Pódese dicir que François Hollande e o seu primeiro ministro, Jean-Marc Ayrault, non empezan precisamente destruíndo emprego na Administración francesa, a xulgar polo número de ministros que acaban de anunciar: 34 en total, dos que 17 son mulleres.
Comentarios doados aparte, o segundo goberno de esquerda da V República francesa comprende unha mestura de case todas as sensibilidades que habitan no Partido Socialista e a incorporación da ecoloxista Cécile Duflot como ministra de Igualdade dos Territorios e do Aloxamento, e non como ministra de Ecoloxía, cargo para o que foi nomeada unha experta en fiscalidade, Nicole Briaq. Un antigo primeiro ministro de François Mitterrand, Laurent Fabius, incorpórase como ministro de Asuntos Exteriores.
Hollande e Ayrault |
Porén, o que máis caracteriza este equipo de gobernantes é a extrema fidelidade –en moitos casos auténtica amizade persoal– rexistrada pola maior parte dos ministros con François Hollande, algún deles amigo dende os seus tempos da mili. Dous ministros, o de iInterior e a de Cultura e Comunicación, son fillos da emigración. O primeiro, o descendente de catalán e suiza Manuel Vals, representa a corrente máis dereitizada do PS. A outra, Aurélie Filippetti, é filla dun emigrante italiano que traballou na Moselle. Tamén indica alguna particularidade a nova ministra de Xustiza, a guaianesa Christianne Taubira, economista de profesión que de moza militou nun partido independetista da Guaiana. Ou o nomeamento como ministro de Edcación de Vincent Peillon, un moi polémico filósofo que defende a “refundación da escola da República”.
Quizais a persoa á que lle resultou máis acaído o cargo de ministra –foi nomeada para Asuntos Sociais– é Marisol Touraine, filla do célebre sociólogo Alain Touraine e recoñecida experta nos temas que agora vai xestionar e sobre os que sempre mostrou unha alta sensibilidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario