miércoles, octubre 19, 2011

Soltar a teta


Que en tempos tan eticamente miserábeis coma os que corren haxa dous poderosos empresarios chilenos que naden contra a corrente neoliberal é, cando menos, revitalizador. Felipe Lamarca, presidente da cadea de tendas Ripley, que se espalla por varios países, e Roberto Fantuzzi, presidente da Asociación Gremial de Exportadores de Manufacturas (Asexma), acaban de rebelarse contra o capitalismo salvaxe pedindo que as empresas e “os que máis gañen” paguen máis impostos para financiar as demandas sociais.
Lamarca fixo estas declaracións, que imediatamente apoiou Fantuzzi, nunha reunión mensual dos empresarios chilenos que tivo lugar precisamente no momento en que os estudantes do país tomaban as rúas para protestar contra a política do goberno de Sebastián Piñera, presidente de Chile, que se deu presa en manifestar o seu rechazo destas reformas.
“El que gane más que pague más”, pediu Felipe Lamarca, criterio co que marcaron algunha cercanía Jorge Awad, presidente da Asociación de Bancos e Instituciones Financieras, e Enrique Cueto, vicepresidente de LAN, pero contra o que turraron sectores coma os das papeleiras e a Asociación de Industrias Metalúrgicas y Metalmecánicas.
Hai preto dun ano, Lamarca xa adiantara parte do seu criterio cando dixo nunha entrevista que “este país (Chile) non vai cambiar mentres as élites non solten a teta”. Algúns prohomes de Galicia, de España e de Europa deberían tomar nota.

1 comentario:

Anónimo dijo...

O mesmiño dixo o dono de Mercadona hoxe. Aquí non temos empresarios deses., para a nosa desgraza.