Bugarach é unha aldea do sur de Francia, a 254 quilómetros de Barcelona, na rexión do Languedoc-Rousillon, que non chega a douscentos habitantes. Acaba de tocarlle o premio da atracción turístico-esotérica porque, segundo algunhas prediccións, será o único lugar do mundo que sobrevivirá á apocalipse que vai suceder o 21 de outubro de 2012. Consecuencia, que os que teñen cartos e gañas de rascarlle a barriga á alma xa están comprando casas e reservando prazas para a segunda quincena do Nadal dese ano a prezos que por agora só son catro veces máis caros do normal. En principio sería de supoñer que algúns dos millonarios que de repente se sentiron solidarios do 15M, Rosalía Mera, poño por caso, xa estarán pensando en comprar algun cabanonciño ao pé do monte que leva o nome da aldea e que algúns consideran que é un “garaxe de ovnis”.
O tal lugar, polo visto, é unha cidadela calcárea que pode resistir calquera hecatombe. Agora mesmo xa hai quince casas á venda, ou sexa, que poden aproveitar os dinosaurios que queiran sobrevivir o seu propio diluvio. Todo é cuestión de pagar.
Eu, por se acaso, vou chamar ao alcalde do lugar, Jean-Pierre Delord, pra que me vaia buscando un acoguiño aínda que sexa nalgunha das covas que acolle o seu monte sacro. Total, entre as ondas á que me expón a parafernalia electrónica actual e as magnéticas do pico de Bugarach, maloserá que non me acaian ben os ares do Aude, que é o país no que está a suceder a última parvada do mundo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario