viernes, enero 29, 2010

España segue indo ben

Os xubilados volvemos a cobrar menos este ano (xa nos pasou no 2009) e o goberno de Zapatero anda artellando medidas para prolongar a vida laboral ata os 67 anos. Corbacho, ministro de Traballo, ameaza: “Se non facemos nada, en 20 anos periga o sistema de pensións”. O paro segue medrando e pode superar o 20 por cento. O pior ano da crise, o 2009, rematou con 1.118.600 parados máis, colocando a cifra total en 4.326.500 persoas sen traballo. Todo un panorama.
Mentres tanto, nin gobernos nin sindicatos se ocupan do que está a pasar realmente no proceloso mundo do capitalismo actual. Anne Michel publicou, hai poucos días, en Le Monde unha preocupante análise das sociedades que están evadíndose aos paraísos fiscais. Comenzando pola famosísima Google, riquísima multinacional que está alixeirando a carga dos seus impostos instalándose en Irlanda, un pais de “fiscalidade dulce” ou case inexistente. Google pode exercer unha actividade comercial importante en países como Francia ou España, por exemplo, logrando neles grandes beneficios, pero pagar o esencial dos seus impostos en Irlanda.
A crise fnanceira salientou o problema do nivel de imposición das grandes empresas mundiais que se dedican por completo ao que elas chaman optimización fiscal, a calcular o codiciado “prezo de transferencia”. O tema é tan preocupante que o G20 xa se ocupou del no ano 2009 na pespectiva de loitar contra os paraísos fiscais, sen pasar ata agora das meras ideas.
Os prezos de transferencia son os que corresponden aos cambios de bens (produtos, patentes, etc.) ou de servizos (prestacións informáticas, etc.) entre unha casa matriz e as súas filiais no estranxeiro. Cando eses prezos son iguais aos do mercado, ou sexa, aos que facturaría por eles a competencia, as multinacionais estarían dentro da legalidade. Se son falseados, colocaríanse fóra da lei. Que ocorre? Pois que as multinacionais que están presentes en moitos países sívense dos prezos de transferencia para localizar as súas ganancias nos paises de baixa fiscalidade. Pola contra, onde declaran as súas perdas é nos estados con altas taxas de imposición sobre sociedades.
Como di a xornalista de Le Monde, “os prezos de transferencia son daquela unha maneira sutil de defraudar o fisco”. Máis sutil que disimular diñeiro nunha sociedade pantalla nun centro offshore. O fraude é máis doado cando as empresas cambian bens incorpóreos (patentes médicas, programas informáticos, coñecementos especializados, etc.) para os que non hai ningún prezo de mercado.
Le Monde puxo como exemplo de caso práctico o dun grupo francés de licores que exporta as botellas a unha das súas filiais nas Bahamas a tres euros, un prezo moi baixo en relación aos custos de producción. Daquela realiza un magro beneficio, pero a súa filial bahamesa leva a cabo un bo negocio vendéndolle esas botellas a Estados Unidos por 18 euros cada unha, seis veces máis do que pagou por elas. A casa matriz infravalora as súas ganancias no país onde tería que pagar máis impostos por elas, e a filial case non paga nada no paraíso fiscal onde se atopa protexida. Para o gupo licoreiro francés a vantaxe fiscal é enorme, pero Francia vese privada dun imposto que lle correspondía.
Dada a gran opacidade que esconde os prezos practicados polas empresas, resulta imposíbel calcular o fraude relacionado co uso ilícito dos prezos de transferencia. Aínda así, Pascal Saint-Amans, experto da Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económicos (OCDE), respondeulle a Le Monde que “o 60 por cento do comercio mundial faise intra-grupo e o risco de evasión, é dicir, de fraude, é logo potencialmente elevado”. Tamén opina este experto que “o abuso dos prezos de transferencia é un tema de alto risco, poden servir de palanca para deslocalizr a materia taxábel”.
Eva Joly, eurodeputada francesa ecoloxista, antiga xuíza do famoso caso Elf, compara este fenómeno coa corrupción que houbo no comercio mundial nos primeiros anos noventa. “É a criminalidade –di– dos dez anos que veñen. Unha criminalidade extraordinariamente complexa a detectar e a perseguir”. Daniel Lebègue, presidente da ONG Transparency International en Francia, sostén que “hai que acentuar a loita contra a utilización dos prezos de transferencia, e parece chocante que, en Francia, a taxa de impostos efectiva soportada polas grandes empresas sobre os seus beneficios sexa do 10 por cento, cando a das pequenas e medianas empresas acada o 30 por cento”.
Diante deste panorama, o goberno de Zapatero e non digamos a oposición de Rajoy, parecen máis interesados en arrear novamente sobre as costas dos traballadores e dos xubilados. Debe ser que España segue indo ben, como dicía Aznar. E os partidos de esquerdas dirán algo en castelán, galego, catalán, euskera ou spanglish?

10 comentarios:

Hildegart Canido dijo...

O BNG xa dixo algo en galego: que se opón a que se retrase a xubilación.

Anónimo dijo...

Agora si que vai gobernar a dereita. Eu, dende logo, xa non volvo votar PSOE.

Anónimo dijo...

Estas si que son as cousas que nos afectan a todos, pero os nosos dirixentes seguirán embebidos nas polémicas de turno. As Gloria Lago, os Carlos Callón, os da banda de Laíño e os de Lestrove, os de Cultura, os de Educación, os de aquí e os dacolá. E os traballadores onde é que estamos? Na panoplia.

Anónimo dijo...

E Comisións Obreiras, tamén contra o retraso xubilar.

Sarmiento dijo...

A dereita é mestra no tema de non falar de economía, vese que falar de cartos é pouco estiloso.

Perfecto Conde dijo...

Máis pre tonde nós, Caixa Catalunya, La Caixa, aumentou as retribucións dos seus directivos extraordinariamente. O seu director xeral, Adolf Todó, pasou de cobrar un 33,3 por cento máis do que cobraba, 800.000 euros agora, pero ademais o cumprimento das variabéis que se lle poden sumar por determinados obxectivos subiu do 35 ao 50 por cento, polo que a retribución deste directivo pode ascender a 1,2 millóns de euros.
Ao subidrector xeral de La Caixa, Jaume Massana, incrementáronlle as retribución un 60 por cento, e pasou de gañar 375.000 euros a levar para casa 600.000.
En todo isto en pleno período de reestruturación de Caixa de Catalunya e á espera de que se lle entreguen 1.315 millóns de euros das axudas estrabrecidas polo Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB).

Theo dijo...

Fai uns tres anos achegeime á uha conferecia de Carlos Taibo en Madrid sobre a Globalización. Alí dime conta que íamos ao desastre económico mundial. Carlos naquel tempo daba no clavo, e acertou. Falaba desas empresas (corporacións) das que fala Perfecto, que están en paraisos fiscais. Aquel día despois da conferencia, Carlos convidoume a cear e falando quedei abrallado sobre o que tiñamos á vista en tres ou catro anos. Hoxe estou moito máis abrallado ao saber que Carlos acertou e que a cousa non queda aquí. A cousa vai inchar como un globo.
Quédame un ano e medio para a xubilación e estes administradores do capital PSE (sempre lle quito a O de obrero por deformación da miña próstata mental) vánme foder vivo.
¡Que carallo!, A Seguridad Social non tería que ter ni superavit nin déficit, igual que o exército. Tería que subvencionarse cos presupostos xerales do estado, igual que todo, e si no hai diñeiro que llo pidan ao que o ten e non facer o contrario subvencionar a banca e a Díaz Ferrán, ou sexa, socializar perdas.
O país con millóns de parados e o remedio e as receitas para parar a crises é máis do mesmo e o goberno nos quere vender a moto.¡A quen queren enganar !. ¿Qué pasa coas SICAV ?. Este goberno nin man lles mete nin nada fai para poñer remedio. As SICAV son sociedades de inversión de capital que pagan o un por cento e no argot financeiro lle chaman “Los Mariachis”, ou sexa un só “codicioso” e 99 mariachis (testaferros). Na práctica, utilízanse para a xestión individual de carteiras de grande patrimonios. Neste intre hai preto de 3.369 SICAV baixo xestión de máis de 27.000 millóns de euros (case 4.5 billóns de pesetas).

Algún día nos explicaran estes líderes políticos o desta desfeita e corrupción por parte destes sinvergonzas. Aínda que para “codicia “ a de determinados políticos que acumulan unha morea de substanciosos soldos, e o que moito peor, a costa do diñeiro público.
Cómo dicía a miña avoa: "Mal raio os fenda, cando as cousas non son como tiñan que ser, sempre hai gato pechado".
Levo cómo preto de 14 anos sen votar a ninguén por aquilo das listas abertas. Agora coido que non teño máis remedio que votar un pouco de esquerda, da que queda, I.U., que é a esquerda menos mala, soamente para poder contrarestar á extrema dereita PP é a dereita gobernante PSE.
Isto da xubilación da moito que falar, e non podemos esquecer a os deputados con dúas lexislaturas que collen o retiro ao cen por cen e coas pensións máis altas. Non teñen nin puta vergonza e teñen máis cara que un zapato vello.

Anónimo dijo...

Folga Xeral xa, dunha puta vez, temos que enseñarlle os dentes a tódolos Díaz Ferrán e ao Goberno.
¿Que agardan os sindicatos?. Son como comparsas que tocan ao son que marca o goberno.

Anónimo dijo...

A pensión vitalicia de 3 millóns de euros do BBVA ao seu número dous José Ignacio Goirigolzarri é como unha moca a tódolos pensionistas deste inxusto país. O BBVA anunciou a saída de “mutuo acuerdo” deste “jubileta anticipado”. Para afrontar esta suma de tres millóns anuais que cobrará, o banco o aprovisionou en 54, 49 millóns de euros. Hai que foderse con este elemento. Agora irá ao INSERSO para as vacacións nun Balneario para curar as almorranas.

Luisfoz dijo...

O incremento bruto da minha pensão neste ano é de 17 euros. Quem quiser pode calcular a minha perda de valor real.