martes, mayo 25, 2010

Colleita Valcárcel, reserva mil primaveras

Volvo ler o lostregante Marcos Valcárcel na solaina das súas uvas ou nas uvas da súa solaina que, sen seren a mesma cousa, veñen sendo a mesma identidade. Di que escoitou a cantante brasileña María Bethânia e que lle oíu o verso de "navigar é preciso, viver nao é preciso”.
Quizais sen decatarse, Marcos botounos a historia enriba da nosa sensibilidade. “Navigare necesse, vivere non necesse” contounos Plutarco que lle dixo Pompeio aos seus mariñeiros cando se negaron a embarcar. “Viver nao é preciso, o que é preciso é crear”, traduciu Fernando Pessoa e de aí bebeu Caetano Veloso para escrbir Os Argonautas en versos que cantou magníficamente a súa irmá María Bethânia.
Parece que, con este lóstrego de Marcos, rematan as uvas na solaina. Mentira, esas uvas facerán sempre o viño da nosa esperanza. Colleita Marcos Valcárcel. Reserva de mil primaveras.

No hay comentarios: