martes, enero 05, 2010

Unha cea en tres idiomas

Nin zapatos de tacón de Beatriz Mato, nin gravatas e porta puros de Mariano Rajoy, nin escultura de Agustín Hernández, nin cadros de Samuel Juárez, nin colgante de Pilar Farjas, nin bolígrafos de Pilar Rojo e de Rosa Quintana, nin rabo de gaitas. Aquí o que vale é cear a soas co presidente da Xunta no castelo do Príncipe Pío. E é un home e non unha muller, o que vai pagar 1.300 euros por ese ágape.
Se cadra non é insignificante este detalle. Por se alguén pensaba que o noso presidente erguía paixóns entre a población feminina, o resultado da poxa levada a cabo en Ebay non parece indicalo. O que máis interese demostrou en cear con el é un representante do sexo masculino. Será por amor, simple curiosidade, interese persoal? Pensará que lle vai poder contar ao presidente da Xunta algunha das súas coitas? Tentará convencelo de que faga algo dunha determinada maneira? Cearán os dous sòzinhos á luz dunha vela? Onde estará esa noite Carmen Gámir? Falarán en galego, en castelán ou en inglés? Propóñolles galego para o primeiro plato, castelán no segundo e inglés na sobremesa, e que vaia Anxo Lorenzo cronometrar a sesión.
Pobre Mariano, levar gravata e fumar puros toda unha vida para isto, cando o que mola é cear co rapaz dos Peares! O que tamén fica claro é que non é precisamente a arte o que impresiona nos corredores do PP: dous cadros pintados polo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, por 100 euros. Compréndese no caso dos zapatos de tacón-punta-tacón de Beatriz Mato, que a fin de contas xa serían usados, pero no bolígrafo co que a presidenta do Parlamento asinou a designación de Feijóo como presidente da Xunta ou na escultura do amo das escavadoras, ben pouca sensibilidade demostraron os poxantes.

No hay comentarios: