
Hollande configurouse definitivamente como a gran esperanza non só do seu país senón de Europa. Que se vaia preparando a Merkel se, por fin e como está case cantado, o domingo que vén gaña a presidencia de Francia o líder socialista. Era de esperar que o continente máis importante do primeiro mundo tiña que despertar máis pronto que tarde da narcotizante política a que nos veu sometendo o neocapitalismo ultraliberal dende antes xa de que empezase a crise económica, produto case exclusivo da súa involución conspirativa que fundiu na miseria paises como Grecia e Portugal e está a piques de levar por diante a España.
As palabras, as ideas e ata as formas expresadas onte por François Hollande, contra un Narkozy case reducido á impotencia final na que rematou a súa vida política Berlusconi, encenden para Europa unha luz de resurrección, un faro no medio da tempestade, digan o que se están empeñando en dicirnos os agoreiros da fin do benestar e da xustiza social, que son moitos e poderosos e non fai falta saír de Galicia para dar con eles. Xa poden ir empezando a pensar en que algunha vez tén que chegar o comandante e mandar parar a decadencia europea e global que impuxeron os intereses corporativos e inconfesábeis da oligarquía internacional. O domingo será Francia e os cabalos de Europa xa non pararán de galopar ata enterrar no mar os inimigos da liberdade, da igualdade e da fraternidade. Tremblez, tyranes e vous perfides... Le jours de gloire ha volver.
No hay comentarios:
Publicar un comentario