viernes, octubre 14, 2011

Tivo algo que ver Elena Espinosa coa piratería de Vidal Armadores?

Quizais a decisión tomada pola ex ministra Elena Espinosa, de renunciar ao segundo posto da lista electoral do PSOE por Ourense, non é totalmente allea a algúns aspectos da política pesqueira levada a cabo polo Ministerio do ramo, cando ela foi a súa máxima responsále, en relación coa empresa Vidal Armadores, que ten a súa base en Santa Uxía de Ribeira (A Coruña).
Nos últimos anos, Vidal Armadores estivo no punto de mira da Comisión Europea de Pesca que non parou de pedir por escrito ás autoridades pesqueiras españolas que investigasen as súa actividades, xa que ten enriba das súas costas máis de corenta casos abertos por supostas actividades de pesca ilegal que lle fixeron merecer a calificación internacional de armadora pirata e a inclusión de varios dos seus barcos nas correspondentes listas de alarma. Porén, tanto por parte da Administración central española como pola da Xunta de Galicia, Vidal Armadores nunca parou de recibir cuantiosas subvencións oficiais. Antonio Vidal Pego (na fotografía) e actualmente o seu principal administrador.
Agora, cando o Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ polas súa siglas en inglés) decidiu meterlle o dente, publicando unha nova entrega da serie Looting the seas (Saquenado os mares), o caso desta armadora galega ocupou, por fin, o lugar que lle corresponde nos medios de información españois (non aínda así nos galegos). O xornal El País publicou, hai dous domingos, un resume da longuísima reportaxe elaborada polas xornalistas de ICIJ Kate Willson e Mar Cabra, na web do ICIJ apareceu o resultado completo da investigación e na publicación dixital española Frontera Dixital, que dirixe o galego Alfonso Armada, unha longa e detallada exposición dos feitos.
Non vaia suceder, polo tanto, que Elena Espinosa, a responsábel española de Pesca que máis puido facer e non fixo por escrarecer o caso de Vidal Armadores, pillase medo a que este caso lle estoupase nas mans preto dunhas eleccións xerais.

lunes, octubre 10, 2011

O verdadeiro escándalo das caixas

Excelente análise a que fai hoxe Antón Bamonde no seu artículo de El País, titulado ¿Cuándo se jodió?. Refírese ao escandaloso tema das indemnizacións multimillonarias que se auotorgaron os vellos directivos de Caixa Galicia e Caixanova, acerca do que escribe que “uno de los grandes misterios de la Galicia contemporánea ha sido la unanimidad que rodeó durante décadas las figuras de Julio Gayoso y José Luis Méndez, ahora ya unidos para la posteridad como Laurel y Hardy”.
Baamonde dóese de que “en ninguno de los periódicos del país –absolutamente en ninguno– se econtró jamás la menor sombra de acento crítico a ninguna de sus palabras o actitudes. Por supuesto, nadie de los tres partidos puso en cuestión su liderazgo”.
O articulista dá por suposto que o escándalo dos estipendios dos directivos das dúas caixas é monumental, “pero es indecente –escribe– ese gesto de monjas ursulinas en gente que parece haberse enterado hoy por la mañana de ciertas cosas”. Antón Baamonde sostén que “el verdadero escándalo reside en haber dejado hacer, durante décadas, sin hacer el menor gesto de crítica o de examen ponderado de bonapartismo que caracterizó a ambos directivos”.
Sen dúbida, unha análise obxectiva e competente do que pasou coa fusión das caixas de aforros e coa súas respectivas historias anteriores. Ler o artigo completo premendo aquí.

sábado, octubre 08, 2011

Traca de feira

Resulta chocante que todo un ministro de Xustiza, profesor de Dereito Constitucional, ademais, se exprese como cando no día de onte saiu á palestra para defender a inocencia do ministro de Fomento e número dous do PSOE Xosé Blanco.
Dixo o galego Francisco Camaño que “todos sabemos, y las personas de bien especialmente, que las declaraciones hechas por alguien que ha estado en la cárcel por delitos de falsedad y fraude, es decir, por mentir y por engañar, no merecen credibilidad ninguna, y por lo tanto no voy a ser yo el que vaya a contribuir a difundir si cabe más lo que sólo es un infundio”.
Resulta este un argumento case preocupante cando sae da boca dun profesional do Dereito que agora mesmo lle toca precisamente iso, administrar a Xustiza española. Se levásemos ao máximo a curiosa maneira de interpretar estas cousas, mostrada polo ministro de Xustiza, no lícito e comprensíbel desexo de defender a un compañeiro de Goberno, cabería preguntármonos por que non se aforran tempo, medios e diñeiro nos procedementos xudiciais saltándose á toreria as declaracións de testemuños, acusados, etc. cando estivesen algunha vez no cárcere, con sentencia definitiva ou sen ela, por delitos de falsidade e fraude. Que ande con cuidado o socialista Caamaño, non vai suceder que Feijóo ou Rajoy, que tan preocupados andan por aforrar todo o que sexa, lle collan a palabra e rematen reformando os procedementos xudiciais agora que defintivamente parece que se encamiñan á ocupación de todos os poderes.
Fóra coñas, o que me gustaría escoitarlle ao ministro sería o seu desexo de que a Xustiza afondase no caso Dorribo ata chegar a todas as súas consecuencias, con rigoroso e público escrarecemento e depuración das responsabilidades que poda haber tanto por parte do pintoresco empresario que destapou esta ola de grilos como pola parte de todos e de cada un dos políticos e demais persoas que podan resultar implicados. Facer política de avestruz ou tirar só contra o mensaxeiro, como fixo o ministro de Xustiza, non é máis ca unha traca de feira pouco respectábel.

viernes, octubre 07, 2011

Vidas paralelas

Sosteño eu, en non Preira, que o mundo non vai tan mal como parece cando se honra con tanto vigor un emblema tan importante coma é o que personificou Steve Jobs. Dende todos os recantos do mundo seguen xurdindo reaccións de admiración e de respecto cara  á figura dun home que significou o mellor da revolución tecnolóxica, e iso é cando menos esperanzador.
Por certo, queixabame eu hai poucos posts de que o pai de Apple non fose galego, e decátome ben de que nós tamén temos o noso propio Jobs. Non é ninguén máis ca Isaac Díaz Pardo. Seríao tamén Luis Seoane, se estivese vivo, pero na súa ausencia temos que celebrar que o noso Steve Jobs vivo sexa o creador –usurpado– de Sargadelos. Non son, dende logo, vidas paralelas, pero hai moito que ver entre o fillo dun dos asasinados polo franquismo e o fillo dun sirio-americano que seguramente nunca se arrepentiu abondo de abandonar a quen se convertiría nun dos personaxes máis importantes da nosa época.
Ámbolos dous protagonizaron sendas vidas de “amor e perda”. O americano descubriu nun garaxe dos seus pais adoptivos o que amaba nesta vida cando só tiña vinte anos. O galego fixo ese mesmo descubrimento no estudio do seu pai natural. Un deixounos Apple e todo o seu magnífico mundo de tecnoloxía acorde coa estética e a racionalidade. O outro Sargadelos, que, salvando as distancias, ten moito que ver co legado de Steve Jobs.
Quizais, lamentablemente, os galegos aínda non nos decatamos de todo canto significa esta semellanza. Isaac e Steve tiveron o valor de seguiren os seus corazóns e as súas intuicións. Eis, o seus grandes méritos. Todo o demais, como repetería o americano, é secundario.

Capitalismo

Escribe hoxe Fermín Bouza, en El País, sobre a expectativa de que podan estar a desenvolverse cambios na cultura política, e parece sorprenderse de que hai agora “amas de casa acogotadas pola crise (que) falan de capitalismo coma os líderes revolucionarios”. Paréceme a min que esta vez o noso sociólogo de cabeceira peca algo de optimismo de máis. A que líderes revolucionarios se refire? Será aos clásicos porque o que é agora onde é que están? O único revolucionario actual morreu hai dous días, chamabase Steve Jobs e era un empresario.
Polo que se le no artigo, a Bouza a palabra “capitalismo” parecíalle “unha expresión decimonónica que xa non tiña sentido a día de hoxe”. O sociólogo descúbrenos nada menos que “a parte da poboación que mantén a súa ubicación en cuadrículas de esquerda e centro-esquerda... debate na barra dos bares, na porta das igrexas e nas esquinas da rúa, sobre o ditoso capitalismo, palabra de moda nos mentideiros populares, coa que enchen a boca tamén as amas de casa nas conversacións de mercado”. Realmente non sei a que mercados vai Fermín Bouza porque eu no Carrefour, no Mercadona, no Froiz ou no Gadis de Bertamiráns nunca lles observei tales recursos dialécticos a estas señoras.
Atribúe a recolocación da palabra capitalismo “nos diccionarios non escritos do debate da rúa” á “capacidade de seducción que exerceu o 15-M sobre unha parte importante da poboación”, e sostén que “iso é algo que está cambiando a cultura das élites”. Bouza non conta ningún conto chinés dicíndonos todo isto, pero se cadra debería afondar máis no asunto tentando respondernos á pregunta de por que chegou a pasar tanto de moda falar de capitalismo ata que nos chegaron as vacas fracas. El mesmo nos dá como “expresión decimonónica” a palabra de marras.
Non ocurriría, quizais, que as élites intelectuais dos últimos tempos –dende a caída do comunismo, para sermos exactos– deixaron de seren críticas e pasaron a ser meros acompañantes do rampante proceso liberal que se adueñou do mundo e que nos levou a onde estamos agora? Para min está claro: hai cincuenta anos, o filósofo francés era Jean-Paul Sartre. Agora din que é un tal Bernard-Henri Lévy.
O capitalismo, diga agora o que queira Fermín Bouza, nunca se viu reducido a unha expresión decimonónica. Sempre foi o que foi e o que sigue sendo: un sistema de explotación do home polo home (e da muller pola muller tamén). Por iso estamos na crise na que estamos e por iso hai antisociais coma esa media ducia de sinvergonzas que meteron nos seus petos o 22 por cento de todo o que vale agora Novacaixagalicia.

jueves, octubre 06, 2011

As informacións sobre a morte de Steve Jobs xa non son esaxeradas

Morreu Steve Jobs, o único emprendedor ao que eu fun quen de admirar completamente. O visionario e revolucionario industrial que nos trouxo trebellos tan fermosos e úteis como o Imac, o IPod, o IPhone e o IPad. Sen el o mundo non sería como é. Faleceu un día despois de que fose presentado o novo IPhone 4S e só mes e medio despois de que lle pasase o timón de Apple ao seu sucesor, Tim Cook.
Rouboulle a vida un cáncer de páncreas contra o que levaba loitando máis de sete anos. El mesmo deu a coñecer a súa enfermidade nun discurso pronunciado no ano 2005, diante dos novos dilpomados da Universidade de Stanford, dicindo que os médicos lle anunciaran, un ano antes, que só lle quedaban algúns meses de vida. Tres anos máis tarde, en setembro do 2008, cando a axencia Gloomber cometeu o erro de dar conta da súa morte, o propio Steve Jobs encargouse de dementila pronunciando unha das súas frases lapidarias: “As informacións sobre a miña morte son moi esaxeradas”.
Jobs foi un auténtico creador, un esteta, un espírito esencial de toda unha época. Só tiña o defecto de non ser galego. Xa me gustaría que o fose, aínda que para iso tivésemos que facer americanos aos mangantes das vellas caixas de aforro que encheron os seus petos con cartos públicos.

miércoles, octubre 05, 2011

A exquisitez galega

Líbreme Deus de ser eu quen poña en dúbida, nin sequera minimamente, a presunción de inocencia. Se calquera dos dous Blancos, sexa o do PSOE ou for o do BNG, ou sexa ese ex deputado do PP que só é coñecido por sair agora relacionado con escándalo desencadeado polo corrupto empresario lugués Dorribo, Pablo Cobián, acaba resultando que son inocentes, serei eu un dos primeiros en celebralo. Ademais, xa sei o que se pode esperar dun suposto impresentábel coma Dorribo cando se atopa na gaiola das feras feridas (valia a cacofonía), pero de aí a concluir sen maís que o pseudo empresario farmacéutico está inventando a historia que agora conta, sen a investigación xudicial e política que debe cumprirlle ao caso, debería haber tanta distancia como do branco ao negro.
Está moi ben que Cobián e o Blanco nacionalista se apresuren a presentar as súas repectivas dimisións –é o mínimo que se podía agardar deles– e tampouco estaría mal que os acompañase neste trance o actual número dous do PSOE e ministro de Fomento, Xosé Blanco, pero nin abondan os seus xestos nin se demostra máis nada que o caso está só pirincipiando. A min tampouco se me escapa que calquera dos tres, ou mesmo os tres no seu conxunto, podan estaren a ser vítimas dunha manobra, por agora descoñecida, destinada a incidir no inminente proceso electoral a nivel do Estado. A dereita española no único no que xa desmotrrou ser auténtica especialista é en machacar sen espcrúpluos de ningunha caste os seus contrincantes. Demostrouse nas últimas eleccions autonómicas galegas e segue a estar vixente no devalar da política española atual.
Todo isto non abonda, porén, para descargar as responsabilidades sobre o máis que demostrado “goebbelsianismo” do partido de Rajoy. Hai outras, e esas deberían ser as que se buscasen, analizasen e depurasen a raiz do caso Dorribo. Empezan a seren demasiadas as contradiccións mostradas entre os implicados nesta verdadeira historia triste da política galega. Se realmente se acabase demostrando que Dorribo leva razón en todo o que lle contou á xuiza luguesa, Galicia non é que xa estaría sendo a Italia de Berlusconi senón a Sicilia de Lombardo, a pior Francia de Sarkossy ou ou o Portugal corrompido dalgunha época pasada, senón que estaría camiñando directamente cara a unha simbiose entre a histórica “mordida” mexicana e o pior que nos pode restar do noso vello caciquismo. Podémoslle dar as voltas que queiramos, pero estamos diante dunha situación endemoniadamente complicada da que podemos saír con algunha perna rota e con algún brazo tronzado. Aló eles, os que non queiran percatarse desta realidade.
En fin, que moi mal panorama nos acaban de plantexar aos galegos para dirixírmonos ás urnas o próximo aniversario da morte de Franco. Seremos un país pequeno, pero hai que ver o que damos de nós cando nos poñemos exquisitos.

martes, octubre 04, 2011

Dorribo implica a políticos do PSOE, BNG e PP

De imprescindíbel lectura todo o que hoxe publica o xornal madrileño El Mundo sobre as confesións que fixo o empresario lugués Xurxo Dorribo dicindo que lles pagou 950.000 euros a tres importantes políticos do PSOE, do BNG e do PP, a cambio de recibir axudas do Ministerio de Economía e da Xunta de Galicia e un crédito do Banco Europeo de Inversións por un total de 5,6 millóns de euros.
Dorribo fixo estas declaracións diante da titular do Xulgado de Instrucción número 3 de Lugo, Estela San José, o pasado 8 de agosto, dicindo que coñeceu ao actual ministro de Fomento, Xosé Blanco, a instancias do seu socio Xosé Antón Orozco, vicepresidente e un dos principais accionistas da empresa de transportes Azca. Logo de que Orozco lle dixera que Blanco quería coñecelo pesoalmente, Dorribo convertiuse nun dos principais impulsores da conecesión da insignia de ouro da Confederación de Empresarios de Lugo ao ministro de Fomento, a carón do que aparece nunha fotografía da cea na que lle foi entregada a condecoración en Lugo, o 16 de abril de 2010.
Segundo Dorribo, o ministro e número dous do PSOE fixo xestións no Ministerio de Facenda para que a Dirección de Axudas Rexionais subvencionase con 467.267 euros as súas empresas, e tamén utilizou as súas influenzas no Ministerio de Sanidade para que lle acelerasen a Dorribo os permisos administrativos para comercializar produtos farmecéuticos coñecidos como unidosis.
Daquela e sempre segundo declara Dorribo no Xulgado, Xosé Blanco díxolle ao empresario lugués, que foi detido pola Xustiza, que debía contratar os servicios das empresas Proitec, unha compañía que se dedica á consultoría, e Electricidad Espiñeira y Bran, que é propiedade de Manuel Bran, primo político do ministro socialista. Dorribo di que lle pagou a Bran 200.000 euros en metálico e que lle concedeu contratos inchados por valor de outros 200.000 euros. En total, 400.000 euros.
Ademais, Xurxo Dorribo declarou que lle pagou en metálico 350.000 euros ao dirixente do BNG Fernando Blanco, que foi conselleiro de Industria no bipartito que presidiu Emilio Pérez Touriño, e que lle deu participación nos seus negocios a través de Xoán Bazarra, un suposto testaferro do político nacionalista lugués. Durante o goberno de coalición PSOE-BNG, Dorribo recibiu axudas por importe de 1,5 millóns de euros a través do Igape.
E, para que esta bonita danza de implicacións políticas fose aínda máis completa, Dorribo tamén declarou que lle pagou 200.000 euros ao deputado galego do PP Pablo Cobián por levar a cabo xestións na Xunta ao seu favor, ademais de patrocinar carreiras de coches dun fillo do deputado conservador.
De momento, o único que se deu presa en desmentir as acusacións é o socialista Xosé Blanco, que anunciou accións xudiciais para escrarecer a verdade e defender a súa honra. Tanto de ser certo todo o que manifestou Dorribo diante da xuíza luguesa como no caso contrario, o asunto merce sen dúbida unha posta en claro total diante da opinión pública. É demasiado grave todo o que aquí se coce como para que remate sendo un simple mal exemplo de liorta político-empresarial a poucas semanas das próximas e importamtísimas eleccións xerais.

viernes, septiembre 30, 2011

Los efebos de don Chema

Se eu fose un deses novelistas de éxito xa estaría a piques de rematar unha obra que se titulase, por exemplo, Los efebos de de don Chema. E, se fose produtor de cine, tiraría de chequeira para comprar ipso facto os dereitos de levar a historia ao cinema. Por que o digo? Por simple vontade de darlles algunha pista aos investigadores do roubo do Codex Calixtinus, que parecen andaren máis perdidos ca un polbo nun garaxe.
E cal sería a trama desa novela-película posterior? Moi sinxela. O Codex roubouno un tal X., organista da Catedral que formaba parte dun grupo especial de amigos dun dos coengos máis influíntes do templo compostelán. Non actuou por intereses crematísticos nin formando parte de ningunha organización do crime senón que levou a cabo a súa acción impulsado por instintos de carácter sexual (non hetero). O malo do caso, dende o punto de vista do patrimonio galego, é que o ladrón desfíxose do tesouro roubado tirándoo simplemente ao lixo ou queimándoo para eliminar calquera proba da súa culpabilidade. Mentres que se investiga o caso, na Curia compostelá desenvólvese unha gran intriga que leva a unha parte do poder eclesiástico local a pedir a cabeza do responsábel da custodia do tesouro roubado, e no Vaticano tamén se desencadean accións que repercuten moi ampla e fondamente na administración da Igrexa galega con consecuencias insalvábeis para a carreira dalgúns dos altos cargos eclesiásticos da vella Compostela.
Que lles parece? Deberei chamar a Planeta para que me vaian encargando a novela? Porque é de supoñer que se aviso á Policía sobre esta hipótese mándame ao trullo dicindo que estou tolo. Ou se cadra non. A fin de contas, a Policía en Galicia está mandada por un autor de novela negra que algo saberá de todo isto. Anda que, se algunha vez se confirmase algo desta trela, eu ía perder o cú correndo a pedir que me declarasen adiviño maior do Reino (mellor da República).

domingo, septiembre 25, 2011

Blanca Muruais e a castástrofe alimentaria que ameaza Europa

Fun á Pontenova para asistir ao enterro da miña prima Blanca Muruais, que Deus a teña no ceo. A miña parenta enviuvara hai só dous meses de Enrique Fernández, un profesor que empezou a súa carreira política como alcalde do PSOE e rematouna de alcalde e vicepresidente da Deputación de Lugo e da FEGAMP militando no PP. Un deses casos que tanto se dan en Galicia entre gobernantes dos dous partidos maioritarios.
Blanca Muruais, non é porque fose miña prima, era unha persoa excepcional. De moza cantaba coma os anxos e bailaba case coma Ginge Rogers. Herdara do seu pai, Manuel Muruais, un xastre-quiosqueiro que me ensinou a ler os xornais prestándome un dos exemplares do Ya ou do ABC que vendía cada día nos lonxanos anos cincuenta. Meu tio fora músico na Banda de Vilameá, que dirixía o meu avó Perfecto Muruais; tocaba moi ben a bandurria e gustáballe cantar nas comidas familiares e en toda canta ocasión que se prestase a celebrar calquera cousa. Coido que Blanca e o seu irmán Manolo Muruais, ex alto dirixente do socialismo asturiano, herdaron aqueles xenes musicais desenvolvéndoos ata a mesma excelencia. Por desgraza Blanca, afectada nos seus derradeiros anos por unha grave enfermidade, xa se nos foi.
O caso é que aproveitei a ocasión para rematar o día na aldea na que nacín, en Xinzo, que non é do Limia senón de Balsaín, e non sei aínda por que existe este topónimo tan raro en Terras de Miranda. A miña irmá pasa alí os meses de verán cutivando, magíficos e enormes tomates, leitugas e pementos que me regala as poucas veces que vou visitala e que eu zampo como se me caesen do ceo os mellores manxares. Cada vez que vou a Xinzo médrame o corazón de alegría lembrando os tempos da miña nenez e primeira mocidade, pero tamén me embarga a tristeza de ver como foi morrendo a Galicia rural, atacada mortalmente pola burocracia e a especulación europea e pola desidia, a ineptitude e a corrupción política española.
Cando eu era neno e empezaba a ir á escola de Santalla, calzado con zocas de bidueira e coas orellas cheas de sabañóns no inverno, había sete casas de labradores que gardaban, o que menos, catro vacas, tres cochos e unha mula, un burro ou un cabalo nas cortes, e cultivaban trigo, maíz e patacas para subsistiren e mesmo para ir vender algo á feira de Meira. Tamén había unha taberna e dúas ou tres casas máis habitadas polo que daquela se chamaban “bodegueiros”, que eran os máis pobres e vivían sobre todo de traballar ao xornal para outros veciños.
Na actualidade, en Xinzo só hai cinco casas habitadas todo o ano por persoas maiores. O intento recente dunha parella de británicos por estabrecérense na aldea rematou co fracaso e coa volta a Inglaterra dos que pretenderon seren novos veciños da aldea. A maior parte das antigas terras de labor e dos prados nos que hai corenta anos pastaban as vacas quedaron a bravo e os montes enchéronse de piñeiros e de eucaliptos cando non de toxos e silvas.
Só hai unha excepción. A do meu amigo Manolo Méndez, un rapaz de Xinzo que, logo de irlle ben laboralmente en Madrid, volveu á aldea de nacemento para recuperar o oficio dos seus antergos adaptándose ás técnicas e aos mercados dos tempos que corren. Dá gusto ver como cultiva pementos, tomates, cebolas, remolachas, calabazas e case de todo canto hai de vexetal comestíbel na Chousa de Xinzo. Xente coma el son os únicos que poden facer algo para que non remate morrendo unha das Galicias máis auténticas e sostíbeis.
Xa de volta en Santiago, sigo reflexionando sobre todo isto de paso que reviso ás páxinas dos grandes xornais europeos. Hervé Bertho, editorialista do bretón Ouest-France, titula lapidariamente o seu último artigo: Une catastrophe alimentaire menace l’Europe (coido que non é preciso traducilo). Lembra que un dos fundamentos de Europa é a solidariedade entre os seus membros e que o baile de miles de millóns de euros maréanos cando se trata de Estados en quebra e de bancos en descuberto, pero que cando a máquina se embala para correxir o plan da mesa dos máis pobres o cheiro do escándalo da fame dá auténtica náusea. Segundo Bertho, Europa estase preparando efectivamente para poñer a réxime os pobres. Unha crise humanitaria ameaza con someter a 80 millóns de persoas a pasar necesidades alimenticias nos 27 países europeos (é un dato oficial da Organización das Nacións Unidas para Agricultura, FAO).
Que fixemos para que esteamos a pasar dunha Europa que tiña superproducción agrícola coa que atender graciosamente os máis necesitados á de agora, que xa ten os seus stocks valeiros e na que para seguir atendendo a eses necesitados haberá que comprar fariña e leite nos mercados que non queren oír falar de caridade senón de cálculos mercatís. A axuda alimentaria europea vaise dividir por cinco e pasar de 500 a 113 millóns de euros dende o ano que vén.
Sen dúbida, o que lle pasou a Xinzo, a miña aldea, ten moito que ver co que lle está pasando a Europa enteira.

viernes, agosto 19, 2011

Non é ouro todo o que reloce en Inditex

Logo de 46 anos de existencia, o imperio textil do grupo Inditex ten case 5.000 tendas abertas en catro continentes nas que vende oito marcas (Zara, Pull & Bear, Berchka, Massimo Dutti, Zara Home, Stradivarius, Oysho e Uterqüe). O seu fundador e actual gran jefe na práctica, Amancio Ortega, é dono do pazo de Anceis, con 420 hectáreas de terreo, propietario dun iate valorado en seis millóns de euros, o Valorio, e conduce el mesmo un Audi A8. O seu grupo tivo no 2010 beneficios superiores a 1.700 millóns de euros. Os adoradores do modelo empresarial de Zara, que son moitos e moi agradecidos, acostuman dicir que o segredo do seu éxito radica en que sabe deseñar, fabricar e distribuir en cinco semanas os produtos que a súa competencia precisa de nove meses para poñelos no mercado.
O estalido en Brasil dun novo escándalo laboral relacionado con Zara, que non é o primeiro precisamente, fai pensar en que o exitoso grupo empresarial de Arteixo tamén ten algún pé de barro, como case todos os monumentos. Unha investigación da Superintendência Regional do Trabalho e Emprego de Sao Paulo (SRTE/SP), levada a cabo nos meses de maio e xuño, descubriu que talleres de roupa subcontratados por Zara exprotaban traballadores, nalgún caso menores de idade, sometidos a condicións análogas á escravitude. Concretamente en dous destes talleres, localizados no centro e no norte de Sao Paulo, foron libertadas desta escravitude 15 persoas, unha delas unha rapaza de a penas 14 anos, e xa anteriormente foron rescatadas das condicións laborais degradantes outros 52 traballadores que producían pezas de roupa comercializada por Zara. Foi a maior operación do Programa de Erradicaçao do Trabalho Escravo Urbano da SRTE/SP dende que comenzaron os traballos de rastreamento de cadeas produtivas a partir da creación do Pacto Contra a Precarizaçao e Pelo Emprego e Trabalho Decentes en Sao Paulo (Brasil). Segundo Giuliana Cassiano Orlandi, auditora fiscal que participou en todas as etapas da invstigación, “por se tratar de uma grande marca, que está no mundo todo, a açao se torna exemplar e educativa para todo o sector”. A fiscalización levada a cabo tamén serve, segunda a mesma fonte, para mostrar a proximidade da escravitude coas persoas comúns, por medio dos hábitos de consumo. “Mesmo un produto de qualidade, comprado no shopping center, pode ter sido feito por trabalhadores vítimas de trabalho escravo”, engadiu Giuliana Cassiano.
Segundo informou Reporter Brasil, “o quadro encontrado pelos agentes do poder público, incluía contrataçoes completamente ilegais, trabalho infantil, condiçoes degradantes, jornadas exaustivas de até 16 horas diárias e cerceamento de liberdade (seja pela cobrança e desconto irregular de dívidas dos salários, o truck system, seja pela proibiçao de deixar o local de trabalho sem previa autorizaçao). A pesar do clima de medo entre as vítimas, um dos trabalhadores explorados confirmou que só conseguía sair da casa com a autorizaçao do dono da oficina, só concedida em casos urgentes, como quando levou seu filho ao médico”.
As vítimas libertadas pola fiscalización oficial brasileña foran captadas en Bolivia e Perú. Co desexo de encontrar mellores condicións de vida deixaron os seus países en busca do “soño brasileño”, e atopáronse con que tiveron que traballar durante meses e longas xornadas só para quitar o que lles custou deprazárense a Brasil. Segundo os cadernos de notas atopados polos investigadores nos talleres fiscalizados, os salarios recibidos polos empregados ían de 274 a 460 reis, moi por debaixo do salario mínimo vixente en Brasil, que é de 545 reis.
Os talleres de costura ocupaban locais que por fóra parecían residencias, pero todos coa característica común de teren poucas ventás e pechadas con tecidos escuros para impedir a vista do que acontecía dentro. Non respectaban ningunha norma referente á saúde e seguridade no traballo e, alén da sucidade, os traballadores convivían co risco iminente de incendios que poderían tomar grandes proporcións debido á cantidade d tecidos espallados polo chan e á ausencia de ventás e falta de extintores de incendio. Logo dun día extenuante de traballo, os traballadores e os seus fillos eran obrigados a tomar un baño de auga fría. As duchas permanecían desconectadas da calefacción por medo a sobrecargas nas instalacións eléctricas feitas sen ningún cuidado, o que umentaba aínda máis o risco de incendios.
As cadeiras nas que os traballadores pasaban máis de 12 horas sentados cada día eran compleamente improvisadas, e as máquinas de coser carecían de toma de terra e tiñan a correa á vista. O descuido co equipamento ameazaba especialmente aos nenos que circulaban polo ambiente e podían resultar feridos coa perda de dedos das mans ou mesmo coa perda do pelo e do coiro cabeludo. Segundo Giuliana Cassiano, do equipo fiscalizador, a sobreexprotación descuberta está motivada por unha vontade de aumentar os lucros. “Con isso há uma reduçao do preço dos produtos –dixo– caracterizando o dumping social, uma vantagem econômica indevida no contexto da competiçao no mercado, uma concorrência desleal”.
O Ministerio do Trabalho e Emprego de Brasil levou a cabo 48 autos por infraccións contra Zara debido as irregularidades detectadas nos dous talleres. Un deles fai referencia á discriminación étnica de indíxenas quechua e aimará. Conforme ás análises feitas polos auditores, ficou probado que o tratamento dispensado aos indíxenas era moito pior ca o aplicado aos non indíxenas. “Observa-se com nitidez a atitude empresarial de discriminaçao –lese no informe fiscal–. Todos os trabalahdores brasileiros encontrados trabalhando em qualquer un dos pontos da cadeia podutiva estavam devidamente registrados em CTPS (Carteira de Trabalho e Previdência Social), com jornadas de trabalho condizentes com a lei, e garantidos em seus dereitos trabalhistas e previdenciários. Por outro lado, os trabalhadores imigrantes indígenas encontram-se em situaçao de trabalho deplorável e indigno, em absoluta informalidade, jornadas extenuantes e meio ambiente de trabalho degradante”.
No primeiro taller de costura inspeccionado laboraban seis persoas, incluíndo unha adolescente de 14 anos, en condicións de traballo escravo. No momento da inspección os empregados estaban rematando blusas da colección Primavera-Verao de Zara, en cor azul e laranxa. Por cada peza feita, o dono do taller recibía 7 reis. Os costureiros, unha media de 2 reis por peza. Esa mesma peza véndese logo nas tendas a 139 reis.

En fin, que a empresa da que a Galicia oficial está máis orgullosa, o grupo Inditex, volve ter moito lixo que barrer na súa propia casa. O grupo industrial español que máis contribuiu ao fenómeno da polémica globalización e homes de negocios tan notábeis coma Amancio Ortega ou propio Xosé María Castellanos, agora fac totum do banco resultante de Novacaixagalicia, volven ter as súas sombras. Non é a primeira vez que lles pasa, pero ata agora nunca con tanta forza. Non é ouro todo o que reloce en Inditex.

jueves, agosto 04, 2011

62.000 empregados da banca europea quedarán sen traballo

Crise económica coa conseguite fuxida dos inversores, fradude fiscal, etc. Grecia, Irlanda e Portugal no cu do saco, España e Italia a máximos históricos nos seus riscos económicos, a especulación financeira campando unicamente aos seus respectos e o primeiro mundo derrubando cada día aquilo que lle custou suor e bágoas conquistar, o tan  desexado antano como agora enfermo benestar.
Por exemplo, o sector bancario europeo prevé destruir milleiros e milleiros de empregos no futuro inmediato. Dende que abriu esta brecha a norteamericana Goldman Sachs, a suiza UBS, a española Bankia –máis preto de nós aínda a substituía Novacaixagalicia–, a británica Hongkong & Shanghai Corporation (HSBC), o Barclays e máis bancos están dispostos a botar á rúa, de aquí ao 2013, arredor de 62.000 traballadores. Todo un récord, dende logo.
Aproximadamente, a metade deles perderán os seus pstos na HSBC, poderosa organización bancaria que mesmo prevé retirarse de varios países onde está atopando que a competencia é moi dura. HSBC, o banco máis grande de Europa, despedirá a case un 10 por cento dos seus actuais empregados coa vista posta en reducir os seus custos de funcionamento nun montante total que pretende situar entre 1.700 e 2.400 millóns de euros. O curioso de todo isto é que acontece cando a actividade banqueira en xeral aumentou os seus beneficios nun 35 por cento (6.200 millón de euros) no primeiro semeste deste ano.
Pola súa parte, Barclays xa anunciou unha baixa de 3.000 postos de traballo de aquí a finais de 2011, e noutra gran banca británica, o Lloys Banking Group (LBG), a supresión será de 15.000 postos de traballo ata o ano 2014. Precisamente, LBG foi unha das entidades que xa foi socorrida polo Estado no que vai da crise actual.
Na primeira banca suiza, UBS, calcúlase que 5.000 persoas tamén van perder os seus postos de traballo, e outros 2.000 traballadores tamén serán despedidos no Credit Suisse Group, mentres que na española Bankia –a meirande unión levada a cabo entre as antigas caixas de aforro españolas– está prevista unha perda de 2.879 postos de traballo
En Italia, Intesa Sanpaolo suprimirá ata o ano 2013, 3.000 postos de traballo, e BNP Paribas, ata agora a única banca francesa que anuciou reducción de cadros de persoal, desfacerase de 244 traballadores.
Ou sexa, todo un panorama laboral para Europa.

martes, agosto 02, 2011

É para blasfemar

É para blasfemar polo alto. Agora resulta que un mísero xubilata coma min cobra máis diñeiro ca media de todos os notarios, arquitectos, avogados, médicos ou pequenos empresarios. Acabo de lelo en La Voz de Galicia. Aquí algo fallaría se todo isto fose verdade. Ou os xubilados estamos supermega ben pagados –cousa non só incerta senón rematadamente mentirosa– ou todos eses colectivos son en España unha panda de mortos de fame (cousa igual de incerta e de falsa).
A terceira edición do Informe da Loita contra o Fraude Fiscal, que leva a cabo a Axencia Tributaria, sostén que por término medio os xubilados cobramos cada ano 8.578 euros máis ca todos eses que andan en Mercedes, BMW e ata teñen casa na praia, no campo e apartamento en Miami, e iate con posto de amarre a prezo de Marbella (e non me digan que non, que os vin eu navegando polas Eolias, por Catania, por Grecia e por Sicilia, e ata podía dar nomes e apelidos).
Agora vese quen arrima o ombreiro para sairmos da crise e quen son os que nos meteron nela e non están dispostos a poñer un can. Resulta que Galicia é a quinta comunidade –despois de Madrid, Asturias, Cataluña e Cantabria– onde é maior a diferenza entre as rentas decraradas polos asalariados ou pensionistas e os pequenos empresarios ou profesionais liberarais. A media nacional desta diferenza é de 8.323 euros.
Como era de agardar nos tempos que corren esta fenda veuse agrandando enormemente durante os últimos quince anos, ata converterse nun auténtico fraude fiscal masivo: vendas sen IVE, compras personais cargadas como gastos de empresa, facturas falsas, etc. As grandes fortunas e as empresas de gran tamaño son as principais responsábeis da evasión fiscal. E ninguén lles mete a man. Para iso estamos os asalariados e os pensionistas. Viva a xustiza social. E logo falan de igualdade, porque o que son a liberdade e fraternidade xa hai moito tempo que se converteron en obsolescencias da Revolución Francesa.

miércoles, julio 20, 2011

Pois se cadra

Algo moi grave esta a pasar en España. E en Europa. E no mundo. Dende que caeu o muro de Berlín, é dicir, dende que quebrou o chamado socialismo real, non é que foramos para menos mal, é que fomos de precipicio en precipicio. Quere isto dicir que eu son nostálxico de calquera vello réxime? Non. Todo o contrario. O que pasa é o que pasa. Que, cada vez máis, non invade e nos reduce non a vella escola de Chicago de Milton Friedman, que agora mesmo case sería un respiro, senón o pior de todo o pior do liberalismo ecomómico internacional. Os ricos, cada vez máis ricos e os pobres a cumprir o seu papel cada vez con menos proteínas.
Que un puñado de anónimos funcionarios do pior capitalismo, como é o caso das poderosas axencias calificadoras do mercado internacional, manden moito máis que calquera elección democrática, país por país, ou por agrupación de países, como é caso de Europa, que calquera decisión soberana só representa que estamos no pior dos escenarios posíbeis do mundo mundial. Estase a ver todos os días. Por este camiño non hai Europa que resista tanta agresión das forzas reaccionarias globalizadas. Ou despertamos nós, os europeos, ou se remata para moito tempo o mellor que foi capaz de inventar Europa, o sistema de benestar e a igualdade social. A Revolución francesa está a piques de fracasar definitivamente e adiós lberdade, fraternidade e igualdade despois de máis de cen anos de magnífica influenza universal. Os de Nova York xa poden ir apeando a súa estatua da Liberdade.
Se todo isto o concretamos en España, e máis localmente en Galicia, vaiámonos preparando. Se Rajoy é a España o que Reagan ou a Tatcher foron a Estados Unidos ou á Gran Bretaña, Feijóo non é máis ca unha reducida miniatura municipal e espesa do que foi para a Baviera alemana Franz Johan Strauss, con perdón de Fraga Iribarne. Non nos chamemos a sorpresas e empecemos a sabermos o que nos vai caer enriba: o pior do capitalismo moribundo internacional. É dicir, preparémonos para traballarmos mais das 48 horas semanais polas que perderon a vida Sacco en Vanzetti e vaiámonos amañando para vivirmos moi por debaixo do mileurismo cunha seguridade social cada vez menos eficiente e cun benestar definitivamente tullido e desmontado. E, senón, tempo ao tempo.
Cun pronóstico como o que estou a facer, diranme algúns de vostedes, mais nos valera volver a emigrar. Pois se cadra.

lunes, julio 18, 2011

Deporte nacional

Con pouco máis que se esforcen os directivos de El País, terá que empezar a andar con cuidado Pedro J. Ramírez se quere que El Mundo siga sendo o gran xornal da dereita española. O editorial de hoxe e o artigo asinado por Juan Luís Cebrián contra ao presidente Rodríguez Zapatero, se estivésemos en Francia, aparecerían en Le Figaro e probablemente nunca en Le Monde nin en Liberation. Pero España é outro país, ou polo menos outro Estado.
Aínda estando conforme cunha boa parte das análisis que fan o editorialista e o articulista de El País, a min non me parecen de recibo nin a data que elixiron para publicar –precisamente no 18 de xullo–nin algunha das inxustas inconsideracións que cometen con Zapatero. Xa se sabe que por estes lares apagar os habanos no tronco dalgunha arbore caída sempre queda ben visto como deporte nacional.

viernes, julio 08, 2011

A Calixtinada da (in)Curia compostelá

Xa eramos poucos e a aboa non só quedou preñada senón que, ademais, pariu. O que acaba de acontecer na catedral de Santiago co Codex Calixtinus empeza a parecer unha máis das coñas marineras do noso impaís. Que un tesouro patrimonial galego e universal que representa o que representa e que pode chegar a valer no mercado ata 100 millóns de euros –total nada, case 17.000 millóns de pesetas das antigas pesetas– como acaba de apuntar o experto Manuel Moleiro, que por certo é paisano aínda que ande por Barcelona,  puidese ser roubado coa facilidade que se está empezando a sospeitar é para botarse a chorar.
Os que viaxamos decote pola Bretaña francesa, por exemplo, sabemos que alí en cada aldea de poucas ducias de habitantes hai unha igrexa chea de pequenas e non tan pequenas delicias patrimoniais que desaparecen con menos frecuencia ca no noso país aínda que alí os templos católicos están abertos mañá e tarde e poden seren visitados sen viixiancia aparente e sen ningún tipo de protocolos impedimentarios. Abonda con chegar, entrar, ver o que hai e logo marchar. Sempre me chamou a atención a excelente cohabitación que hai nese país entre cidadanía, relixión e simple turismo accidental. Quizais se deba a que Francia fixo a a súa Revolución, tivo a súa Ilustración e ata as igrexas –cando son monumentos– poden ser patrimonio do Estado e non dunha organización eclesiástica concreta.
E non vou dicir que o Calixtinus puidese estar maís seguro se pertenecese á Xunta e estivese gardado na Cidade da Cultura, por poñer un mal exemplo, pero dá moito que pensar –e sospeitar– o que se está empezando a saber de como gardaba a Curia compostelá o seu máis prezado tesouro material. Haberá que estar atento a todo o que vaia pasando arredor deste triste acontecemento. Nin sequera me parece exemprar que o ministro de Interior, Rubalcava, abandone o Ministerio responsábel da seguridade estatal sen que pasasen nin 48 horas dende que se fixo público o xa célebre roubo perpetrado na catedral de Santiago.
Algún inexperto no uso da metáfora chegou a dicir que a desparición do Calixtinus é como se roubasen as Meninas. Hai que ser algo analfabeto para facer tal comparación. O cadro de Velázquez é importantísimo e se cadra Sotheby’s sería quen de sacar máis cartos por el que polo Calixtinus nunha poxa, pero o que acaba de desaparecer da catedral de Santiago é para os galegos, en primeiro lugar, e para o resto do mundo occidental despois algo verdadeiramente insustuíbel. Por iso dá carraxe e vergoña ver o que acaba de pasar con el.

viernes, junio 17, 2011

Carrefour e Banco de Santander

Nas últimas 48 horas producíronse dúas noticias que seguramente non están a ser abondo valoradas dende o punto de visto social e político. En Francia, un dos deominados Tribunais de Police –son os que se encargan de xulgar as contravencións de quinta clase–, neste caso o de Evry, condenou a cadea de gran distribución Carrefour a pagar 1.830 multas que suman, en total, 3,66 millóns de euros por non respetarlles o salario mínimo interprofesional a preto de 1.200 dos seus traballadores. A outra ntocia é de España e refírese á investigación xudicial do coñecido banqueiro Emilio Botín e a maior parte da súa familia por un presunto delito fiscal.
No caso francés, unha inspección de traballo estabreceu que Carrefour deixou de pagarlles a cada un dos traballadores afectados entre 4,53 e 45,148 euros cada mes, dependendo das categorías salariais. Agora o tribunal tamén condenou á famosa cadea de distribución e venda, no caso do almacén de Uzès (Gard), a pagarlles entre 10.000 e 15.000 euros a cada unha das federacións sindicais que presentaron as reclamacións, e entre 300 e 1.000 euros a cada un dos dez asalariados que reclamaron de forma independente.
No tocante ao caso do patrón do Banco de Santander, Emilio Botín, a totalidade dos seus fillos, irmáns e sobriños, veremos en que dá a cousa. De momento non parece precisamente exemplar que o clan familiar máis representativo do capitalismo bancario español apareza empapelado entre os que defraudan o fisco.
Calquera das dúas noticias deberían producir polo menos algo de repugnacia social.

miércoles, junio 15, 2011

A fin do mundo

Bugarach é unha aldea do sur de Francia, a 254 quilómetros de Barcelona, na rexión do Languedoc-Rousillon, que non chega a douscentos habitantes. Acaba de tocarlle o premio da atracción turístico-esotérica porque, segundo algunhas prediccións, será o único lugar do mundo que sobrevivirá á apocalipse que vai suceder o 21 de outubro de 2012. Consecuencia, que os que teñen cartos e gañas de rascarlle a barriga á alma xa están comprando casas e reservando prazas para a segunda quincena do Nadal dese ano a prezos que por agora só son catro veces máis caros do normal. En principio sería de supoñer que algúns dos millonarios que de repente se sentiron solidarios do 15M, Rosalía Mera, poño por caso, xa estarán pensando en comprar algun cabanonciño ao pé do monte que leva o nome da aldea e que algúns consideran que é un “garaxe de ovnis”.
O tal lugar, polo visto, é unha cidadela calcárea que pode resistir calquera hecatombe. Agora mesmo xa hai quince casas á venda, ou sexa, que poden aproveitar os dinosaurios que queiran sobrevivir o seu propio diluvio. Todo é cuestión de pagar.
Eu, por se acaso, vou chamar ao alcalde do lugar, Jean-Pierre Delord, pra que me vaia buscando un acoguiño aínda que sexa nalgunha das covas que acolle o seu monte sacro. Total, entre as ondas á que me expón a parafernalia electrónica actual e as magnéticas do pico de Bugarach, maloserá que non me acaian ben os ares  do Aude, que é o país no que está a suceder a última parvada do mundo.

lunes, junio 13, 2011

Ana Liste

Dende algún lugar dos mares do Sur escríbeme Ana Liste para dicirme que viu en Croques “unha cadela que tinha un certo ar contigo”. Ana anda por Mozambique hai xa varios anos, e alégrome saber dela aínda que sexa co gallo de que me morreu a miña amada Mara, a tal cadela que se parecía a min.
E xa me empeza a dar voltas o conto por que non é só Ana Liste quen estabreceu esa semellanza. Remi Parmentier, a última vez que estivo na miña casa, tamén dixo algo semellante, e eu claro que fico encatandísimo. Xa me gustaría ser como era ela. Mara era boa, lista, educada, xenerosa, noble, solidaria... Era unha cadela, pero era máis persoa ca media das persoas que andan pintando algo polo mundo adiante.
A Ana Liste coñecína hai moitos anos, cando empezaba a voar como muller independente, aventureira e incapaz de estar parada maís de vinte minutos. Procedía dalgún faro da costa galega e viña disposta a comer o mundo a cachos. Seguramente moitos dos seus amigos non soubemos entendela todo o ben que ela merecía e ata é probábel que algunha vez lle fixeramos algunha trasnada. O seu corazón é tan grande que nunca no lo tomou a mal. No fondo, Ana tamén se parece a Mara. Ten os ollos grandes, coma os tiña Mara, e olla de fronte ata espir o cerebro do que ten de fronte. Oxalá que lle vaia moi ben polos mares do Sur.