jueves, mayo 13, 2010

Sistema Ikea de identidades nacionais

De vez en cando hai que falar de un mesmo. Xa dixo Ramón y Cajal que somos tan ególatras que cando lemos, non buscamos no texto o autor, senón a nós mesmos. Ovidio sostiña que o egoísta ten o corazón na cabeza, cousa que tampouco ten que ser mala de todo.
Do que quero falar é de min, pero indirectamente. Tocoume traducir ao castelán un excelente libro da investigadora francesa Anne-Marie Thiesse, La creation des identités nationales, e aprendín moito durante o traballo que me deu facelo. Acaba de publicalo Érzaro Ediciones, que dirixe Alexandro Diéguez.
En español aparece co título de La creación de las identidades nacionales, nun volume primorosamente deseñado por José María Cerezo e maquetado por Patricia Nieto. Trescentas e pico páxinas de exposición e análise de datos históricos, sociolóxicos e políticos que axudan enormemente a comprender as orixes e o desenvolvemento das identidades nacionais que, como sostén a autora, “non se perden na noite dos tempos, nesas idades oscuras e heroicas que describen os primeiros capítulos das historias nacionais”.
“O resultado da fabricación colectiva das identidades nacionais –sostén Anne-Marie Thiessenon é un molde único senón máis ben, segundo a expresión provocadora do sociólogo Orvar Löfgren, unha especie de kit en do-it-yourself: unha serie de declinacións da ‘alma nacional’ e un conxunto de procedementos necesarios para a súa elaboración. Hoxe sábese moi ben a lista de elementos simbólicos e materiais que debe presentar unha nación digna deste nombre: unha historia estabrecendo a continuidade cos grandes precursores, unha serie de herois parangonábeis coas virtudes nacionais, unha lingua, monumentos culturais, un folklore, lugares de culto e unha paisaxe típica, unha mentalidade particular, representacións oficiais –himno e bandeira– e identificacións pintorescas –costumes, especialiddes culinarias ou animal emblemático. As nacións que accederon recentemente ao recoñecemento político, e sobre todo as que aínda o están reivindicando, polos sinais que prodigan para testemuñar a súa existencia, dan boa fe do carácter prescriptivo dese check-list identititario. O ‘sistema IKEA’ de construcción das identidades nacionais, que permite montaxes diferentes a partir das mesmas categorías elementais, pertenece actualmente ao dominio público mundial: Europa exportouno ao mesmo tempo que impoñía ás súas antiguas colonias o seu modo de organización política. O recurso á lista identitaria é o medio máis banal porque é o máis inmediatamente comprensíbel de representar unha nación: xa sexa por unha cerimonia de apertura nos Xogos Olímpicos, as festividades que acompañan a visita dun xefe de estado estranxeiro, a iconografía postal e monetaria ou a publicidade turística”.
Nesta dirección camiña o libro que é, sobre todo, unha análise seria e competente de como se foi facendo Europa dende hai dous séculos ata agora. Como di a autora, “a exacerbación actual dos interrogantes sobre as identidades nacionais e a súa preservación na Europa contemporánea débense menos, sen dúbida, á presenza dunha man de obra de orixe estranxeira ca constatación de que as novas formas da vida económica esixen a constitución de conxuntos máis vastos cos dos Estados-nacións. Agora ben, a entidade supranacional da Unión Europea tórnase un espazo xurídico, económico, financeiro, policial, monetario: non é un espazo identitario. Fáltalle todo ese patrimonio simbólico polo que as nacións souberon propoñer aos individuos un interese colectivo, unha fraternidade, unha protección. O reprego sobre as identidades nacionais como refuxios é, en resumidas contas, moi comprensíbel. O euro non constitúe un ideal. ¿E se os pais de Europa a instituíron esquecéndose de construíla?”.
Evidentemente, o libro ha crear algunha polémica. Aos máis nacionalistas seguramente lles parecerá algo xacobino. Os xacobinos quizais digan del que é proidentitario. Estou convecido que unha certa dereita ha tratar de tirar tallada dalgúns argumetos e datos que contén o libro. Pero, por iba de todo, eu que o coñezo ben porque pasei moitas horas traducíndoo, sei que La creación de las identidades nacionales é unha ferramenta imprescindíbel para quen queira entender a historia da evolución identitaria europea. Realmente xa é un clásico comparábel ao Nations and nationalism since 1780 de Eric Hobsbawm e a outros libros de ampla difusión sobre a materia. O de Anne-Marie Thiesse ten, ademais, a virtude de estar escrito nunha linguaxe directa, extremadamente concisa, cartesiana, que non está, porén, exenta de certas doses de humor e algunha retranca ao estilo francés.

4 comentarios:

Sarmiento dijo...

Parabéns por este traballo. Facía moita falta material deste tipo. Eu recomendo a lectura deste libro, porque axuda a relativizar moitas cousas e a ter máis claro quen somos e de onde vimos, guste ou non.

Non creo que os nacionalistas cun par de dedos de frente vexan no libro un ataque, un pode ser nacionalista e estar de acordo con moito do que se di nel.

Anónimo dijo...

Onte falei deste libro cun coñecido escritor galego. Penso que é nacionalista e que ten dous dedos de frente, pero díxome: "As nacións non se inventan: son cousa da bioloxía".
Ó mellor se lle cura si le o libro.

Hildegart Canido dijo...

Pois vaia par de dedos de fronte os dese escritor galego nacionalista que conta Anónimo. "As nacións son cousa da bioloxía". Si, home, si, e a telemática produto da carpintería. Ai, se Darwin erguera a cabeza!

Anónimo dijo...

O bo do sistema IKEA aplicado ás nacións é que tamén permite deconstruílas.