Medidas conxunturais e de demagoxia popular aparte, nada nos indica que andemos camiño de resolver os grandes problemas deste país. Zapatero xa baixara, no 2010, un 15 por cento as retibucións dos altos cargos, e nin por esas a crise deixou de medrar. Se tal cousa fose boa para a evolución do país, o menos que podía facer Rajoy agora sería rebaixar polo menos outro tanto os emolumentos do presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Divar, 130.000 euros; os dos vocais do mesmo Consello, 112.249 euros; os do fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, 113.838 euros; os dos presidentes das salas do Tribunal Supremo ou o do presidente do Tribunal de Contas, 112.578 euros.
Din que, con todo isto, se van gastar 10 millóns menos ca no ano pasado. Benvido sexa o aforro se se vai empregar realmente en salvagardar os dereitos sociais e o benestar que tanto custou imprantar en España dende moito antes de que morrera Franco, pero moito me temo que imos costa abaixo no tocante a eses conceptos. Está por ver se ese desastroso e internacionalmente preocupante incendio que queimou o derradeiro bosco atlántico de Europa, o das Fragas do Eume, foi atendido como se debía, por poñer un recentísimo e moi galego exemplo. A amnistía fiscal acordada para o capital negro alarma mesmo ao 95 por cento dos inspectores da Facenda, que acaban de dar a coñecer un deacougante pero ben fundado informe sobre a materia, e aínda que a medida de punto final estea avalada por unha gobernante galega que procede dese corpo. Polo camiño que vamos, se cadra non tardamos moito en botar de menos a América ou a Europa da emigración.
Oxalá me equivoque, pero o que nos espera non é precisamente nin o século das luces nin a década do progreso. Que sorte temos os que nacemos no 43. E nin sequera nós, que tamén nos han aplicar a rebaixa e, senón, xa se verá.
3 comentarios:
Señor dos Croques:
Debería ter piedade das señoras de idade asiduas seguidoras deste blog e cambiar o tamaño de letra e o interlineado, se quere conservarnos como lectoras.
Atentamente
SW
Señora SudoOesta e querida amiga:
Tómolle o recado, e fareille caso. Porque algo de razón ten.
Saúdos.
Diso da amnistía fiscal aos patriotas de postal, non se verá en Euskadi. Estou tentado para emigrar a esa terra. Cada vez estou convencido que, nós, os galegos non temos remedio, plantamos lume aos montes, pescamos con dinamita, votamos nas urnas aos corruptos e ineptos e somos os máis ruíns non respetando as especies do mar co furtivismo.
Haber se a UPG resolve o masoquismo galego.
Publicar un comentario