miércoles, marzo 16, 2011

Os xaponeses (polo menos a maioría) non merecían o que lles está pasando

Onde están agora os clarividentes defensores do uso da enerxía nuclear? Onde se meteron aqueles herdeiros dos Claudio Boada que nos quixeron montar unha central nuclear en Xove (Lugo) e outra en Ourense? Os mesmos que lles chamaban tolos a Xosé Manuel Beiras e a Francisco Bermejo cando lles afeaban a súa intención de converter Galicia nun asadoiro nuclear. Como por arte de maxia aqueles ignotos catedráticos de Universidade que, de golpe, saíron na televisión intentando calmarnos dicindo que non pasaba nada, de súpeto, despareceron coma quen se esvaece nunha borracheira parado diante dun semáforo (desculpen a doada metáfora municipal compostelá).
Que lles dirán agora todas esas almas mercenarias do pseudo desenvolvemento aos xaponeses condenados a padecer cancros e desgrazas multiseculares? Ou mesmo aos que non somos xaponeses e que podemos tamén resultar afectados pola catástrofe nuclear derivada do 11 de marzo. Non quero ser apocalíptico, pero a humanidade algunha vez halles pasar factura aos que non souberon nin quixeron vivir en concordia coa natureza. As súas trampas, os seus desprezábeis usos da superioridade da especie humana, o seu insaciábel vicio da plusvalía condenou aos pobres xaponeses a reviviren un Hiroshima e un Nagasaki que non mereceron no ano 1945 nin lles cumpría agora. Se Harry Truman foi daquela o seu verdugo, a codicia e a amoralidade do capitalismo internacional, da man da Tokyo Electric Power Company e doutros grupos empresariais semellantes, así como do goberno de Tokio, condenaron aos xaponeses a unha praga de Exipto que non merecían. Dóeme porque son persoa, pero sobre todo porque existen alguns xaponeses aos que lles quero como irmáns. Procuro falar todos os días con eles por teléfono e sei o angustiados que están. Non merecían o que lles está pasando.

1 comentario:

xos dijo...

Non vai ser unha nova Hiroshima, no peor dos casos. De todas formas, é evidente que todo o que constrúe o ser humano, pode derrubarse, por moito que digan que é plenamente seguro. Por suposto, a enerxía nuclear en Galicia non ten ningún sentido,nin en España. Unha recomendación:

http://www.lapizarradeyuri.com/2011/03/16/y-fukushima-no-resistio/