martes, enero 22, 2013

Onde iremos parar se se acaba Valderrama

Nesta crónica cóntase como buscando a Palazón, un diplomático fuxido da Xustiza española, din coa inmensa propiedade que ten Ángel Sanchis Perales, na provincia arxentina de Salta. Era o ano 1985. Pasaron 28 anos e a historia parece repetirse no caso de Luis Bárcenas.

A este marabilloso río dos Andes ían pescar os ricos da Coruña
Entre o 14 e o 27 de febreiro de 1985, atopábame eu viaxando por Arxentina buscando un fuxido da Xustiza española, o diplomático Francisco Javier Palazón, que sendo cónsul de España en Xenebra actuou de intermediario para que coñecidos representantes da vida social e artística de España levasen a cabo substanciosas evasións de capitais que remataban nos pouco escrupulosos bancos de Suiza.
Esa viaxe a Arxentina foi precedida por unha breve estancia miña no país da precisión horaria e da da fondue de queixo, onde empecei a seguirlle os pasos a Palazón e onde tiven o gran privilexio de compartir moitas horas de conversación coa persoa que máis sabía daquela do enorme e internacional negocio do diñeiro negro, o catedrático da Universidade de Xenebra Jean Ziegler, experto de prestixio internacional que foi varias veces deputado socialista.
Namais regresar de Suiza, o director da revista Interviú, que daquela era o ourensán Eduardo Álvarez Puga, quizais o mellor que tivo o famoso semanario, mandoume viaxar á Arxentina. Tiñamos daquela a seguridade de que Palazón escondíase en varios sitios daquel país, no que anos atrás exercera o cargo de cónsul xeneral de España e onde tiña algunhas propiedades e moitos amigos influíntes que o protexían.
Nesta enorme finca de Salta cultiva Sánchís os limóns
que utiliza para facer o zume
que lle vende á coca Cola
A primeira pista que me deron en Buenos Aires foi a de que Palazón podía estar agochado nunha piscifactoría da súa propiedade nun lugar perdido da cordilleira dos Andes, onde as montañas fan de fronteira entre Arxentina e Chile. O meu amigo Roberto Pablo Guareschi, daquela director do xornal Clarín, fíxome de guía en moitas destas pesquisas e, sobre todo, púxome en contacto cun singularísimo personaxe da vida arxentina daqueles anos, apelidado Ferreira, unha mezcla de xornalista, axente segredo e arranxador de imposíbeis, que coñecía coma palma da súa man certos aspectos da vida e da xeografía segredas daquel país.
Seguindo esta pista viaxei a Bariloche, a dúas horas de avión dende Buenos Aires, na Patagonia. Aluguei un carro que conducín a maior parte do tempo por pistas de terra e, logo dun percorrido de 200 quilómetros, cheguei á vila de Junín de los Andes cando xa empezaba a caer a tardiña e aloxeime no hotel que me aconsellaron na gasolineira. Din unha voltiña pola poboación e ata me atrevín a pasear por un precioso carreiro das aforas e, nunha revolta do camiño, cando xa estaba empezando a anoitecer, observei como camiñaba cara a min un homiño de baixa estatura que case me meteu medo velo no lusco e fusco que estaba traendo a noite. Ao cruzármonos naquel carreiro, parámomos a saudarnos e cambiamos algunhas palabras.
–¿Cuál es su gracia?, preguntoume el de súpeto.
De entrada, eu fiquei algo soprendido e tardei varios segundos en responderlle, ata que me decatei de que estaba empregando unha expresión moi antiga do idioma español.
–Chámome Perfecto Conde, atinei por fin a contestarlle.
Era un dos escasos mapuches (mapu=terra; che=xente; é dicir, xente da terra) que van quedando pola zona. Como se facía de noite, regresei ao hotel e fun cear ao restaurante. Cando estaba papando o meu bife de chorizo cun bo viño de Mendoza, decateime de que na outra punta do comedor había un grupo de homes e mulleres que falaban en español con marcado acento galego. Levado pola curiosidade de saber que podían estar facendo alí, cando rematei a cea acerqueime a eles.
–Boas, que fai por aquí un grupo de paisanos meus tan lonxe da terriña?, pregunteilles.
–Somos da Coruña e viñemos pescar troitas. Vimos todos os anos.
Xa daquela había galegos que tiñan medios e sabedoría para viviren ben. Un deles, de apelido Pita, pertencía a un familia coruñesa que daquela era propietaria dunha importante empresa de transporte de viaxeiros por estrada.
Durmín coma un lirón logo de compartir con aquela xente algúns wiskies Los Criadores, un destilado arxentino que sempre me pareceu digno de ser tomado e que se vendía a prezo moi inferior aos das grandes marcas internacionais. Pola mañá, dirixinme a unha piscifactoría que había preto da localidade e que podía pertencer a Francisco Javier Palazón. Tardei pouco en averiguar que había poucas horas que abandonara a zona e menos aínda en empezar a sospeitar que o fuxido tiña un especial olfato para sentir as miñas pegadas cando se aproximaban onda el.
Angel Sanchís
De volta a Buenos Aires, Ricardo Kirschbaum, daquela xa un brillante xornalista que logo chegaría a ser editor xeral do poderoso Clarín, foi quen me indicou que debía viaxar a Salta, no noroeste da Arxentina, e seguir alí unhas determinadas pistas. El mesmo recomendoume ao daquela secretario de Economía da provincia de Salta, que era sobriño do falanxista reformista español Manuel Cantarero del Castillo. De entrada, o meu desprazamento a Salta xa me emocionaba. Ademais de seguir buscando a Palazón, animábame moito a idea de coñecer a cidade onde estaba aínda aberto o mítico Boliche Valderrama, que tanta importancia tivo no desenvolvemento do verdadeiro folklore arxentino, e, por outra banda, aquela viaxe permitiríame cheirar algo do ambiente dunha terra lindante coa provincia boliviana de Santa Cruz de la Sierra, escenario de sempre dunha boa parte do tráfico ilegal de cocaína.
Luis Bárcenas
Así que agarrei o primeiro avión que saía para aló e chanteime, tres horas despois, no Plaza Hotel, un estabrecemento que daquela aínda pertenecía a un sindicato peronista e que estaba moi ben situado na praza central da cidade fronte á catedral e á Casa de Goberno. Chamei por teléfono a Cantarero, que me citou inmediatamente no Jockey Club, e fun comer con él. Era un home moi agradábel que rapidamente me inspirou confianza. Conteille que andaba buscando a Palazón e que me contaran en Buenos Aires que podía ser propietario dalgunha estancia na provincia de Salta, na que podía ter un dos seus escondedoiros. O meu interlocutor fixo unha pausa como se precisase algúns segundos para artellar a resposta, e díxome algo que me fixo quitar os cóbados da mesa.
–Eu dese home nunca oín falar, e non sei nada del. Pero quen ten unha gran propiedade por aquí é o líder da oposición española.
Estiven a piques de infartar. Outeando unha lebre saltabame un elefante.
–Está vostede a falarme de Manuel Fraga Iribarne?, logrei preguntarlle.
–Si, polo menos el frecuenta moito unha estancia bastante grande que hai en Apolinario Saravia, a carón da raia con Bolivia, a 190 quilómetros da capital. Acostuma cazar patos nesa finca, onde hai tratores que levan aire acondicionado (estabamos no ano 1985).
Aquela propiedade efectivamente era enorme. Cantarero calculaba que podía ter preto de 200.000 hectáreas, e nela cultivábase daquela soia sobre todo.
Por fín coñecín o meu mitificado Boliche Valderrama (Dónde iremos a parar si se acaba Valderrama... estribillaban Los Fronterizos nunha das súas cancións máis famosas). Pasei nel unha das mellores noites da miña vida ceando con excelente viño branco salteño Michel Torino e escoitando inesquencíbeis interpretacions folklóricas da terra, e, no día seguinte, aínda me quedou tempo pra esculcar algo nas conexións narcotraficantes da rexión. O daquela gobernador da provincia, Roberto Romero, era tamén propietario do xornal local, El Tribuno, e fora inquietantemente relacionado co negocio da cocaína a través dunha empresa de taxis da que era propietario en Miami. Publiquei algo sobre isto na revista Interviú que me custou ter que recibir en Madrid insistentes enviados persoais do gobernador ameazándome con demandas xudiciais que nunca chegaron a concretarse en nada.
Algo co rabo entre as pernas por non dar atopado a Palazón, regresei a Buenos Aires e logo a Madrid, onde me puxen a investigar aquela enorme propiedade española en Salta. Tardei pouco en averiguar que non era de Manuel Fraga senón do seu amigo Ángel Sanchís Perales, daquela tesoreiro de Alianza Popular, hoxe Partido Popular.
Pedinlle cita e tardou pouco en recibirme no seu despacho da rúa Génova de Madrid, na sede do partido no que se ocupaba das finanzas e da tesourería. De entrada foi moi amábel e receptivo comigo. Funlle dando a saber o que quería averiguar e, nun momento dado, cambiou radicalmente a súa atitude.
–Has saber –díxome moi contundentemente– que eu son moi amigo do presidente do Grupo Zeta, Antonio Asensio. Mesmo temos xuntos algún negocio (polo visto compartiran unha pequena empresa de cintas de video e acostumaban tomar algunha copa xuntos en Marbella).
A un xornalista non lle gusta nada atoparse con estas cousas, que nunca se sabe por onde poden tirar. Pero eu, que non son valente pero si abondo arroutado para facer coma os gatos cando teñen que rabuñar, inchei o peito e non me deixei apoucar máis do estritamente necesario.
–Paréceme moi ben –díxenlle con toda a retranca que puiden tirar de min–. Antonio Asensio, ademais de ser o meu patrón, é unha excelente persoa que pode encher de satisfacción a quen goce da súa amizade.
Antonio Asensio
O caso foi que eu volvín á Redacción algo estarrecido daquela entrevista. Contéilloo todo ao meu director e, poucos minutos máis tarde, mandoume chamar Antonio Asensio. Subín á sexta planta da sede do Grupo Zeta, no número 8 da rúa O’Donnell de Madrid. Os de Interviú estabamos no quinto andar. O dono de Zeta pediume que lle detallase todo o acontecido con Sanchís. Escoitoume moi atentamente e cando rematei preguntoume:
–Todo isto que me estás dicindo telo abondo atado?
–Coido que si, respondinlle eu.
–Pois baixa inmediatamente e ponte a escribilo e dille ao director que se publique no próximo número. E, por certo, se lle podes engadir algo máis aínda á túa reportaxe, métello, carajo. Que se entere ese cabrón.
Aquela foi unha das veces que eu admirei e respectei máis a Antonio Asensio. Que pena que morrese tan novo! Non volveu haber editores coma el nunca máis en España. E boa falta facía que os houbese agora.
Escribo todo isto chocado polos acontecementos destes días, que se relacionan coa endémicas trapalladas que padece o Partido Popular. Paréceme como se estivésemos dando voltas enriba da mesma noria sempre. Rosendo Naseiro, Ángel Sánchís Perales, Luis Bárcenas... Onde iremos parar se se acaba Valderrama?

9 comentarios:

Carqueixa dijo...

E di vostede que non debería escribir. Anda xa.
Xa me gustaría a min ter formado un bo tanden con vostede nesas pesquisas, que o meu nariz, e a miña deformación profesional, sempre foron bos para estas cousas.
Faga o favor de escribir polo miúdo, e anímese, home, anímese a levar ao papel as suás andanzas neste mundo que material debe ter dabondo.

detective crepuscular dijo...

Non sabe vostede nada, don Perfeuto. E logo di que non ten "arquivos do trasno" para porse coas memorias. Coa erva que ten apañado menudo feixe de memorias leva vostede no lombo. Coincido con Carqueixa: póñase ante o papel en branco e viaxe por esas paraxes da sua lembranza. Do PP e do Bárcenas non se preocupe, que están en boas maos e xa sabemos como acabará todo: da mellor maneira posíbel. Xa son tantas as veces e os nomes...

alfredo conde dijo...

Noraboa polo teu traballo, debesnos moitos como este. Anímate que xa estamos ó cabo da rúa.
Unha aperta
AC

Voz en off dijo...

Noraboa, e grazas. Oxalá saibamos algún día de tódolos políticos que teñen negocios na Arxentina e en toda Latinoamérica en xeral, e non só do PP.

vicente araguas dijo...

"Qué suene la banda/ que la fiesta va a empezar/ Qué suene la banda/ que tenemos que bailar."
Así, carísimo Perfeuto, con Los Fronterizos volvo pedirche, como todos estes amigos, que non cales, que tes/ temos moito que danzar aínda. Que xa hai moinantes abondo bailando por nós, ¡e bailándonos!
Saúde,

Vicente Araguas

Luisfoz dijo...

Melhor? Impossível!

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...

Grazas polo artigo.
Branca

Anónimo dijo...

ángel sanchís perales......¿señor valenciano que habla con acento gallego?