O goberno francés ao completo |
"Ça bouge!", Esta expresión é moi utilizada en Francia para indicar que algo se está movendo. Que cambia. Se analizamos as medidas tomadas no día de hoxe polo primeiro consello de ministros do goberno francés, parece evidente que François Hollande está resultando o presidende do cambio e dunha esperanza que se pode extender a toda Europa.
Para empezar, tanto o presidente como o primeiro ministro e cada un dos 34 ministros gañarán un 30 por cento menos do que cobraban os gobernantes de Nicolas Sarkozy. Cada un deles asinou unha carta de deontoloxía pola que se comprometen a cumprir “algúns principios simples que deben guiar o seu comportamento”.
Este documento foi redactado polo equipo encargado de preparar o primeiro ano de goberno, baixo a batuta de Laurent Fabius e supervisado polo presidente da República, François Hollande, e polo primeiro ministro, Jean-Marc Ayrault. Nun breve texto de dúas páxinas, no que se evoca “a existencia dun vencello de confianza entre os cidadáns e os que gobernan” e no que se indica que “un fallo aillado pode bastar, por si só, para mermar a reputación durablemente”, estabrécese tamén o principio de que “a expresión, directa ou indirecta, de acordos non pode debilitar o goberno e suscitar o escepticismo dos cidadáns no tocante á credibilidade da acción política”. En termos xerais márcase o criterio de que “unha vez tomada decisión” o que tén que prevalecer é o “principio de solidariedade”.
Insistindo moito sobre os conceptos de “concertación” e de “transparencia", este código de boa conduta para a gobernanza francesa salienta “a escoita dos cidadáns” mediante “relacións seguidas co conxunto dos partícipes institucionais dos ministerios” e practicando “a consulta do público utilizando as posibilidades ofrecidas por Internet”.
“Os proxectos de texto remitidos ao presidente da Repúlica e ao primeiro ministro –dise na Carta de Deontoloxía– presentan as consultas levadas a cabo, o seu resultado e o modo polo que se conduciron para enmendar o proxeto”. Neste campo aconséllase “unha acción determinada para por a disposición gratuíta e cómoda sobre Internet un gran número datos públicos”.
Coa intención de “prever toda sospeita de interese privado”, os membros do Goberno deben expresar coa súa asinatura “unha declaración de intereses” que se debe facer pública. Os ministros teñen que confiar “a xestión do seu patrimonio mobiliario a un intermediario autorizado, sobre a base dun mandato que garantice que eles non poderán intervir directamente nesta xestión”. Tamén se absterán de “dar seguimento a todo convite para unha estancia privada que proceda dun goberno estranxeiro ou de persoas físicas ou morais que teñan actividades relacionadas cos seu departamento ministerial”. Ademais, os ministros comprométense a remitir ao patrimonio público, “sexa inmediatamente ou sexa á saída das súas funcións, os regalos dun valor superior a 150 euros”, e deben renunciar a “toda participación nun organismo, mesmo de carácter non lucrativo, cuxa actividade interese o seu ministerio”. Han de absterse tamén “absolutamente de toda intervención relativa á situación dun membro da súa familia ou dun próximo”.
Esta deontoloxía comprende máis cousas. Por exemplo, algo fundamental e moi significativo. Que “agás en casos de particular necesidade que xustifiquen unha escolta motociclista, os seus desprazamentos en automóbil faranse con discreción e con respecto ás regras do código de circulación”.
Para cando todo isto en España? Alguén imaxina o coche oficial de Rajoy ou o de Feijóo parándose diante dun semáforo en vermello?
No hay comentarios:
Publicar un comentario