Fóisenos outro gran galego: Alfonso Sucasas. Enorme artista e home no que latía u corazón cheo de sentimentos e de experiencias. Había poucos coma el. Agora imos botalo moito de menos. Os que vivimos con el unha época moi determinada e interesante de Compostela, coa súa morte, perdemos tamén unha parte de nós mesmos. É como se nos morrera un irmán, algo noso.
Porque con Sucasas podía un levarse moi ben, ben, regular e ata mal e moi mal ás veces, pero Alfonso sempre era aquel tolo xenial que inzaba as nosas velas como se fose un vendaval afoutado que nos empurraba no medio dunha galerna atlántica que nos vivificaba. Lembro neste instante a Ramiro Fonte e a Catuxa Batallán–outros dous que tamén se nos foron– e a moitos máis que formamos con Sucasas unha Santa Compaña inesquecíbel das noites santiaguesas dos anos 70 e 80 do século pasado. Canta memoria imborrábel daqueles tempos!
Non sei por que, pero as terras de Lalín déronnos marabillosos artistas contemporáneos: Laxeiro, Sucasas, Lamazares..., que, ademais de grandes xenios da pintura, representan o melloriño da condición humana. Se eu crese niso de que un vai ao ceo cando morre, estaría seguro de que Alfonso Sucasas agora está botando unha enome gargallada co seu amigo e mestre Laxeiro. E, se cadra, bebendo un vaso de bo viño. Ou comendo un cocido da súa terra. As dúas cousas, o máis seguro.
2 comentarios:
Este vaise, auel vaise, todos, todos se van...
Todos se van, pero os que sempre quedan son os piores. Os que nos levan ao desastre, á incultura, á fame e á desigualdade. A vida e a morte tiñan que ser algo máis xustas. Deus non existe, e, se existise, está dormido. Xa é hora ed que acorde.
Publicar un comentario