Vaia papelón o do alcalde de Santiago. Anda que dicir, sen que lle caian cachos da cara, que se enterou pola Prensa do que lle pasa coa Facenda e que non pode pronunciarse sobre o que non coñece, parece talmente a resposta de quen lle importan tres pitos a ética pública, en primeiro lugar, e a conciencia cidadá a continuación.
Que todo un señor alcalde –de Santiago de Compostela, nada menos– poda ter a desvergonza de tomarlle o pelo a opinión pública, aos seus gobernados, ao ben común e mesmo ao propio partido no que milita, o Partido Popular (PP), era o que nos faltaba para botarlle gasolina ao lume no que arden o descrédito dos políticos, a insatisfacción dos administrados e a pouca conciencia social que aínda queda como se fosen pobres carballos das fragas do Eume.
Que a un licenciado en Dereito, que exerceu a Avogacía, como é o caso de Xerardo Conde Roa, que a partir de agora habería que engadirlle unha vogal e unha consoante máis ao seu segundo apelido, en vez de dimitir inmediatamente, todo o que se lle ocurra é dicir que se sinte defraudado polo funcionamento da Xustiza e que o que se lle imputa pertenece a actividades realizadas antes de entrar na política nin é xusto, no primeiro caso, nin se axusta á verdade no segundo.
Conde Roa é dos que estarían na política dende antes de morrer Franco, se a idade llo permitise, e, en calquera caso, antes de que Facenda o levara ao Xulgado por suposta defraudación de 300.000 euros polo IVE que non pagou pola venda de 61 vivendas que levou a cabo a promotora Geslander Proyectos de Edificación, da que el é o único administrador e propietario, o suposto defraudador xa tiña mostrado o pouco que lle gusta pagar impostos cando só liquidou in extremis 7.000 euros que lle chegou a adeudar ao Concello de Santiago polo Imposto de Ben Inmobles (IBI), aínda sendo xa daquela membro da súa Corporación.
O alcalde de Santiago non é un simple moroso ao que se lle poda mandar un pallaso vestido de frac ou un toreiro de pacotilla. É, sobre todo, alguén que está rematando de emporcar o exercicio profesional da política. A Conde Roa, segundo dixo hai pouco, prodúcelle “enorme repugnancia” a personalidade e a obra de Leo Bassi. Seguramente ao cómico italiano e polo menos a min prodúcenos o mesmo sentimento e dános vergonza ter de alcalde en Santiago a quen se comporta coma el.
5 comentarios:
Leo Bassi estará facendo ioga para non escachar coa risa.
Carallo, unha vogal e consoante ao seu apelido. ¿Que querrá dicir o Sr. Perfeuto?.
¿Non será por aquilo da foto de hoxe en El País, onde está o fantasma este co dedo no nariz?.
Que mala leche ten este xornal madrileño.......
As batalliñas que se contan deste "señor" alcalde non teñen fin. Saúdos desde Oleiros.
Yo le añadíría la vocal a su primer apellido es-Conde todo lo que puede. Qué noxo de mundo con xente coma esta!!!
Nin ética , nin estética.
Publicar un comentario