Informa La Voz de Galicia de que os catro golfiños que apareceron onte mortos nos areais de Coroso e Fonteseca (Ribeira) foron atopados hoxe, coas tripas fóra, nunha propiedade privada que está á beira dunha estrada. O xornal especula con que puido ser un erro cometido por empregados municipais de Ribeira. Pois vaia erro, dende logo. Algo me di que estamos volvendo a caer no desleixo medioambiental, sanitario e social cando se trata de desfacérmonos de calquera clase de residuo, perigosos incluídos. Precisamente no mesmo día en que eses empregados municipais daban tan mal exemplo de como se debia xestionar o tratamento dos corpos dos catro golfiños mortos (habería que averiguar por que), paseaba eu é beira do río do Sar, absolutamente contaminado, no seu paso polo concello de Ames, e fiquei sorprendido de que xa non son só residuos de obras os que se botan no monte, á beiras das pistas e onde cadre. Tamén hai neumáticos usados (coma os que se ven na foto), electrodomésticos, etc.
Xa sei que os alcaldes andan coa carteira valeira a maior da parte das veces, aínda que non coñezo a ningún que rebaixase o seu salario mensual, e que a penas hai cartos para nada, pero polo camiño que imos Galicia volverá a ser moi pronto un inmenso vertedoiro de lixo.
2 comentarios:
Cando deixou de selo? Non hai máis ca vermos cando, por un casual histórico, rozan as silveiras. Alí queda todo o que a xente botou durante ese ano pensando que nunca ían parecer. Para os que visitamos outros países ou outras comunidades autónomas, poucos/as hai que se lle pareza a Galicia nesta falta de limpeza nos lugares comúns do territorio.
Ten moita razón o autor do comentario anterior. Non deixou de selo nunca. E certo que non hai moito, cando sobraban cartos nos concellos, facían de cando en vez batidas nos lugares máis visibles e crearon puntos limpos que paliaban un pouco o desastre. Pero isto xa parece que forma parte da idiosincrasia do país. Apréciase non só no lixo senón en todo ese desinterese polo propio, desde o medio natural ata o idioma, pasando polo patrimonio e tantas cousas máis. Non é máis limpo e que máis limpa senón o que menos emporca, pero non hai xeito de que a idea prenda. O peor é que a traza que traen os máis novos non promete mellorías, máis ben o contrario. Se cadra é mellor mirar para outro lado.
Publicar un comentario