Pero quero engadir algo máis. A violencia sempre é desproporcionada. É violencia a secas, veña de onde veña; e paréceme aínda máis violenta, e polo tanto máis grave, cando é exercida por membros das institucións públicas. Este é un vello debate que nunca foi resolto pola democracia española e que nos momentos actuais está a recobrar forza.
Os vellos coma min ás veces lembramos con certa nostalxia aqueles policías de uniforme gris da Policía franquista que moitas veces adoitaban posturas humanitarias e de algún respecto cara aos cidadáns –daquela aínda eramos súbditos– que lles tocaba deter ou custodiar. Falo dos “grises”, e non así do resto da Policía franquista, entre os que houbo auténticos e perversos asasinos e torturadores, particularmente afectos á tristemente célebre Brigada Político-Social.
Particularmente a min tocoume vivir unha experiencia inesquecíbel na Comisaría de Santiago. Con Alberto Reverter e outros estudantes da casca amarga de aquel tempo fun detido no ano 1968 por propaganda comunista que non foron quen de demostrar no tribunal de Orden Público e tiveron que absolverme. Pasei dúas ou tres noites nos calabozos e, durante unha delas, houbo un policía que cando se foron os xefes da Comisaría empezou a ir á porta da cela para preguntarme se quería fumar un cigarro ou me facía falta beber auga. Tamén me pasou algún libro e mesmo bocadillos.
Nunha desas, entablamos conversación máis demorada e eu queixeime de que me fixesen pasar tantas horas alí metido. A súa resposta foi a seguinte: “Quéixase vostede de que o teñan aquí metido, e leva menos de tres días. E logo eu que levo vinte anos e os que me quedan ata xubilarme, que lle parece?”.
Cando me levaron diante du xuíz, Carmen Vázquez –daquela a miña moza e a pobre xa falecida– apareceu onda min acompañada por aquel policía, que xa era maior. Abrazoume e díxome: "Dalle as grazas a este señor. Non sabes o ben que se portou comigo. Menos deixarme entrar nos calabozos para verte, que non podía, ofrecéuseme para pasarche libros, comida e o que fose necesario”.
Daquel home, do que nunca cheguei a saber como se chamaba, nunca me esquencín, e estou seguro de que el nunca lle puxo o xeonllo enriba da cabeza a ningún xornalista nin a ninguén. El si sabía proporcionar a violencia eludindo totalmente a innecesaria. Dame a impresión que hoxe non hai moitos coma el por moito que os de agora militen en sindicatos de esquerda teórica e acudan ás manifestacións. O que pasou en Peinador é unha mostra, e os numerosos gobernantes que polo visto presenciaron os feitos (Antonio Coello, Miguel Anxo Fernández Lores, Lete Lasa, Rafael Louzán, José Enrique Sotelo e Agustín Fernández) terían que facer algo máis ca saír na foto cos olímpicos. Deberían presentar os seus testemuños e esixir que se escrareza o que sucedeu con Rafa Estévez. Isto tamén vai no seu soldo. Polo menos moralmente.
3 comentarios:
Entrañable e esperanzador artigo.
"los grises de fraga iribarne"
fraga iribarne ganó aquella batalla del martes negro de vitoria (palabras de josé manuel otero novas, director general de política interior el 3 de marzo de 1976)
Publicar un comentario