miércoles, octubre 31, 2012

Anticatalanismo galego

Este panfleto distribuiuse en Castela
no ano 1932
Quen dixo que os galegos non sabiamos dar a nota? Para descifrar a cuestión aí está o comportamento dunha empresa do país que non atopou mellor cousa que facer que dirixirse por fax a unha empresa de confección e distribución de uniformes de traballo de Cataluña para anular un pedido que lle fixera destas prendas, por importe de 1.000 euros, dicindo que tomaban esta medida pola “actitude dos gobernantes cataláns”.A empresa afectada, Confecciones Joti, S.L., instalada en Vilanova d’Escornalbou (Tarragona), recibiu por fax a comunicación de que lle cancelaban o pedido, alegando motivos políticos polos que non a empresa galega non volverá a facer encargos a compañias catalanas.Xa estamos como no ano 32 do século pasado, no que elementos da extrema dereita española distribuían por Madrid panfletos como o que aparece reproducido aquí ao lado. O que non sei é por que tiña que ser un pequeno empresario galego, a xulgar pola escasa importancia económica do pedido, o que tivese que abrir o show anticatalán. De momento a empresa catalana afectada está sendo discreta e non dá a coñecer a identidade da empresa galega que está contra a soberanía do pobo catalán. Algún día aínda se ha saber quen é.

lunes, octubre 29, 2012

Contra os poderosos

                               Foto: Gabrel Tizón/El País

Primitivo Carbajo, que parece cada vez máis recuperado por El País, publica hoxe unha excelente entrevista con Iolanda Díaz na que a coordinadora de Esquerda Unida e deputada electa de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) dá todas a puntadas con fío.
Por exemplo, pregúntalle o entrevistador se nota a sombra de Beiras, e responde ela: “Beiras é Beiras, un dos grandes deste país. Para min é unha honra ir con el, pero o gran éxito da campaña estivo na suma de forzas. Se Beiras tivese pactado por exemplo con Compromiso, como estivo a piques, seguro que o resultado non sería este. O que validou a xente  foi o discurso rupturista, de esquerda, contra a troika, contra os mercados, contra os poderosos. O éxito produciuse porque a xente viuse reflexada nese discurso”.
Quizais se pode dicir con máis ou con menos palabras, con máis timbre ou con menos resonancia, pero é dificil expresar mellor e con tanta claridade o que levou non só ás urnas senón tamén a votar pola AGE o domingo 21 de outubro. Esa foi a clave do éxito rotundo da alternativa que propuxo a Xosé Manuel Beiras como candidato á presidencia da Xunta de Galicia.
Non abondaba coa preclara contundencia nacionalista de Beiras nin coa súa atractiva aureola de senior eternamente enragé. Tampouco coa simple rebeldía sistemática de Esquerda Unida. Era precisa a confluencia irmandada desas dúas –e de máis– forzas para que en Galicia resucitase a esperanza de que se pode facer algo politicamente dirixido a rescatarnos a todos do capitalismo neoliberal. O berro que tanto repetiu na campaña e segue pronunciando agora Iolanada Díaz, o de Imos a por eles, estará construído se cadra nun mal galego, pero soa a música celestial nos oídos dos que xa están cansos de padeceren os abusos dos que ocupan a parte máis alta do poleiro.
Realmente case é un luxo ter agora dous líderes que se complementan e se entenden tanto coma Xosé Manuel Beiras e Iolanda Díaz. Nacionalismo e internacionalismo collidos da man. Xa era hora. Só falta que se segan coñecendo e amando máis cada día, como a punta a propia Iolanda.

miércoles, octubre 24, 2012

A vellez é só restricción para o que non a merece

Dun xeito algo raro ou quizais non tanto, o gran éxito electoral da candidatura encabezada por Xosé Manuel Beiras está servindo para que algúns comentaristas e mesmo algún aspirante a líder de opinión poñan en solfa a idade do candidato da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Case sempre con máis galbana que agudeza intelectual e procedentes moitas veces do apoloxismo da dereita, estes pseudo escrutadores da realidade coinciden sempre en alarmarse polo feito de que Beiras xa cumprise os 76 anos e que, cando remate a lexislatura que vai comenzar, xa pasará dos 80.  Que curioso, ningún deles mostrou preocupación nunca por que Caixanova estivese dirixida –desatrosamente mal dirixida, por certo– polo “nono” Xulio Fernández Gayoso.
Pero non é este o caso agora. Non fai falta volver a ler o De senectute de Ciceron ou os versos de T.S. Elliot (“Non quero oír falar/ da sabedoría dos vellos, / senón máis ben da súa loucura, / o seu medo ao temor e ao extravío, / o seu medo á posesión, / a pertencer a outro, a outros, ou a Deus.) para decatarse de que “os necios bótanlle a culpa dos seus vicios á vellez”, como lle di Catón a Escipion Emiliano e a Lelio. Ou como lle dixo Stvenson ao seu médico cando lle indicaba que debía vivir menos desordenadamente para preservar a saúde: “Doctor, sempre se morre novo”.
Xa era tempo de que en Galicia ocurrise algo verdadeiramente novedoso e acaba de pasar. Unha morea moi importante dos votantes desta terra comprendeu claramente que non se é máis novo por contar menos anos no carnet de identidade. Nin máis vello por ter nacido no ano da guerra do 36. Hai outras cousas que nos fan máis o que somos, vellos ou novos. Ademais, os que se escandalizan pola senectude de Beiras e se preocupan por que non vai vivir moitos anos para ocuparse de Galicia, o que mostran é unha supina ignorancia de que, como dixo Norberto Bobbio –outro xenial senior que morreu traballando aos 95 anos–, o limiar da vellez retrasouse case en dúas décadas nos últimos anos. “Os que escribiron sobre a vellez, empezando por Cicerón, rondaban os sesenta –sinala Bobbio no capítulo inicial da súa propia De senectute–. Hoxe sesaxenario só é vello en sentido burocrático, por chegar a idade na que xeralmente tén dereito a unha pensión. Ao octoxenario, agás excepcións, considerábaselle un vello decrépito do que non pagaba a pena ocuparse. Hoxe, porén, a vellez, non burocrática senón fisiolóxica, comenza cando un se aproxima aos oitenta”.
Curiosamente, os que tratan de afearlle a Beiras a súa idade son moitos dos que, por outra banda, non dubidan en apoiar o adiamento da idade de xubilación laboral baseándose en que subiu moito a esperanza de vida. En que quedamos? Foron moitos os anos que se perderon en falsos enfrentamentos entre seniors e juniors, cando todos deberían loitaren xuntos por unha sociedade mellor. Onda nós nunca fixo mella un proverbio africano que di que “todo vello que morre é unha biblioteca que se vai”. Á política de medio pelo que se veu facendo nas últimas décadas resultáballe máis doado quentarlle os oídos á mocidade con falsos cantos de serea, mentres que ía mandano milleiros e millóns de mozos e mozas ao paro ou á emigración.
Ao caso de Beiras podiámoslle aplicar perfectamente as palabras que escribiu Elías Canetti no seu Eloxio da vellez: “A vellez é só restricción para o que non a merece. Un merécea non retirándose do mundo, ou facéndoo na soidade para aspirar a unha forma máis estrita e esixente de logro. Isto presupón unha nova vida para cantos fracasaron, pero tamén para os que dan a sensación de que non fracasarán. Quero chamalo a cara de Jano da vellez: unha vólvese cara o vencido, a outra cara aqueles que aínda non foron derrotados, ou que se cadra nunca o serán”.
Ou como escribiu Cicerón: “As grandes cousas non se fan coas forzas físicas nin coa velocidade ou a axilidade corporal, senón con autoridade, consello e prudencia... virtudes que non lle faltan senón que enriquecen a vellez”.

lunes, octubre 22, 2012

Non hai nada que celebrar


Non hai nada que celebrar. Galicia segue a ser o que era, quizais o que foi sempre dende hai séculos: un país masoquista que lle gusta que lle zorreguen no lombo sistematicamente. Só así se comprende que, ao suplicio social, cultural e político que nos está impondo o goberno da dereita máis incivilizada de Europa, a maioría dos galegos responda, unha e outra vez, cun me va, me va de maravilla.
Dá igual que precaricen a sanidade, estraguen o ensino, boten abaixo o benestar, desprecen o idioma e a cultura que nos son máis propios, ofendan a soberanía ou boten a perder a economía. Castelao segue vixente: mexan por nós e dicimos que é chuvia o que está caendo.
E que non me veñan coa leria de que o PP perdeu 150.000 votos ou que Beiras tivo un éxito de campionato. Un éxito de campionato zorregado nas costas do BNG e do PSOE. E para que serve? Para que o celebre La Voz de Galicia de momento. E para que pensemos que o Ave Fenix sempre renace das súas propias cinzas. Vaia consolo! Se non fose porque xa non estamos na idade e porque a emigración xa non é voluntaria, senón que volve a ser algo imposto pola necesidade, era para coller a maleta e prantarse en Buenos Aires, en París, en Caracas ou no medio da Amazonia. A min ata me podían valer Bilbao ou Barcelona.

martes, octubre 16, 2012

Beiras e Milton Friedman

Diciamos, cando eu era mozo, que a política económica preconizada por Milton Friedman, pai do liberalismo salvaxe que nos golpea nos nosos días, mataba máis ca guerra de Vietnam, e era esencialmente verdade. Non só lle custou a vida a Salvador Allende en Chile senón que conduciu á fame e á desasistencia social –á morte, en defintiiva– a millóns de persoas en todo o mundo.
Comprendo que Alberto Núñez Feijóo se desguste polas manifestacións de Xosé Manuel Beiras cando dixo en Lugo que a política do popular pode matar máis ca calquera grupo terrorista español. A ninguén lle gusta que lle poñan a cara colorada, pero entendo menos aos que se escandalizan pola palabras do nacionalista e falan de insultos intolerábeis. Unha cousa son os insultos é outra a descripción das cousas. É dicir, o chamar as cousas polo seu nome
Polo camiño que imos, cara o empobrecemento radical das clases baixas galegas e españolas, a desprotección social e o abandono de dereitos fundamentais, a política económica que se está levando a cabo no país en na maior parte de Europa pode acabar facendo moitas máis vítimas, mesmo mortais, que calquera dos chamados grupos terrorristas que operaron e aínda operan no noso ámbito mundial. Outra cousa é que non se queira ver a realidade tal como é. E xa se sabe que non hai pior cego que o que non quere ver.

VER ENTREVISTA CON BEIRAS EN VOZTV AQUÍ

lunes, octubre 15, 2012

Botar do mar os idiotas


No “colorín” de El País da pasada fin de semana publicou Manolo Rivas un artigo de verdadeira antoloxía, lembrando a dramática experiencia que viviu Galicia arredor da catástrofe do Prestige. Aos que aínda non o leron recoméndolles premer aquí para consultalo. Paga moito a pena. Só por este artigo Rivas xa merecería o aprezo de gran ecritor que lle temos.
O autor rehabilita, entre outras cousas, a frase pronunciada por un práctico inglés cando houbo no Canal da Mancha un accidente parecido, aínda que fose de dimensións moito menores: “O noso maior problema é botar do mar os idotas”. Podía ser un eslogan para as eleccións do domingo que vén. Botar –e non votar– do mar e da terra os idiotas que causaron aquela gran traxedia que asolou as costas galegas no inverno do 2002.
Porque resulta francamente insoportábel pensar que os que causaron aquel enorme desastre están hoxe gobernando España e pretenden seguir gobernando Galicia. Mariano Rajoy era daquela viicepresidente primeiro e ministro da Presidencia, e foi o que pronunciou aquela célebre frase de que o que botaba o barco eran “hilillos” de nada. O actual director xeral da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa, era delegado xeral do Goberno en Galicia e non dicía daquela máis que parvadas. E que era o Núñez Feijóo que nos quere seguir gobernando a base de mentiras? Pois presidente da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos. O que presidía a Xunta daquela, Manuel Fraga, e o conselleiro de Ordenación do Territorio, Xosé Cuíña, andaban de caza por Castela o día que se foi a pique o Prestige. Xosé María Aznar, presidente da España máis “cañí” que aínda segue couceando agora, despachaba o asunto dicindo que todo era culpa dos cans que andaban ladrando polas esquinas. Máis que traxedia parecería unha traxicomedia, se non fose polo moito que lle custou a Galicia o desastre do barco que capitaneaba o itaqueño Mangouras e mandaron ao fondo do mar os que non souberon gobernar a crise.

sábado, octubre 13, 2012

De Barcelona a Xinzo, con Basilio Losada

Basilio Losada

Andei por Barcelona dous días e pasei cinco na aldea onde nacín, algo que me permitiu desconectar a miña vida da actualidade máis consuetudinaria e tamén deste blog. A Barcelona fun ver a Basilio Losada, ese gran embaixador que tivo a cultura galega non só en Cataluña senón por Europa e América adiante.
Basilio é un galego especial que xa cumpriu 82 anos. Xubilouse de catedrático da Universidade de Barcelona hai doce anos, pero aínda segue dándolles algunha clase aos alumnos que lle mandan das universidades de California e de Ilinois e para os que sempre foi un profesor moi aprezado. Pasei con el un día enteiro, e foi unha marabilla escoitalo. Fomos comer a La Flauta, un restaurante moi xeitoso da rúa Aribau, moi preto da librería de vello na que el comprou hai moitos anos un exemplar de Os velhos marinheiros, de Jorge Amado, que lle fixo enamorarse do Brasil e da súa cultura. Actualmente é un dos mellores coñecedores das literaturas de Portugal e do Brasil, pero tamén dos libros que se publican en toda Europa. É todo un pracer escoitarlle contar cousas de Amado, de Saramago, de Rubén Foseca, de Blaise Cendrars, de Jacques de Bruynes, de Ramón Piñeiro, de Ánxel Fole, de Carlos Casares e de tantos outros. El e máis eu temos algúns amigos dispersos por Europa (Silvia Guerini, Jean-François Botrel...) que nos aproximan aínda máis nunha vella amizade que, no meu caso, comenzou con Losada cando o asturiano Silverio Cañada, xa falecido, nos xuntou no ano 1972 para que lle fixésemos a Gran Encilopedia Gallega. Publicarei unha longa entrevista con Basilio Losada no próximo número da revista Galegos.
Silvia Guerini, cando pertenecía ao staff directivo da editorial Mondadori, foi quen convenceu a Basilio para que escribise, en quince días, a única novela que publicou o galego. A Facenda do Estado puxéralle unha multa moi grande por non declarar determinados ingresos económicos que percibiu en Bélxica por dar cursos nas universidades de Amberes e de Gante, e, como el non podía pagala, os da editora italiana dixéronlle que se facían cargo do seu importe se lles entregaba esa novela en dúas semanas. E entregóullela. O resultado foi La Peregrina, unha excelente novela, por certo. É unha pena que Basilio Losada –tradutor de 150 libros procedentes de oito linguas diferentes– non lle dedicase máis atención á creación literaria. La Peregrina escribiuna cando xa tiña 70 anos.
A ocasión foime propicia tamén para pasear por Barcelona, cidade que cada vez me gusta máis e ata penso que a miña vida tería sido completamente distinta se, en vez de vivir en Madrid todos os anos que vivín, que foron moitos, me tocase pasalos na capital catalana. Neste momento, ademais, Barcelona ofrece un interese moi especial polas circunstancias que está marcando o acontecer de Cataluña, aínda que a Basilio atopeino bastante desencantado en relación ao nacionalismo actual de Catalunya.
E chegar de Barcelona e pasar catro ou cinco días en Xinzo, aldea que tiña cando eu era neno máis de 50 habitantes e na que hoxe só viven permanentemente menos de dez, tamén foi outra experiencia interesante. Durante os días que pasei en Xinzo pareceume vivir fóra da realidade e, dende logo, moi lonxe dese mundanal ruído que están a producir as eleccións do día 21. Case nin me enterei das mentiras de Feijóo, o cal xa foi unha vantaxe boa.

viernes, septiembre 28, 2012

Odisea do inespazo


Estaremos vinvindo nunha especie de realidade irreal que non se sabe a onde vai? Contratas de barcos con México que México desminte, monstros de “bolsillo” que aparecen e desaparecen, pensións de xubilación que suben para baixar, gobernantes que demiten sen demitir, ex banqueiros ex presidiarios que queren saír na televisión con Beiras...
Non hai como entrar en período electoral para que nos somerxan nunha terceira fase odisea do inespazo.

miércoles, septiembre 26, 2012

Feijóo incumpre a Lei


Leo en La Región que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa cometeu catro infraccions electorais dende que convocou a campaña o 27 de agosto. Non deixa de ser todo un récord e todo un mal exemplo precisamente no momento en que a opinión pública galega está sacudida polos efectos dunha célebre operación xudicial posta en marcha dende Lugo.
A Xunta Electoral de Galicia xa o avisou de que, se sigue reiterando estas condutas, inciarase contra el un “procedemento sancionador”. A infracción máis sonada cometida por Feijóo está representada pola súa asistencia á firma do contrato coa petroleira mexicana Pemex. A correspondente lexislación ao respecto (Lei Orgánica 5/1985 de 19 de Xuño, do Réxime Electoral Xeral) sinala que non se poden levar a cabo actos para ensalzar os logros dos gobernos dende que se convocan ata que teñen lugar as eleccións.
O presidente da Xunta, polo visto, non considera importante repectar a lexislación vixente, pois non é a primeira vez que a Xunta Electoral lle ten que parar os pés nesta materia. Tamén lle mandou aparcar a campaña publicitaria “Paisaxe galega, unha tarefa de todos”, e a Consellería de Traballo e Benestar, dirixida por Beatriz Mato, tamén tivo que parar a campaña denominada “Decálogo de dereitos das persoas maiores”.
Está ben que se persigan as infraccións cometidas polos gobernantes e políticos. Pero todas, absotulatemente todas e do mesmo xeito. Que haxa captura de monstros de peto (Pokemon) para todos por igual.

O exemplo dunha xuíza de Vigo


Nestes días nos que tanto se está a falar dunha xuíza de Lugo, a min quen me chama a atención é outra xuíza de Vigo, tan digna de admiración e de loubanza coma Pilar de Lara polo menos.
A historia cóntaa hoxe La Voz de Galicia, que non dá o nome da xuíza, e constitúe todo u magnífico exemplo do que debería ser a vida da xente nunha sociedade feita por e para as persoas.

Fucking!


Fixo ben o BNG de Ourense en sairse do goberno municipal de Ourense. Así, se cadra non ten agora que pedir a demisión do seu concellerio de Deportes, Fernando Varela, que acaba de ser detido dentro da Operación Pokemon, no caso de que a xuíza Pilar de Lara tamén no impute.
Non sei a onde vai parar todo isto, pero é evidente de que as eleccións do próximo 21 de outubro podían tranquilamente seren aprazadas. Total para o que van servir. Para seguirmos como estabamos. É dicir, ben fodidos e non precisamente no sentido sexual da palabra.

martes, septiembre 25, 2012

Mal exemplo o do alcalde de Ourense


Cada hora que deixa pasar o alcalde de Ourense sen demitir, máis fonda cava a súa fosa política, máis favores lle está facendo á dereita de Feijóo e Rajoy e máis lle está apedrando o camiño das urnas ao seu partido, o PSdeG-PSOE. Non é doado entender como Francisco Rodríguez se está empeñando en consumir a súa figura política pechándose nunha teima que só vai levalo a onde ten que chegar: deixar de ser o alcalde de Ourense.
Polas boas ou polas malas (en realidade a hora das boas xa lle pasou pola porta), rematará vendo como lle é inevitábel centrarse no que agora debe serlle fundamental, que é defender con uñas e dentes a condición de inocente que el di que lle pertenece e que eu quero ser o primeiro en respectarlle mentres que a Xustiza non dilucide o contrario. Insistir en que a súa persoa é necesaria para garantir os intereses e proxectar o bo goberno da cidade que lle tocou rexir democraticamente, xa só é retórica cando o seu propio partido e o socio de goberno, o BNG, non é que lle estean pedindo que se vaia senón que están empezando a poñelo na rúa a couces.
Outra cousa é que, polo que sexa, o PSOE lle estea aplicando a Francisco Rodríguez tratamento moi diferente ao que lle deu a casos parecidos ou semelleantes dende o punto de vista forense, os de Xóse Blanco e Xosé López Orozco, por exemplo. Contradicción que tamén se atopa no comportamento do PP, que obrigou a Adolfo Gacio a dimitir –iso si, sen ter que irse de todo do Concello de Boqueixón–, pero non se comportou igual en anteriores casos semellantes.
A vida interna dos partidos políticos é como é, e non sempre é precisamente un modelo de igualdade e democracia, pero isto non debería abondarlle ao imputado alcalde de Ourense para atarse á poltrona. Xa que logo, partamos de que é inocente. Fai daquela moi ben en revolverse contra a traxedia que lle caeu enriba da súa alma. E, se fose realmente inocente, contra o noxento barco de inmundicia moral que lle verteron –e lle seguen vertendo– a maioría dos medios de comunicación sen que a xuíza responsábel do seu caso saíse en ningún momento a puntualizar que nada ou parte de todo o que se lle está atribuindo é mentira. Neste caso, realmente estariamos diante de algo humanamente insoportábel e moralmente degradante.
Pero aínda así, Francisco Rodríguez debería ter a xenerosidade e a valentía moral de non querer impoñer que a cidade que tanto di querer e comprender estea gobernada por alguén que está imputado pola suposta comisión de delitos graves. Ler hoxe, coma onte, La Voz de Galicia ou El País revolve as tripas. Ourense non merece ter un alcalde ao que se lle imputan tamañas sospeitas derivadas dun proceso xudicial. Cada día, cada hora, cada minuto que tarde en dimitir Francisco Rodríguez é unha agonía que lle apreta a gorxa á democracia galega. E estamos a menos de catro semanas de comparecérmos nas urnas para exercela.

lunes, septiembre 24, 2012

Cuestión de confianza


O outro día escribín algo sobre algunhas ensinanzas que se poden tirar do desenvolvemento da Operación Pokemon. Quero volver ao tema. Por exemplo, está  a correr, mesmo entre altas autoridades da administración de Xustiza en Galicia, que a xuíza do caso, Pilar de Lara, botou man do Servizo de Vixianza Aduaneira, como Policía xudicial, para levar a cabo a maior e a máis importante parte das investigacións e, dende logo, para excutar a fase do primeiro lote de detencións, poque non se fiaba abondo do resto das forzas públicas de seguridade.
E iso por que? Hai quen di que se saben ben os motivos e, dende logo, a primeira en coñecelos é a propia maxistrada. O certo é que, de seren verídicos algúns dos ruxeruxes, non é moi positivo o panorama que se pode deseñar deste importantísimo aspecto dos servizos públicos en Galicia. Que se desconfíe ata ese punto de dous veteranos e estrabrecidísimos corpos de seguridade, como son a Policía Nacional e a Garda Civil, pode dar moito que pensar. E que a que desconfíe sexa unha star da xudicatura, máis aínda.
Neste país –no que son tantas as cousas que habería que reformar para que puidésemos estar seguros de que o que peta na porta ás seis da mañá e só o leiteiro, agora o repartidor de xornais– aínda nos queda moito camiño por andar para que poidamos sentírmonos auténticamente libres e confiados nas institucións públicas (das privadas un confíase se quere e, senón, non; sempre que teña cartos para pagalas, claro está).
E voilà, pois un tema para que políticos e gobernantes se poñan a resolver canto antes. Non abonda con cambiar códigos nin reforzar penitencias. Antes que nada e, sobre todo, habería que racionalizar, controlar e dotar de eficacia e aunténtico sentido democrático o establishment no que e co que xa se traballa.

domingo, septiembre 23, 2012

Deben irse

Francisco Rodríguez dicindo que é inocente.

Pois que queren que lles diga? Que a min non me convenceu moito o ar de paisaniño despistado e bonachón co que quixo aparecer o aínda alcalde de Ourense diante das cámaras e dos micrófonos para proclamar a súa total inocencia? E logo que ía proclamar? A súa culpabilidade?
Quizais se perdeu nunha compota de boas intencións respecto á Xustiza, no tocante a que vai colaborar totalmente e abrirlle as portas do seu patrimonio, das súas contas bancarias e do que sexa preciso. Aínda que non o manifestase diante dos medios de comunicación, todos sabiamos xa que –dada a úa situación de imputado– está obrigado a facelo se llo pide a xuíza que vai instruir o seu caso.
Seguramente Rodríguez perdeu unha ocasión única de alonxarse hoxe da Alcaldía para dedicarse a colaborar e exigir que se escrareza canto antes e xustamente a causa que lle afecta. Ou sexa, irse para a casa antes de que o boten. Tampouco me gustou que dixera que non lle constaba aínda a petición de demisión feita polo seu socio de goberno, o BNG. Home, ou está aínda nas batuecas, dende que saiu do discutíbel aillamento ao que foi sometido, ou non se entende que non soubese nada do que lle pediron os nacionalistas, que se cadra se deron demasiada présa en presentaren as súa esixencias. Ergo, o que conta unha mentira pode contar máis mentiras e, se se tercia, mentiras máis importantes.
Chegado a onde se chegou, a Francisco Rodríguez non lle queda máis remedio que abandonar a Alcaldía de Ourense e dedicarse en corpo e alma a defender a súa inocencia, se el coida que é defendíbel, dende a máis rigurosa honorabilidade. E o mesmo digo para o caso do alcalde de Boqueixón, o conservador Adolfo Gacio. Mal favor lle van prestar á democracia e sobre todo aos seus respectivos partidos de insistiren, como están insistindo, en seguiren no poleiro.
Coa inocencia ou a culpabilidade que nos seus casos se poda demostrar cando chegue o xuízo xusto a que teñen dereito, de momento abondo estropicio se fixo xa no panorama electoral do 21 de outubro. Que non se empeñen agora –nin Francisco Rodríguez nin Alfredo Gacio– en seguiren nun “machito” que pode escurecer aínda máis a difícil situación pola que atravesa a política galega. Váilles ser moi triste, desgarrador e ata dramático viviren os tempos que lles agardan, no caso de seren inocentes, pero o seu sacrificio momentáneo xa é inevitábel. Por dicilo polo camiño máis curto, calquera dos dous son de momento auténticos cadáveres políticos. Outra cousa é a terríbel inxustiza que pode resultar se, chegado o caso, se demostra que non son culpábeis. Xa nunca recuperarían a inocencia perdida por un mal proceso. Non serían os primeiros en viviren este irreparábel drama persoal.
Pero, de momento, por defendelos contra as imprudencias ou as malas maneiras dunha Xustiza que corre demáis, todo. De defendelos politicamente, nada, mentres que esa Xustiza non se pronuncie sobre eles con carácter definitivo.

Algunhas ensinanzas do caso Pokemon

Pilar de Lara

Non sei se os alcaldes de Ourense e de Boqueixón son inocentes ou culpábeis –por agora nin a xuíza que os meteu no talego pode sabelo– pero resúltanme absolutamente criticábeis as formas coas que a maxistrada luguesa actuou contra eles. Nunca a Xustiza debería recurrir a métodos que menoscaben ou desprezen a dignidade das persoas e incomunicar, trasladar innecesariamente e desconsiderar o sagrado dereito á defensa dos detidos deberían estar excluídos non deste senón de todos os casos nos que intervén a Xustiza.
Como debería estalo o feito de aplicar medidas procedementais que non estean rigurosamente sometidas a criterios obxectivábeis. Dende o punto de vista dun lego nesta materia, a min resúltame difícil de comprender por que Adolfo Gacio foi presentado coas mans agrilloadas diante da xuíza e se lle impuxo unha fianza de 10.000 euros para ficar logo en liberdade, e Francisco Rodríguez chegou onda ela sen grillóns e saiu libre cunha fianza de 4.000 euros menos. Xa sei que a maxistrada debe ser libre e indepentente para fixar criterios á hora de tomar determinadas decisións, pero entre eses criterios non estaría de máis o de considerar o efecto social e mediático que pode causar o seu comportamento.
Neste como en tantos outros casos cos que teñen que enfrontárense os personaxes públicos cando teñen que comparecer diante da Xustiza, volven a ser escandalosos os modos e as maneiras de como se desenvolve a administración do tan cacarexado segredo sumarial. Mentres que os implicados non tiveron acceso a unha asistencia letrada minimamente efectiva nin sequera á elemental xenerosidade de recibir o alento dos seus familiares, dende non se sabe onde non pararon de aparecer supostas filtracións que lle permitiron a algúns medios de comunicación (cf. La Voz de Galicia e ElPaís por exemplo) adiantar a hipótese de que Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense, non é nada menos que un dos “conseguidores” que formaban parte dunha “trama que usaba motes para comunicarse”. E todo dentro da “mediación que parece ser o novo negocio do século XXI”. Vaia trela.
Reloxos Rolex de ouro –entre 30.000 e 300.000 euros–, ingresos en contas no estranxeiro, inversións en Sudamérica, enchentas gastronómicas a tutiplén, regalos de fincas que logo subían enormente de valor ao seren oprtunamente recalificados os terreos, mercado irregular de postos de traballo, etc. Todo un universo de suposta delincuencia empresarial e administrativa que podía inspirar unha boa novela se houbese escritores coma John Grisham en Galicia.
E resulta que todo isto descúbrese en Lugo. Non en Madrid, nin en Valencia nin en calquera outro lugar de España nos que o Grupo Vendex –calquera cousa menos trigo limpio– ten negocios dende hai décadas. Cando faltaba un mes para as eleccións, e cando o espiñento negocio das concesións administrativas otorgadas pola Administración pública está máis enrarecido que nunca. Que llo digan á irma do presidente Feijóo, apoderada dun grupo empresarial que compite con Vendex.
Por outra banda, non sei por que teñen que rachar tanto os seus hábitos os que agora descubren que a “mediación” é o “novo negocio do século XXI”. E do XX, e dos que precederon. Pero se é unha das esencias precisamente do capitalismo. Bruxelas, unha das capitais do fracasado europeísmo, está chea de obradoiros que se dedican a mediar en todo o que sexa preciso. E Estrasburgo, e Oviedo, A Coruña, Madrid, Lisboa...O mercadeo, iso que os cursis chaman marketing, está por todo o mundo. “Señor alcalde, que non lle chegan os cartos para remodelar o campo de fútbol ou facer un novo cemiterio? Páguenos entre o 3 e o 10 por cento e lográmoslle as mellores subvencións”. Asunto legal.
Que pasa logo? Pois algo moi simple. Que cando os Estados, as administracións periféricas e todo o que ben ou mal funcionaba cando era público, foron desviando –malvendéndoos case sempre– patrimonios e compromisos cara as actividades privadas, foise dando lugar aos cancros que agora afogan as sociedades. Aí están Sicilia ou a vella Unión Soviética para demostralo. Mafias puras e duras. E todo sen que a penas nos decatemos ou mirando case todos sempre para o outro lado.
Malia todo, eu gardo algunha esperanza de que a xa famosa xuíza de Lugo sexa algo máis que unha paridora de pleitos que nunca dan acabado ou que fiquen en leña verde. Oxalá chegue a ser os nosos Giovanni Falcone ou Paolo Borsellino, sen necesidade de ter unha fin tan tráxica comas que tiveron os heroicos maxistrados sicilianos, xa que Baltasar Garzón non soubo ou non puido selo.

Desínflase o globo


Co desenlace provisional da posta en liberdade do alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, do PSOE, cunha fianza de 6.000 euros (4.000 menos co alcalde de Boqueixón, Adolfo Gacio, do PP; parece que aínda segue habendo clases), empeza a rematar unha primeira fase do proceso aberto pola xuíza luguesa Pilar de Lara contra o que podía ser unha trama de intereses empresariais e políticos que levou a varios gobernantes a cometer supostamente varios delitos, entre eles os de prevaricación e suborno.
O globo parece que se desincha bastante. Haberá moito que falar do caso. Dende todos os puntos de vista. Inclusive da posíbel imprudencia coa que puideron comportárense algúns protagonistas desta Operación de monstros de “bolsillo”. Pero iso será mañá, que será outro día.

sábado, septiembre 22, 2012

Poñer as cangalleiras

Tajiri Satoshi

Cómpre non impacientármonos máis da conta porque a crónica xudicial derivada da posta en marcha da Operación Pokemon –palabro que parece sacado de comprimir as verbas inglesas pocket (peto) e monster (monstro), e que significaría, polo tanto, monstro de peto ou de alxibeira– ha ter sen dúbida un percorrido longo. Non hai máis que ver o que lle está pasando ao alcalde de Ourense en Lugo.
Os que saben disto máis ca min cóntanme que foi o deseñador de videoxogos xaponés Tajiri Satoshi ou Satoshi Tajiri, que tamén se di, o que inventou e deseñou –con Shigeru Miyamoto– o que hoxe é o famoso Pokemon, que tantos cartos lle deu a gañar a Nintendo. Tajiri chegou a ser tan popular que a noticia falsa da súa morte cando foi o último tsunami xaponés deu a volta ao mundo ata converterse en trending topic. Esencialmente o seu invento trátase dun videoxogo no que xogador debe atopar e capturar monstros que logo pode entrenalos e facelos competir cos de outro xogador.
Non sei se a xuíza Pilar de Lara ou quen fose entre o seu equipo de colaboradores, son afeccionados ao Pokemon de Tajiri. O evidente é que escolleron este nome para a súa xa célebre operación. Por algo sería.
Tampouco sei como pensan entrenar os monstros que van capturando e atándolles os pulsos con grillons, segundo os casos. De entrada, parece que xa hai algo de preconcebido na concepción dos elementos do xogo. Monstros e, ademais de “bolsillo” (quizais a palabra castelá ilustra mellor o significado). Podían consideralos de tapa dura, encadernación en pel de crocodilo, edición príncipe ou in-folio polo menos. Pero non, teñen que ser monstros e, ademais, de peto ou de alxibeira. Se cadra é porque pensaban que se ían atopar só con xente que non traballa para o abade nin para o inglés nin de balde. Ou cos que acostuman amarrar o peto todo o que poden. Outra cousa sería que tamén pensasen en que ían metelos no papo ou terlles postas as cangalleiras.
Sexa como sexa, a min estas denominacións técnicas da xustiza mediática poderían facerme graza, pero danme moito que pensar. En fin, veremos que pasa esta tarde.

viernes, septiembre 21, 2012

Teatro

Francisco Rodriguez, alcalde de Ourense.
Agora vaise sabendo que a xuíz luguesa Pilar de Lara levaba anos seguíndolles as pistas das súas supostas implicacións en varios delitos á ducia de detidos coa que se fixo pública a Operación Pokemon. En realidade, dende que empezou a dirixir outra operación famosa, a Carioca.
E resulta que, en todo este tempo, non xulgou interesante mandar prender o alcalde de Ourense nin a ningún dos que agora o acompañan nos calabozos? Fóronlle presentadas á xuíza de repente novas probas? Foi quen Pilar de Lara de interpretar de súpeto e de maneira inquietante ou definitiva os indicios que lle constaban na súa investigación? Por que puxo a andar unha acción xudicial tan espectacular só un mes antes de que os galegos teñamos que pasar polas urnas? Non podía agardar trinta días máis dos que agardou ata agora sen que o exercizo da Xustiza perdese a súa independenza?
Tamén habería que saber por que o alcalde de Ourense foi levado, en réxime de aillamento, á Comisaría de Pontevedra e non á de Ourense ou á de Lugo. De momento, toda esta parafernalia policial e xudicial para o que está servindo é para que os medios de comunicación –conservadores na súa inmensa maioría– lle macen no lombo sobre todo aos non son de dereitas. Aí está o exemplo de La Voz de Galicia de hoxe, que abre a súa primeira cun titular a catro columnas e tipografía de excepción proclamando: “El alcalde de Ourense, detenido como implicado en una red de corrupción”. Non era preciso que o xornal coruñés engadise que o tal alcalde é socialista. Só en letras máis pequenas engade que “también han sido apresados el alcalde de Boqueixón, un concejal de Lugo y otras nueve personas”.
Dende logo, ou a xuíz luguesa ten no seu poder probas ou indicios suficientes para desencadear unha operación tan contundente –e isto aínda ha tardar en saberse– ou o seu comportamento é de auténtico perigo para a democracia e para os dereitos individuais das persoas. A administración da Xustiza ten moito de teatro –en realidade, toda a vida pública é un auténtico teatro social–, pero sería desexábel que nunca pedalase demasiado nos límites da traxedia. Nin da farsa, porque aquí herois non hai, como me acaba de apuntar un lector.