Francisco Rodríguez dicindo que é inocente. |
Pois que queren que lles diga? Que a min non me convenceu moito o ar de paisaniño despistado e bonachón co que quixo aparecer o aínda alcalde de Ourense diante das cámaras e dos micrófonos para proclamar a súa total inocencia? E logo que ía proclamar? A súa culpabilidade?
Quizais se perdeu nunha compota de boas intencións respecto á Xustiza, no tocante a que vai colaborar totalmente e abrirlle as portas do seu patrimonio, das súas contas bancarias e do que sexa preciso. Aínda que non o manifestase diante dos medios de comunicación, todos sabiamos xa que –dada a úa situación de imputado– está obrigado a facelo se llo pide a xuíza que vai instruir o seu caso.
Seguramente Rodríguez perdeu unha ocasión única de alonxarse hoxe da Alcaldía para dedicarse a colaborar e exigir que se escrareza canto antes e xustamente a causa que lle afecta. Ou sexa, irse para a casa antes de que o boten. Tampouco me gustou que dixera que non lle constaba aínda a petición de demisión feita polo seu socio de goberno, o BNG. Home, ou está aínda nas batuecas, dende que saiu do discutíbel aillamento ao que foi sometido, ou non se entende que non soubese nada do que lle pediron os nacionalistas, que se cadra se deron demasiada présa en presentaren as súa esixencias. Ergo, o que conta unha mentira pode contar máis mentiras e, se se tercia, mentiras máis importantes.
Chegado a onde se chegou, a Francisco Rodríguez non lle queda máis remedio que abandonar a Alcaldía de Ourense e dedicarse en corpo e alma a defender a súa inocencia, se el coida que é defendíbel, dende a máis rigurosa honorabilidade. E o mesmo digo para o caso do alcalde de Boqueixón, o conservador Adolfo Gacio. Mal favor lle van prestar á democracia e sobre todo aos seus respectivos partidos de insistiren, como están insistindo, en seguiren no poleiro.
Coa inocencia ou a culpabilidade que nos seus casos se poda demostrar cando chegue o xuízo xusto a que teñen dereito, de momento abondo estropicio se fixo xa no panorama electoral do 21 de outubro. Que non se empeñen agora –nin Francisco Rodríguez nin Alfredo Gacio– en seguiren nun “machito” que pode escurecer aínda máis a difícil situación pola que atravesa a política galega. Váilles ser moi triste, desgarrador e ata dramático viviren os tempos que lles agardan, no caso de seren inocentes, pero o seu sacrificio momentáneo xa é inevitábel. Por dicilo polo camiño máis curto, calquera dos dous son de momento auténticos cadáveres políticos. Outra cousa é a terríbel inxustiza que pode resultar se, chegado o caso, se demostra que non son culpábeis. Xa nunca recuperarían a inocencia perdida por un mal proceso. Non serían os primeiros en viviren este irreparábel drama persoal.
Pero, de momento, por defendelos contra as imprudencias ou as malas maneiras dunha Xustiza que corre demáis, todo. De defendelos politicamente, nada, mentres que esa Xustiza non se pronuncie sobre eles con carácter definitivo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario