martes, agosto 02, 2011

É para blasfemar

É para blasfemar polo alto. Agora resulta que un mísero xubilata coma min cobra máis diñeiro ca media de todos os notarios, arquitectos, avogados, médicos ou pequenos empresarios. Acabo de lelo en La Voz de Galicia. Aquí algo fallaría se todo isto fose verdade. Ou os xubilados estamos supermega ben pagados –cousa non só incerta senón rematadamente mentirosa– ou todos eses colectivos son en España unha panda de mortos de fame (cousa igual de incerta e de falsa).
A terceira edición do Informe da Loita contra o Fraude Fiscal, que leva a cabo a Axencia Tributaria, sostén que por término medio os xubilados cobramos cada ano 8.578 euros máis ca todos eses que andan en Mercedes, BMW e ata teñen casa na praia, no campo e apartamento en Miami, e iate con posto de amarre a prezo de Marbella (e non me digan que non, que os vin eu navegando polas Eolias, por Catania, por Grecia e por Sicilia, e ata podía dar nomes e apelidos).
Agora vese quen arrima o ombreiro para sairmos da crise e quen son os que nos meteron nela e non están dispostos a poñer un can. Resulta que Galicia é a quinta comunidade –despois de Madrid, Asturias, Cataluña e Cantabria– onde é maior a diferenza entre as rentas decraradas polos asalariados ou pensionistas e os pequenos empresarios ou profesionais liberarais. A media nacional desta diferenza é de 8.323 euros.
Como era de agardar nos tempos que corren esta fenda veuse agrandando enormemente durante os últimos quince anos, ata converterse nun auténtico fraude fiscal masivo: vendas sen IVE, compras personais cargadas como gastos de empresa, facturas falsas, etc. As grandes fortunas e as empresas de gran tamaño son as principais responsábeis da evasión fiscal. E ninguén lles mete a man. Para iso estamos os asalariados e os pensionistas. Viva a xustiza social. E logo falan de igualdade, porque o que son a liberdade e fraternidade xa hai moito tempo que se converteron en obsolescencias da Revolución Francesa.

1 comentario:

bemsalgado dijo...

"(e non me digan que non, que os vin eu navegando polas Eolias, por Catania, por Grecia e por Sicilia, e ata podía dar nomes e apelidos)"

E de qué te queixas se ti podes navegar por esos mares para ir velos. Vai ser que o Mare Nostrum é vostrum, teu e mais deles.

Esos profisonais, dos que ti contas que cobran menos que un xubilado de a pé, tambén teñen yates, ou yetas, pero non o moven do atraque na Ría porque non poden pagar o vento que os mova, e utilizanos só para invitar aos amigos, o fin de semana, a sardiñas asadas ao pé da praia e dous groliños de ribeiro xoven.

Vamos viver, que son dous días, e ademais cunha dupla satisfación, a do deber cumprido coa Facenda, e coa de posiblitar que, ao menos, uns pouquiños se poidan dar a vidapadre bailando o sirtaki ou escoitando napolitanas. E fai coma min, que durmo en yurtas e fago trekking, traballo que me custou aprendelo, a palabriña quero dicer.

Un saúdo mariñeiro.

http://beminvitados.blogspot.com