lunes, octubre 15, 2012

Botar do mar os idiotas


No “colorín” de El País da pasada fin de semana publicou Manolo Rivas un artigo de verdadeira antoloxía, lembrando a dramática experiencia que viviu Galicia arredor da catástrofe do Prestige. Aos que aínda non o leron recoméndolles premer aquí para consultalo. Paga moito a pena. Só por este artigo Rivas xa merecería o aprezo de gran ecritor que lle temos.
O autor rehabilita, entre outras cousas, a frase pronunciada por un práctico inglés cando houbo no Canal da Mancha un accidente parecido, aínda que fose de dimensións moito menores: “O noso maior problema é botar do mar os idotas”. Podía ser un eslogan para as eleccións do domingo que vén. Botar –e non votar– do mar e da terra os idiotas que causaron aquela gran traxedia que asolou as costas galegas no inverno do 2002.
Porque resulta francamente insoportábel pensar que os que causaron aquel enorme desastre están hoxe gobernando España e pretenden seguir gobernando Galicia. Mariano Rajoy era daquela viicepresidente primeiro e ministro da Presidencia, e foi o que pronunciou aquela célebre frase de que o que botaba o barco eran “hilillos” de nada. O actual director xeral da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa, era delegado xeral do Goberno en Galicia e non dicía daquela máis que parvadas. E que era o Núñez Feijóo que nos quere seguir gobernando a base de mentiras? Pois presidente da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos. O que presidía a Xunta daquela, Manuel Fraga, e o conselleiro de Ordenación do Territorio, Xosé Cuíña, andaban de caza por Castela o día que se foi a pique o Prestige. Xosé María Aznar, presidente da España máis “cañí” que aínda segue couceando agora, despachaba o asunto dicindo que todo era culpa dos cans que andaban ladrando polas esquinas. Máis que traxedia parecería unha traxicomedia, se non fose polo moito que lle custou a Galicia o desastre do barco que capitaneaba o itaqueño Mangouras e mandaron ao fondo do mar os que non souberon gobernar a crise.

No hay comentarios: