sábado, octubre 13, 2012

De Barcelona a Xinzo, con Basilio Losada

Basilio Losada

Andei por Barcelona dous días e pasei cinco na aldea onde nacín, algo que me permitiu desconectar a miña vida da actualidade máis consuetudinaria e tamén deste blog. A Barcelona fun ver a Basilio Losada, ese gran embaixador que tivo a cultura galega non só en Cataluña senón por Europa e América adiante.
Basilio é un galego especial que xa cumpriu 82 anos. Xubilouse de catedrático da Universidade de Barcelona hai doce anos, pero aínda segue dándolles algunha clase aos alumnos que lle mandan das universidades de California e de Ilinois e para os que sempre foi un profesor moi aprezado. Pasei con el un día enteiro, e foi unha marabilla escoitalo. Fomos comer a La Flauta, un restaurante moi xeitoso da rúa Aribau, moi preto da librería de vello na que el comprou hai moitos anos un exemplar de Os velhos marinheiros, de Jorge Amado, que lle fixo enamorarse do Brasil e da súa cultura. Actualmente é un dos mellores coñecedores das literaturas de Portugal e do Brasil, pero tamén dos libros que se publican en toda Europa. É todo un pracer escoitarlle contar cousas de Amado, de Saramago, de Rubén Foseca, de Blaise Cendrars, de Jacques de Bruynes, de Ramón Piñeiro, de Ánxel Fole, de Carlos Casares e de tantos outros. El e máis eu temos algúns amigos dispersos por Europa (Silvia Guerini, Jean-François Botrel...) que nos aproximan aínda máis nunha vella amizade que, no meu caso, comenzou con Losada cando o asturiano Silverio Cañada, xa falecido, nos xuntou no ano 1972 para que lle fixésemos a Gran Encilopedia Gallega. Publicarei unha longa entrevista con Basilio Losada no próximo número da revista Galegos.
Silvia Guerini, cando pertenecía ao staff directivo da editorial Mondadori, foi quen convenceu a Basilio para que escribise, en quince días, a única novela que publicou o galego. A Facenda do Estado puxéralle unha multa moi grande por non declarar determinados ingresos económicos que percibiu en Bélxica por dar cursos nas universidades de Amberes e de Gante, e, como el non podía pagala, os da editora italiana dixéronlle que se facían cargo do seu importe se lles entregaba esa novela en dúas semanas. E entregóullela. O resultado foi La Peregrina, unha excelente novela, por certo. É unha pena que Basilio Losada –tradutor de 150 libros procedentes de oito linguas diferentes– non lle dedicase máis atención á creación literaria. La Peregrina escribiuna cando xa tiña 70 anos.
A ocasión foime propicia tamén para pasear por Barcelona, cidade que cada vez me gusta máis e ata penso que a miña vida tería sido completamente distinta se, en vez de vivir en Madrid todos os anos que vivín, que foron moitos, me tocase pasalos na capital catalana. Neste momento, ademais, Barcelona ofrece un interese moi especial polas circunstancias que está marcando o acontecer de Cataluña, aínda que a Basilio atopeino bastante desencantado en relación ao nacionalismo actual de Catalunya.
E chegar de Barcelona e pasar catro ou cinco días en Xinzo, aldea que tiña cando eu era neno máis de 50 habitantes e na que hoxe só viven permanentemente menos de dez, tamén foi outra experiencia interesante. Durante os días que pasei en Xinzo pareceume vivir fóra da realidade e, dende logo, moi lonxe dese mundanal ruído que están a producir as eleccións do día 21. Case nin me enterei das mentiras de Feijóo, o cal xa foi unha vantaxe boa.

2 comentarios:

Carqueixa dijo...

Don Perfeuto, sabe, vostede sempre me atina onde máis me gusta. Eu tamén lin por primeira vez "los viejos marineros", en castelán, recomendado por un profesor de literatura. Farteime de procurala nunha morea de librerías, ata que un día atopeina na Casa do Libro en Madrid.
Por culpa dese libro, levo lido case toda a bibliografía de Jorge Amado. Agora fágoo en portugués, que tamén por culpa do poeta de Bahía deume por ir a clases de portugués na escola oficial de idiomas.
Recomendolle que lea o derradeiro libro del, as súas memorias intituladas Navegaçao de cabotagem; eu linas en castelán e en portugués; nin punto de semellanza lelas na súa propia lingua. Son unha auténtica gozada.
A don Basilio Losada escoiteino hai anos en Ourense, nunha conferencia que veu dar na antiga Caixa de Aforros. Todo un grande pracer velo e oílo falar.
Estou a ler a Autobiografía de Fidel Castro debido a un post seu no que falaba dese libro. Si señor, está sendo unha estupenda lectura.
Eu gábome de saber a quen hai que ler, incluídos os blogs.
Cumprimentos.

detective crepuscular dijo...

Descoñezo as razóns do desencanto de Basilio "en relación ao nacionalismo actual en Catalunya". Eu, con todo e non fiarme nada de CiU, teño unha certa confianza no porvir deste estado de efervescencia independentista que estamos a viver, digan o que digan alguns dos convidados ao debate de Tele 5 dos sábados pola noite. Xa son moitos anos de aturar a mesma tropa e as mesmas cancións de guerra. O artigo de hoxe do Rivas, por non recorrer a plumas catalanas, non pode ter un mellor arranque: "Primero, que se jodan. Segundo, si los jodidos protestan, tratarlos como jodidos terroristas. Y tercero, si las leyes se resisten, violarlas, que para eso están, como las mujeres. Así, a golpe de quijada, se va construyendo un sublime cuerpo doctrinario." Si á tríada do Rivas lle engadimos as declaracións dos últimos tempos referidas a Catalunya, mentiras sobre a escola catalana e demais incluidas, o CORPO DOUTRINARIO xa adquere densidade de aquelarre inquisitorial. E o que nos queda. O da escola catalana como obradoiro de independentistas é unha mentira de tal magnitude que só os que comungan con rodas de moiño españolista e cren en cruzadas españolizadoras poden sustentar. Ven unha carta hoxe en El País que pon as cousas no seu sitio e que calquer persoa civilizada é quen de aplaudir: "¿Qué le parece que no haya hecho nunca clase de historia de Cataluña y, sin embargo, sí de España? ¿Y que hablo mejor el castellano que muchos españoles que salen por la televisión? Esto de españolizar ya lo intentó Franco con todas sus fuerzas y mira cómo estamos hoy en día. No pierda el tiempo, señor Wert." Non sei aonde quere chegar esta xente. Eu convido a quenqueiraquesexa que veña ao meu instituto e que busque e rebusque as hostes desafectas a España traballadas a golpe de manual independentista. Referíase onte David Trueba, por seguir con plumas non catalanas nen catalanistas, ás "Riquezas (de Cataluña) fruto de su pluralidad, no del esencialismo. Insultarla es una estúpida variante de la violencia doméstica. Más que a españolizarla por decreto probemos a estimarla y puede que nos responda con un viceversa." Palabras sabias e ponderadas as do Trueba. O da violencia de xénero tamén o escrebín eu o outro día no blog de Ana Bande. O que si me parece que xa é tarde para que se produza o "viceversa" de Trueba. As relacións xa están mui danadas. Xa son moitos anos de procurar o entendimento e cada vez hai mais desentendimento, mas descoñecimento, mais quilómetros por medio. A min, polo menos, Madrid, ou iso que se entende pola ESPAÑA DO CORPO DOUTRINARIO que dicíamos antes, paréceme que queda a anos luz de Catalunya. Despois de tantos anos, aínda estamos con esas? Querédesme explicar de onde saiu toda esa xente que fai da linguaxe bélica da FAES o seu estatus intelectual? Acaso estamos vivindo nunha película de pesadelos interminábeis? Contaba o outro día J. Ernesto Ayala-Dip unha viaxe por Castilla-La Mancha coa sua muller e o seu fillo para facer a ruta do Quixote. E... Déixoo aquí porque xa me extendín de avondo. Saúdos.