E que faría o home que se fixo podre de rico a costa de arruinar unha das xoias financeiras de Galicia, polas terras de Piero della Francesca e de Leonardo da Vinci? Polo que se ve, andar en bicicleta camiño da Gallería degli Uffizi, ou se cadra saíndo para Pistoia coa intención de comprar unha idem, que hai moita inseguridade e compre protexerse.
Do home que levantou 16 millóns de euros dunha entidade bancaria que deixou na quebra cóntame outro paxariño, igual de voandeiro e tamén migrante daquela belísima xeografía, que comprou unha casa na Toscana e que agora pasa alí grandes temporadas, lonxe do pouco amor e ningunha estima que deixou en Galicia dende que se xubilou mulltiplicando case por catro o peso do seu corpo en ouro.
Se para de chover pronto, aínda hei coller a miña Specialized e ver se lle podo saír ao encontro polos arredores de San Gimignano ou de Siena. Para que me pague un Montalcino polo menos ou me convide a comer unha boa bistecca alla fiorentina na Trattoría Mario, por exemplo.
2 comentarios:
A síndrome de Stendhal, tamén denominada síndrome de Florencia, é unha enfermidade psicosomática que causa un elevado ritmo cardíaco, vertixe, confusión e mesmo alucinacións cando o individuo é exposto a unha sobredose de beleza artística, é dicir, obras mestras da arte.
Que que faría o home que se fixo podre de rico... polas terras de Piero della Francesca e de Leonardo da Vinci? Pois eu penso que andaba a sublimar a riqueza material acumulada en riqueza espiritual visionada. O único que podemos desexarlle é que disfrute de tanta beleza e se emborrache de arte, pero non tanto como para agarrar unha enchenta de morte e sucumbir á síndrome que figura na cabeceira. Ao mellor, o da bicicleta é precisamente para iso, para non deterse a contemplar tanta maravilla correndo o risco de ficar chantado, absorto, pasmado, petrificado, embebedado, stendhalizado. A bicicleta relativiza a visión, dalle un aire pasaxeiro, "desachanta" ao observador en movimento.
Pero esta foto é de verdade ou é de mentira?
Publicar un comentario