Hai moito tempo que me acostumei a repasar a actualidade internacional, a estatal, a nacional e a local entrando cada mañá nas edicións electrónicas de varios e variados xornais de todo o mundo. Aínda que, por idade, son dos que chegamos algo tarde a isto do ciberespazo, non sei o que sería de min se un día teño que tomar a parva coa certeza de que non hai acceso a Internet.
Son, quero dicir, un dos que temos adición a ver o que publican Le Monde, Liberation, Le Figaro, Repubblica, El País, The New Yor Times, Frankfurter Allgemeine Zeitung, Clarin, Página 12, El Tiempo, O Globo, Reforma ou mesmo Le Telegramme, Ouest-France ou Gionarnale di Sicilia. Abóndame con tres cuartos de hora cada día para regalarme a ilusión de que estou retornando a Nova York, Berlín, Roma, a Toscana, Trapani, Rio de Janeiro, Buenos Aires, Bogotá ou a miña vella e pouco amada Lorraine.
Nese percorrido cotiá figuraban, como non, A Nosa Terra e Xornal de Galicia ata que, hai dous días, o meu Safari empezou a dicirme que non atopa os seus servidores. De súpeto, coma quen di dun plumazo, ou mellor aínda dun estacazo na testa, esas dúas cabeceiras galegas –unha delas absolutamente histórica– foron despoxadas dos sitios que ocupaban na arañeira. Quen as botaría fóra dos sitios que ocupaban? O famoso e cruel mercado? A política? Os lectores? Os xornalistas que as facían? Se cadra todos e cada un deles, pero hai principalmente un responsábel. O home do “ladrillo” que quixo xogar a ser o Hearst galego. Chámase Jacinto Rey (dende agora non volvo a escribir máis o se nome no noso idioma). Comprou eses dous xornais coma quen merca un cadeliño de caza que logo é sacrificado porque non lle val o cazador para facer a caza maior que se propoñía. E coma tal galgo ou gatiño que non caza ratos, matounos cando mellor lle cumpríu. Hai Buffalos Bill que non me gustan nada e este é un deles. Quizais algún días nos sorprenda co seu propio Wild West Show, levando de timonel a Anxo Quintana.
6 comentarios:
A foto do iate mira onde nos levou, e o peor foi que con ela arrastrou A Nosa Terra e a Xornal de Galicia, soan as trompetas da dereita e o da foto ten que posicionarse para recibir as obras do próximo goberno , ainda que sexa a costa da nosa cultura, do noso pobo, da nosa liberdade, dos nosos referentes.
Alguén me pode explicar que ten de malo a foto do iate? porque eu podo entender que a dereita a utilice (esa mesma dereita que fixo caer ao director de Xornal pola foto de Feijóo noutro iate, neste caso dun traficante), pero que xente presuntamente de esquerdas caia nas trampas da dereita.... iso xa é lamentable.
Outra cousa: só admito críticas a Jacinto Rey se veñen de persoas que foron subscritores ou mercaban diaramente os seus xornais. Se non é o caso (a maioría seguen a mercar "La Voz de Santiago Rey"), na miña opinión carecen de lexitimidade.
Por certo, supoño que saberán das chantaxes a que foi sometido Jacinto Rey por parte de Rajoy, ou non?
Non. Eu non lle sei nada, pero teño moitas gañas de saber, conte , conte.
O BNG se non me confundo, ten máis de 300.000 votos nas eleccións. É que nin sequera o 4 ou 5% de eses votantes son quen de manter un xornal diario sen se ter que vender ao inimigo ideolóxico?
Para o Anónimo que defende a don Chinto:
E logo a Jacinto Rey non poden criticalo os que lían os seus xornais nunha hemeroteca, nun café, por Internet ou porque llos prestaba un amigo? Curioso argumento o seu. Como o tal Rey non teña mellores defensores ca vostede, vai máis ca fodido.
Por outro lado xa abonda con tanta leria de "La Voz de Santiago Rey". Con todos os seus defectos, La Voz é un dos bos xornais de España e dos mellores de Europa. Diicir o contrario si que é deixarse levar polas filias e fobias máis ou menos sectarias.
Non son filias e folias, é saber ver e ler. Ninguén nega que, tecnicamente, "La Voz de Santiago Rey", sexa boa (evidentemente ten moito máis medios que os outros xornais galegos, ten unha rede a nivel de Galicia, recibe moitos cartos da Xunta....), outra cousa é a información que facilita, por certo moi diferente segundo sexa A Coruña, Lugo ou Pontevedra.
Se non se quere ver que é Santiago Rey o que decide quen goberna en Galicia, se non se quere ver que foi Santiago Rey o que fixo caer ao Bipartito da Xunta, se non se quere ver que foi Santiago Rey o que permitiu que gobernarse na Coruña Paco Vázquez , se non se quere ver que é Santiago Rey o que levou a Negreira ao concello da Coruña..... é que non se entende nada (e logo queixarémonos da comprensión lectora dos rapaces novos!).
Publicar un comentario