viernes, diciembre 13, 2013

A trangallada de AGE


Non me gusta nada a trangallada política que está desenvolvéndose dentro de AGE, que non é un ácido graso esencial senón un conxunto de forzas politicas agrupadas co nome de Alternativa Galega de Esquerdas. No seu día este movemento encabezado polo nacionalista Xosé Manuel Beiras e pola comunista Iolanda Díaz representou para milleiros de persoas –entre as que me conto– unha engaiolante alternativa política que chegou a cosechar un importante éxito nas últimas eleccións autonómicas.
Todo foi máis ou menos ben ata que xurdíu a demisión do xa ex deputado nacionalista David Fernández Calviño, que elixiu dedicar a súa vida á investigación científica en Dinamarca, e apareceu a belixerante actitude da candidata que lle tocaba por orde de lista substituílo no Parlamento, a comunista ourensá Carmen Iglesias, pintoresco personaxe que se negou a ceder o posto para que se cumprise o acordo interno da coalición de non cambiar a relación de forza entre Esquerda Unida e Anova.
Digo pintoresco personaxe, referíndome a Carmen Iglesias, porque o argumento máis intelixente que lle teño escoitado para defender a súa postura é o de que ela segue a ser a vermella (ela dí “roja” e “roxa”) que foi sempre. Pero como é posíbel que aínda impere tanta mediocridade no corporativismo político galego?
A mágoa de todo isto é que nin AGE, nin Esquerda Unida, nin Anova, nin Beiras, nin Iolanda Díaz son xa o que eran antes deste lamentábel e bochornoso conflito de intereses políticos e persoais. Carmen Iglesias terá o seu minuto de gloria que lle fará pasar á historia coma muller que non entendeu nada do que pasa ao seu redor, ou que só quixo entender o que máis lle interesaba a ela. Iolanda Díaz, coma o cabo furriel ao que non lle fixo caso o soldado de portas. E Beiras coma un aspirante a Nobel da Paz que non será quen de pasar a aduanas de Oslo ou Estocolmo. Vai aviada a política galega de esquerdas por este camiño. No BNG e, sobre todo, na UPG deben andar escachándose de risa. E non digamos, especialmente, no PP.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Don Perfeuto, equivócase vostede. Nin no BNG nin na UPG poden estar escachándose de risa pola sinxela razón de que o conto é triste. Máis ca nada, triste.

Anónimo dijo...

No BNG non nos escachamos de nada disto. Máis ben estamos a darlle voltas a como salvar algo da desfeita. Por iso ofrecemos a man.

Anónimo dijo...

No PP tampouco nos escachamos de risa. Tamén estamos a darlle voltas por ver como salvar algo da desfeita e tamén ofrecemos a man.

Anónimo dijo...

Á pintoresca e caradura de cemento armao señora Carmen fáiselle a boca auga e,efectivamente, no PP deben estar escachando coa risa; a tal "señora" cando fala é case tan patética coma eles, só lle falta dicir relaxing café con leche. Aínda, por riba,Beiras mete a zoca, coas súas últimas declaracións; temos derechona pa rato con Rato, de Cospedal e cía.

Anónimo dijo...

Na UPG algo si que nos escachamos de risa, pero tamén ofrecemos botar unha man (ao pescozo de Beiras, a ser posible).

Anónimo dijo...

As veces jode moito descubrir que tiñas razón. Esta é una delas. Si habia un proxeto que despertaba ilusións nun vello corazón desnortado, ista era unha delas.
Pero quizais, don Perfeuto, xa non ten aquel coller ilusións por ningunha cousa.

Vexo a retirada de Martiño Noriega como unha derrota. Non entendo a actuaci\ón do voso príncipe Beiras e quédome co vello esquerdismo transversal, transfronteirizo, e, quizais, don Perfeuto, tamén transnoitado. Non entendo as estratexias de partido que dan as costas os cidadans (alguns deles, non os señoritos que creen que a sociedade e o seu cortixo ainda co neguen nos seus correos).

Semella que o da a AGE vai ir o carallo. E, ainda que o adiantara, non me sinto nada satisfeito de velo vir.