Seguramente o amigo Vicente Araguas xa o sabe: o 24 de febreiro, é dicir, hai catro días, faleceu en Nova York Suzannne Rotolo, a primeira musa de Bob Dylan, a belísima rapaza que introduciu o famoso cantautor nas ideas e na cultura pogresista da cidade dos rañaceos.
Suzanne era filla dunha xornalista italiana que traballaba para a edición americana do xornal comunista L’Unità e coñeceu a Bob Dylan cando este se trasladou do seu Duluth (Minessota) orixinal. Falándolle de Picaso e de Cezanne e léndolle a poesía maldita de Rimbaud, foino introducindo na contracultura de esquerdas de Nova York, de paso que se foron enamorando. Daquel encontro Dylan gardou esta lembranza: “Era (Suzanne) o máis erótico que que tiña visto. Coñecela foi entrar nos contos de de As mil e unha noites. Comenzamos a falar e a miña cabeza empezou a dar voltas”.
Os dous viviron xuntos nun pequeno apartamento da West 4th Street, pero en 1962 Suzanne acompañou a súa nai nunha longa viaxe a Italia, onde fora convidada pola Universidade de Perugia. Bob Dylan ficou daquela “só e desconsolado” e dedicoulle unha canción: Tomorrow is a long time (mañá é demasiado lonxe).
Ao regresar Suzanne de Italia no 1963, os dous posaron xuntos para o fotógrafo da casa de discos do cantautor. Unha desas fotos aparece na carátula do segundo album grabado por Dylan, The freewheelin, e tres anos despois xa se separaron: Bob Dylan caera nos brazos de Joan Baez.
Suzanne Rotolo seguiu sendo unha activista de esquerdas, ata o punto de viaxar a Cuba para defender o réxime de Fidel Castro, e, casada logo cun italiano, viviu sempre no Village de Nova York, onde gañaba a vida facendo ilustracións e exercendo de profesora. Tardou moito en falar da súa relación con Dylan, pero rematou facéndoo para o documental de Martin Scorsese No directions home e no libro de memorias que publicou, A Freewheelin time: A memoir in Greenwich Village in the sixties.
3 comentarios:
Grandísima Suze Rotolo: parece mentira que unha foto súa teña a forza de manterse na nosa memoria para sempre.
Viva sempre Suze, amigo Perfecto. Gracias por este recordo.
Xa ve, meu amigo Arume, os vellos rockeiros non sei o que fan, pero os vellos románticos imos caendo un a un comas follas dos carballos. Mentres aguantemos, teremos a Suzanne na nosa mellor memoria.
Ben tirado este cartucho, Perfecto, camarada. Si, sabía da morte de Suze Rotolo, que me colleu lendo "Bob Dylan in America" de Sean Wilentz. Libro do trinque sobre o de Duluth, e as súas orixes ideolóxicas de esquerdas. Con efecto Suze foi a primeira musa dylaniana en NY. Antes estivera Echo Helstrom, "Girl from the North Country". E antes, aínda, Brigitte Bardot (sic). POr certo que Suze ten contado o ben que o pasaban nos cinemas do Village vendo "Non tiredes ao pianista" de Truffaut e como esmorecían con "O ano pasado en Mariembad". Parabéns de novo polo post. Espléndido, neno.
Publicar un comentario