miércoles, enero 26, 2011

Quousque tandem abutere, Catilina, patientia nostra?

Deberían os pais da patria –toda esa reata de gobernantes, políticos, banqueiros, financistas e arranxadores– empezar a ser más claros coa cidadanía e explicarnos aos Balbinos, Xan das Canicas, Juan Palomo e compañía que é o que está pasando coas ditosas caixas de aforro, porque non é en absoluto de recibo que, despois da tabarra que nos deron coas fusións, contrafusións, arrimos e desarrimos, nos veñan agora dicindo que hai que empezar de novo e bancarizar –carallo co neoloxismo!– o que durante tanto tempo non foi máis nada que iso mesmo, bancos tan puros e máis duros cos meros tallos de carballo.
Parece ser que os Méndez, os Gayoso e outros amos do diñeiro desta terra foron calquera cousa menos bos xestores e administradores do capìtal dos galegos. Investiron como lles deu a gaña no ladrillo e no cemento ata que chegou o que tiña que chegar e lles pillou os dedos na porta, e agora –outra volta!– imos ser os contribuíntes de sempre os que teñamos que porlles esparadrapos nas feridas. Faltaría máis. Pero o máis grave de todo é que, por riba, parece que nos queren tratar coma borregos.
Eu sei pouco de economía, menos de esparrelas financeiras e nada de virtualidades economicistas, pero abóndame con decatarme de que imos polo camiño errado. Se eu ou vostede, lector, nos arruinamos, imos fodidos. Embárganos o pouco que nos vaia quedando e ninguén –nin Banco de España, nin gobernos nin a carolina de ambrosio– acoden no noso auxilio. Non digo que haxa que facer o mesmo con toda esa angarelada que nos levou á crise, pero indígnome –que razón ten Stéphane Hessel– coas rodas de muíño coas que nos fa comulgar máis cada día que pasa.
Boto de menos que, entre tantos Mouriños, Messis, Ronaldos e Guardiolas que enchen os seus petos pegándolle patadas a unha esfera de coiro, non haxa por estes páramos ningún Éric Cantona que lles cante as corenta a tanto aprendiz de Madoff que andaron saltando do avión ao salón e do salón ao avión nos últimos tempos. Os de Tunez souberon berrar basta, e gora os exipcios están aprendendo a gritalo. Aquí parece que estamos como cando Max Aub, no ano 1969, volveu a España e atopou un pobo indiferente e desmemoriado. Como apuntou Hessel, a primeira década do noso século rematou cun fracaso estrepitoso. Ata cando lles imos permitir aos Catilinas do dólar, do euro, do yen e do renminbi que esgoten a patientia nostra?

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu quisera saber que carallo de alucinóxeno lle meteron a Zapa cando tivo aquela xuntanza cos putos "mercados",alias os Botín e compañía. Acabaran coas Caixas,meteránlle capital público e logo venderánse aos Bancos.
Como non se faga dunha puta vez cos "mercados"alias bancos, como fai este Chávez, imos de puto culo.E logo meter na cadea a todos os responsables desta desfeita, e tirar a chave ao mar.

Chávez amenaza con expropiar la filial del BBVA
"O cumple con las leyes o entrégueme el banco"
http://www.publico.es/dinero/358331/chavez-amenaza-en-directo-con-expropiar-la-filial-del-bbva

Anónimo dijo...

Concordo totalmente con vostede.
Saúdos.