Pilar de Lara |
Non sei se os alcaldes de Ourense e de Boqueixón son inocentes ou culpábeis –por agora nin a xuíza que os meteu no talego pode sabelo– pero resúltanme absolutamente criticábeis as formas coas que a maxistrada luguesa actuou contra eles. Nunca a Xustiza debería recurrir a métodos que menoscaben ou desprezen a dignidade das persoas e incomunicar, trasladar innecesariamente e desconsiderar o sagrado dereito á defensa dos detidos deberían estar excluídos non deste senón de todos os casos nos que intervén a Xustiza.
Como debería estalo o feito de aplicar medidas procedementais que non estean rigurosamente sometidas a criterios obxectivábeis. Dende o punto de vista dun lego nesta materia, a min resúltame difícil de comprender por que Adolfo Gacio foi presentado coas mans agrilloadas diante da xuíza e se lle impuxo unha fianza de 10.000 euros para ficar logo en liberdade, e Francisco Rodríguez chegou onda ela sen grillóns e saiu libre cunha fianza de 4.000 euros menos. Xa sei que a maxistrada debe ser libre e indepentente para fixar criterios á hora de tomar determinadas decisións, pero entre eses criterios non estaría de máis o de considerar o efecto social e mediático que pode causar o seu comportamento.
Neste como en tantos outros casos cos que teñen que enfrontárense os personaxes públicos cando teñen que comparecer diante da Xustiza, volven a ser escandalosos os modos e as maneiras de como se desenvolve a administración do tan cacarexado segredo sumarial. Mentres que os implicados non tiveron acceso a unha asistencia letrada minimamente efectiva nin sequera á elemental xenerosidade de recibir o alento dos seus familiares, dende non se sabe onde non pararon de aparecer supostas filtracións que lle permitiron a algúns medios de comunicación (cf. La Voz de Galicia e ElPaís por exemplo) adiantar a hipótese de que Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense, non é nada menos que un dos “conseguidores” que formaban parte dunha “trama que usaba motes para comunicarse”. E todo dentro da “mediación que parece ser o novo negocio do século XXI”. Vaia trela.
Reloxos Rolex de ouro –entre 30.000 e 300.000 euros–, ingresos en contas no estranxeiro, inversións en Sudamérica, enchentas gastronómicas a tutiplén, regalos de fincas que logo subían enormente de valor ao seren oprtunamente recalificados os terreos, mercado irregular de postos de traballo, etc. Todo un universo de suposta delincuencia empresarial e administrativa que podía inspirar unha boa novela se houbese escritores coma John Grisham en Galicia.
E resulta que todo isto descúbrese en Lugo. Non en Madrid, nin en Valencia nin en calquera outro lugar de España nos que o Grupo Vendex –calquera cousa menos trigo limpio– ten negocios dende hai décadas. Cando faltaba un mes para as eleccións, e cando o espiñento negocio das concesións administrativas otorgadas pola Administración pública está máis enrarecido que nunca. Que llo digan á irma do presidente Feijóo, apoderada dun grupo empresarial que compite con Vendex.
Por outra banda, non sei por que teñen que rachar tanto os seus hábitos os que agora descubren que a “mediación” é o “novo negocio do século XXI”. E do XX, e dos que precederon. Pero se é unha das esencias precisamente do capitalismo. Bruxelas, unha das capitais do fracasado europeísmo, está chea de obradoiros que se dedican a mediar en todo o que sexa preciso. E Estrasburgo, e Oviedo, A Coruña, Madrid, Lisboa...O mercadeo, iso que os cursis chaman marketing, está por todo o mundo. “Señor alcalde, que non lle chegan os cartos para remodelar o campo de fútbol ou facer un novo cemiterio? Páguenos entre o 3 e o 10 por cento e lográmoslle as mellores subvencións”. Asunto legal.
Que pasa logo? Pois algo moi simple. Que cando os Estados, as administracións periféricas e todo o que ben ou mal funcionaba cando era público, foron desviando –malvendéndoos case sempre– patrimonios e compromisos cara as actividades privadas, foise dando lugar aos cancros que agora afogan as sociedades. Aí están Sicilia ou a vella Unión Soviética para demostralo. Mafias puras e duras. E todo sen que a penas nos decatemos ou mirando case todos sempre para o outro lado.
Malia todo, eu gardo algunha esperanza de que a xa famosa xuíza de Lugo sexa algo máis que unha paridora de pleitos que nunca dan acabado ou que fiquen en leña verde. Oxalá chegue a ser os nosos Giovanni Falcone ou Paolo Borsellino, sen necesidade de ter unha fin tan tráxica comas que tiveron os heroicos maxistrados sicilianos, xa que Baltasar Garzón non soubo ou non puido selo.
1 comentario:
baltasar garzón real, ex juez jienense.....
Publicar un comentario