Santiago Lamas é un prestixioso psiquiatra galego que, aínda que só sexa por ser o autor do magnífico libro Galicia borrosa, ten gañado de sobra un dos mellores postos entre as mentes máis lúcidas de Galicia. Onte leu a información de Croques sobre que as persoas bilingües son máis rápidas e eficientes tomando decisións cas que son só monolingües. Rapidamente fíxome chegar un anaco do seu novo libro Fíos, que está a piques de ser publicado. Complementa de xeito extraordinario a investigación que deu a coñecer un equipo de expertos das universidades de Milán, Londres, Barcelona e Hong Kong. Di o seguinte:
Un dato curioso: as investigacións de científicos cognitivos afirman que non hai un bilingüismo perfecto, cousa que é coñecida polos sociolingüistas. Aínda que os nenos medren nun contorno igualitariamente bilingüe, seica escollen sempre unha das linguas como lingua nai, aínda que dominen sen acento as dúas e as empreguen en todos os contextos sociais e culturais. Ademais dos datos tirados da conduta lingüística, sábese tamén, porque os estudos con resonancia magnética funcional o comprobaron que, malia solapárense nagulhas áreas, a lingua nai emprega circuitos diferentes aos da outra lingua, e acontece o mesmo coa escritura, que activa áreas diferentes segundo se lea na lingua nai ou na adquirida serodiamente. Outra cousa curiosa, que aínda ten de ser comprobada e replicada por outros estudos, ten que ver coa demencia e o bilingüísmo. Un estudo feito en Canadá, hai tres anos, sobre unha mostra de 184 pacientes con demencia, dos que o 51 por cento eran bilingües, revelou que o inicio da doenza producíase nos bilingües catro anos máis tarde que nos monolingües. Algo tamén curioso era que, unha vez iniciado o deterioro cognitivo, a evolución era a mesma para os dous grupos. É dicir, o bilingüísmo retrasa catro anos o inicio da demencia, mais non frea a evolución una vez iniciado o deterioro. Un estudo hoxe en fase inicial de recollida de datos, do que é o investigador principal o psiquiatra Alexandre García Caballero, estase facendo en Galicia para confirmar ou refutar os resultados do estudo canadense e o papel que poida ter a proximidade ou distancia entre as linguas faladas , así como outros factores que puidesen influir no estudo canadense que non foron considerados. Claro que se trata de bilingües, coido eu, no sentido de Monteagudo, é dicir, xentes que falan de xeito correcto as dúas linguas e non unha lingua e un castrapo.
8 comentarios:
Lamas é un luxo para a nosa cultura. Galicia Borrosa unha maravilla, e quizais por iso case descoñecida
Cierto, es un lujo, pero ya que es bilingüe no estaría de más que escribiera de vez en cuando en la lengua del imperio.
Galicia Borrosa, Don Perfeuto, é un libro excepcional.
A.M.
Falando doutra cousa, querido amigo, seguro que non lle pasou desapercibido no que está a acontecer na igrexa galega tras a desaparación, primeiro, e non reaparición, despois, do Códice Calixtino. Nun xesto sen precedentes desde os tempos de Xelmírez, o arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, coa aquiescencia real da maioría do cabido -e coa teórica de todos os coengos- vén de dar por boa, ninguén esperaba outra cousa, a decisión suxerida polas máis altas instancias da Conferencia Episcopal: poñer á fronte dos tesouros escritos da basílica compostelá a unha figura do máximo prestixio, pero traída doutra Diocese. Un coengo (porque é un coengo, por suposto, aínda que algún medio pareza contar hoxe que colleron a lazo o cura da aldea gala de Astérix)non compostelán, senón da humildísima catedral de Mondoñedo. Mini-patria intelectual, aquela, como a ninguén se lle escapa, de Su Eminencia o Doutor Rouco Varela. Curiosa operación, esta. Porque aínda que o prestixio intelectual de Segundo Leonardo Pérez López sexa indiscutible tanto en Roma como en España, non hai que esquecer que foi repetidamente afastado da mitra polos sectores máis carcas da iglexa española, acusándoo de "progresista" (cousa por completo incerta, "galleguista" (cousa que é verdade) y de ser "un hombre de Blázquez" que "desestabilizaría la Conferencia Episcopal". Que é amigo de Blázquez, é certo. Pero a verdade é que é máis Blázquez de Segundo Leonardo Pérez López... que ao revés.
A cuestión de fondo, meus amigos, é que o golpe recibido pola igrexa de Galicia tras a desaparición do Códice foi brutal. A perda de prestixio é tan grande que se paralizou o nomeamento cardenalicio de Julián Barrio. Nomeamente que, por outra banda, non pasaba de ser un xesto "gracioso" do Papa, toda vez que Santiago no foi sede cardenalicia tradicionalmente. No medio de todo este rebumbio, á Conferencia Episcopal non lle queda outro remedio que, con man mindoniense-chairega, acudir outra vez a pescar ás sempre fértiles augas (no teolóxico, falo) da Terra Chá. E así volve á primeira liña o doutor Pérez López, presidente da Academia de San Rosendo e catedrático da Universidade Pontificia de Salamanca, ademais de investigador do Arquivo Secreto Vaticano, cando todo parecía indicar que quedara xa para facer libros e dar conferencias. Hai catro días, quedara para "vestir santos", e algún blog ultradereitista madrileño celebraba que se tivese anulado o seu nomeamento como bispo de Ourense despois de ter entrevistado, na TVG, a Torres Queiruga. E agora, máis alá da súa obriga de botar a andar o arquivo e recuperar, a ser posible, o Códice (se, como todo parece indicar, non saíu da catedral), ¿alguén me podería dicir quen será o próximo arcebispo de Santiago se losseñorescardenalesromanos seguen tan enfadados como parece e Barrio vai dar, o ano que vén, a outra sede...? Calquera o sabe. En fin, cousas veredes.
Volvendo o tema diste post, hoxe Santiago Lamas presenta o seu último libro "Fíos" outra xoia pra os que disfrutamos lendo xa sexa en galego, castelan ou bantú. Fermoso libro que trata os mais variados temas de xeito maxistral, como acostuma a facer Lamas.
Para pechar o debate que tanto vos ocupa, mañán, Rajoy -o perfecto bilingüe-, no canto de tres, vai pór dous puntos suspensivos.
Faga un artígo sobre a demencia dos cidadans do estado español que lle diron 186 escanos ao PP.
Publicar un comentario