Cristina –que ben sei que foi ela e que non foron os Reis– regaloume As voces baixas de Manuel Rivas, e acabo de lelo dun tirada. Vaia pedazo de libro! Dende a primeira vez que lin Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas, nunca me identificara tanto coa literatura galega dos nosos días. Rivas escribiu este libro mollando a pluma no tinteiro da súa propia vida cunha sinceridade, unha mestría e unha honestidade que estremecen. Se a súa última novela, Todo é silencio, a min me deixou absolutamente indiferente, cando non ás veces sorprendido pola súa carencia de orixinalidade e xenio, As voces baixas reconcilioume co melloriño deste sempre prometedor escritor que non para de colocar a literatura galega no escaparate internacional da cultura contemporánea.
O seu novo libro só ten un defecto. Que sabe a pouquísimo. É como cando a un bo comellón lle poñen no prato un dos mellores manxares tallado en ración minimalísima que a penas lle dá para probar bocado e medio. As voces baixas non debía ser un libro de pouco máis de 200 paxinas senón un volume de 900, 1.000 ou 1.500 e poderiase ler igualmente case dunha tirada, co corazón saltándolle sempre do seu sitio ao lector. Hai capítulos como A foto de familia que superan con creces as mellores páxinas do realismo máxico ou como O sorriso da moza anarquista (excelente ladaíña sobre a memoria da súa irmá María) que sentan xurisprudencia literaria.
Manuel Rivas, case sen querelo, elevou o xénero memorístico moi por riba do que estaba ata agora na literatura galega. As voces baixas son un exercizo moi alto de boa escrita e de irreprochábel conciencia cidadá e humana.
3 comentarios:
Primeiramente, celebrar a sua volta ao rego do blog. Así me gosta, don Perfecto, aí, aínda que custe, ao pé de trincheira.
Eu compreino no Nadal na libraría do meu povo e onte púxeno para que mo trouxeran os reis. Un auto-regalo real. Aínda non o lin, pero despois do seu comentario... O que si lin é a entrevista que lle fan en Praza Pública. Rivas, nos mellores e aínda nos non tan mellores momentos, sempre paga a pena.
"Dende a primeira vez que lin MEMORIAS DUN NENO LABREGO, nunca me identificara tanto coa literatura galega dos nosos días", comenta vostede. Boa falta fai, que se manteña a nosa literatura, porque ao paso que imos, de deserción en deserción, non sei se chegaremos á vitoria/derrota final. Dígolle isto porque o outro día comentaba o Jaureguizar que o Xurxo Borrazás tamén deixara as letras. Un desastre ao que compre porlle remedio se queremos que a nosa literatura sobreviva ao imperio do mcdonals ou de calquer outra fritanga global. Dígoo porque hoxe lin que fechaba a mítica libraría Catalonia e que no seu lugar abrirá quen sabe que negocio sen libros. Fechan as librarías, desertan os nosos escritores, as condicións son cada día menos propicias para que pervivan os Rivas... Hai que ter confianza no futuro, asegúrannos os oráculos das finanzas e da política devastadora da direita. Pois terémola.
Coincido con vostedes, realmente é un precioso libro.
Almiral Mouchez
Publicar un comentario