viernes, diciembre 14, 2012

Nin tan alta vida espero


Xa sei que debería escribir algo máis do que escribo neste blog. Ou se cadra non. E xa sei que debería explicarme algo máis. Ou se cadra tampouco. E ata penso que se cadra debería recoñecer definitivamente que non teño nada novo que contar nin nada que dicir que poda resultar do máis mínimo interese xeral. O sexa, que se cadra debería porlle o peche a este portal. Ou se cadra nin sequera iso. Simplemente deixalo morrer de inanición.
Pero resístome a coidar que as cousas son tan sinxelas como parecen. O que si debo admitir sen delación é que me atopo carente de calquera xeito de imaxinación para atopar vieiros novos. No meu caso non é a crise dos corenta nin a dos cincuenta. É algo moito máis grave. A crise dos sesenta e moitos. Que pode facer un vello coma min no roteiro final da súa vida? Limitarse a cobrar a pensión, gravemente ameazada polo desastroso goberno de Rajoy? Apuntarse ás viaxes do Inserso? Celebrar que a vida segue malia todo? Acumular pesticidas para vingarse como fai a María Jambu de Petros Márkaris?
Esta última alternativa teño claro que no vou adoptala nunca. Só serviría para contribuir ao desenvolvemento dunha das industrias máis nocivas do noso tempo. A dos glifosfatos e velenos parecidos. E poi cosa? De momento dedicarme algo á vida contemplativa. A Filón de Alejandría, pero sobre todo a Santa Teresa e a San Juan de la Cruz.
Prometo que vai ser por pouco tempo. Non anda o mundo para vivir eternamente sen vivir nun mesmo nin para esperar altas vidas morrendo porque un non morre.

5 comentarios:

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
vicente araguas dijo...

Pois verás, Perfecto, escrebes para que te leamos os que te lemos para que ti escrebas e así "ad nauseam". Precisamente pola nausea ou noxo que nos dan estes tempos modernos. Cando somos os vellos, os que si deben namorarse (e por unha vez contradigo a Castelao) ou seguer namorados da palabra combativa. Porque, xa se sabe, "amar es combatir". Con Octavio Paz ou Maná, como ti prefiras. Non, non deixes este blogue, que abondo orfos estamos de referencias. No interín escoito a Giorgio Gaber, "Bella Ciao", con aires de banda de festa do patrón. E volvo lerte coa mesma paixón do ano 68, cando os dous fumabamos en cachimba. Saúde e República, vello amigo.
Vicente Araguas

Anónimo dijo...

Fala do Mourinho, home......

detective crepuscular dijo...

Eu, como Vicente Araguas, tamén che pido que non nos abandones abandonando este blog, por moito que che custe mantelo aberto. Xa sei que corren maus tempos para os blogs e que non paga a pena escreber para os cuatro gatos que seguimos enganchados ao desaparecido AS UVAS NA SOLAINA, que nos permite entrar aquí e noutros. Para min, dígoche a verdade, sodes uns auténticos resistentes os que aínda non caístes na desgana total e seguides propondo mensaxes para os cuatro "chalados" que seguimos vindo por aquí. Veña, ho, fai un último esforzo e pensa nos náufragos que deixarías perdidos na inmensidade do océano internético. Unha aperta.

José Manuel dijo...

Pois longa vida aos "catro chalados"