Raúl Castro, Norberto Fuentes e Fidel Castro. |
Oscar Wilde dicía das memorias do artista florentino Benvenuto Cellini que era un dos poucos libros que pagaba a pena lerse. Atreveriame eu a dicir o mesmo dos dous tomos que lle dedicou Norberto Fuentes á impresionante vida de Fidel Castro, outrora estandarte da loita pola liberación dos pobos oprimidos e hoxe retrato en sepia da política conservadora que non é de dereitas.
Cada páxina de El paraíso de los otros –así é como se subtitula o primeiro tomo de La autobiografía de Fidel Castro– é unha marabilla de sorpresas, unha máquina de descubrir realidades ocultas, un compendio de boísima literatura nos que ás veces é dificil peneirar para saber a onde chega a imaxinación e onde remata a pura realidade biográfica do xa case eterno gobernante de Cuba. Realidade e ficción case é o de menos neste libro. O que importa é o logro dun enorme relato de asombrosa lectura e doada comprensión dos moitos feitos históricos que xiraron arredor da revolución cubana, sen dúbida a máis importante que houbo despois da soviética.
Non sei o que pensa Fidel Castro deste libro sobre a súa figura. Atereveriame a pensar que lle puido gustar enormemente a pesar de que pon constantemente a remollo o seu paso pola historia contemporánea. Durante moitos anos, Norberto Fuentes foi un home da súa confianza aínda a pesar de que a Castro non lle gustou nada o primeiro libro que publicou Fuentes, un pequeno volume de relatos titulado Condenados de Condado, polo que gañou o premio Casa de las Américas. O propio autor conta, no prólogo dunha edición do ano 2000, que Fidel Castro esnaquizou o volume tirándoo contra a parede despois de lelo, e aí empezaron gran parte dos seus desencontros co réxime cubano.
En 1971, o escritor foi unha das vítimas do caso Padilla, e o único que se negou a asinar as célebres autocríticas que firmaron Heberto Padilla e outros escritores. “Eu son un escritor revolucionario... Non tiven actitudes contrarrevolucionarias”, dixo Fuentes daquela. Na década dos setenta escribiu e publicou en Cuba un magnífico libro: Hemingway en Cuba (Editorial Letras Cubanas, La Habana 1984), con prólogo de Gabriel García Márquez, no que se retrata o libro como unha “reportaxe encarnizada e clarificadora que nos devolve o Hemingway vivo e un pouco pueril que moitos coidabamos vislumbrar a penas entre as liñas dos seus contos maxistrais. O Hemingway noso: un home azorado pola incertidue e pola brevedade da vida, que nunca tivo máis dun convidado á súa mesa, e que logrou descifrar como poucos na historia humana os misterios prácticos do oficio máis solitario do mundo”.
Daquela, Fuentes tamén comenzou a viaxar a Angola acompañando as tropas cubanas que Fidel Castro mandou a África. Escribiu sobre esta experiencia El último santuario, e recibiu as medallas de Combatente Internacionalista de Primeira Clase e do Servizo Distinguido das Forzas Armadas Revolucionarias. Rematou a súa estadía africana acompañando a delegación cubana que negociou os acordos de paz da África Austral cos gobernos de Angola, Sudáfrica, Estados Unidos e a Unión Soviética.
O seu definitvo alonxamento do poder castrista produciuse cando o famoso proceso denominado Causa número 1, por narcotráfico e corrupción, rematou fusilando o xeneral Arnaldo Ochoa e o coronel Antonio Laguardia. Este último era amigo do escritor. En 1993, Fuentes intentou fuxir de Cuba clandestinamente, pero foi detido. Un ano máis tarde, coa mediación de Gabriel García Márquez, Felipe González, Wiliam Kennedy e Carlos Salinas de Gortari, puido por fin abandonar o seu país e instalarse en Estados Unidos, onde agora reside.
Lembro que nunha viaxe que fixen a Cuba, no ano 1988, quixen ver a Norberto Fuentes para facerlle unha entrevista. Ninguén me quixo levar onda el. Todos estaban máis interesados en que comprara caixas de Cohiba, botellas de ron ou mesmo en que entrara no “jineteo” habaneiro que en axudarme a contactar co que daquela xa era un escritor maldito. Quizais por iso me lembrei del este verán e me puxen outra vez a lelo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario