Este político aznarista, que en ciencia non é Madame Curie nin en moralismo Jacques Maritain ou Enmanuel Mounier, é dos que escriben blogs e, no seu, acaba de publicar un artigo chamado a encender a polémica: La solución es vida.
Hai que ver como manexan as ideas estes próceres das esencias ultraconservadoras. Agora deulles por revolver no tema do aborto e non deixarán de intentar prohibilo en calquera suposto ou condición. O que menos lles importa son os dereitos das mulleres en si mesmas. O caso é manter contenta e satisfeita a súa clientela política de extrema dereita. A Cotino, se cadra pola experiencia adquirida mentres que Aznar lle permitiu mandar na Policía, ocúrreselle someter as féminas a un control obrigatorio de escáner aeroportuario para convencelas do pecadísimo que cometen cando practican o aborto. Como non estamos na Idade Media –depende en que cousas, en dereitos laborais imos camiño de volver a aquela época–, xa non pode propoñer queimalas nunha fogueira nin mandalas a algún país de extremismo musulmán para que as maten a pedradas. Que cousas se lles ocurren aos extremistas do PP dende que bloquearon a Blas Piñar!
Habería que paralos antes de que convirtan a España no Estado aillado de Europa que era no primeiro franquismo. E, por certo, como pensará este home, que parece tirado dunha Märchen von einen, der auszog, das Fürchten zu lernen (Xan sen Medo), que se pode aplicar a obrigatoriedade de pasar polo escáner? Levando as mulleres conducidas pola Garda Civil coas mans atadas? Obrigándoas, senón, a parir fillos que non queren ter? Como soa todo isto a ditadura que non é precisamente a do proletariado. Juan Cotino, Juan Cotino... se te apelidaras Contino sería unha aberración semántica. Quizais sería mellor que te chamases Juan Sintino.
No hay comentarios:
Publicar un comentario