miércoles, octubre 08, 2014

Excalibur


Excalibur, o can da enfermeira de Madrid infectada polo virus Ébola, se cadra pasa á historia como a gran metáfora da alarmante decadencia da asistencia sanitaria pública española dende que goberna o conservador Mariano Rajoy. Pretender demostrar que se fan ben as cousas sacrificando manu militari un animal, sobre o que ninguén se preocupou sequera de averiguar se era un reservorio de virus infectante, máis que honrar o nome do can –pobre princesa do Lago que lle fundiron a espada!– parece evocar momentos, intencións e comportamentos que fixeron tristemente célebre unha parte da historia de Europa.
Non salientaron por estaren á altura das circunstancias nin a instancia xudicial que se prestou a dar urxente vía libre á supresión do animal, sen pararse a argumentar se outras alternativas se poderían ter aplicado; nin a Facultade de Veterinaria de Madrid, que seguramente non soubo aproveitar a ocasión que se lle podía dar de investigar a fondo un caso teoricamente tan interesante dende o ponto de vista da ciencia e da protección da vida animal, nin os servizos da orden pública que non tiraron do caso máis oportunidade ca de de repartir estopa en Alcorcón... E xa non digamos o escandaloso comportamento público da ministra do ramo e do seu xefe de Goberno. Análise aparte merecerán tamén algunha vez os comportamentos dalgúns representantes ou compoentes da tan cacarexada “mellor sanidade pública de Europa”. Unha das leccións que nos vai dar o dramático Ébola é a de obrigarnos a repasar que nos está pasando sanitariamente.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Benvido, Perfecto. Non nos deixes tanto tempo in albis.