou Estocolmo. Vai aviada a política galega de esquerdas por este camiño. No BNG e, sobre todo, na UPG deben andar escachándose de risa. E non digamos, especialmente, no PP.