Nicolas Sarkozy, presidente de Francia ata o día 16, anuncia que se vai retirar da política activa, pero non vai precisamente morrer de fame. Segundo a regulación que estabreceu Laurent Fabius en 1985, cando era primeiro ministro de François Mitterrand, o presidente saínte cobrará unha indemnización bruta de 6.000 euros e percibirá 11.500 euros netos cada mes se se incorpora ao Consello Constitucional.
Ademais, ten dereito a dispor dun apartamento de función amoblado e equipado, dous policías de escolta, un coche de función con dous chóferes, 7 colaboradores e billetes ilimitados na compañía aérea de bandeira, Air France, en clase Affaires, así como nos ferrocarís franceses (CNCF) en primeira clase. No estranxeiro será acollido polo embaixador de Francia e beneficiarase de aloxamento nas residencias dos embaixadores ou dos cónsules.
Segundo René Dosière, deputado socialista por L’Aisne e experto en xestión das finanzas públicas, todo isto representa para o Estado francés un custo de 1,5 millóns de euros por cada antiguo presidente e por cada ano (ver Le Monde).
Aínda que François Hollande prometeu suprimir a disposición que lles permite aos ex presidentes seren nomeados de por vida para o Consello Constitucional, e a aínda que a súa proposta fose aprobada polo Parlamento, a Nicolas Sarkozy non se lle podería aplicar esta medida con carácter retroactivo.
Como ben cantaba Zeca Afonso (ver video á dereita ou premer aquí) eles comen tudo e non deixan nada.
2 comentarios:
Cómeno todo e non o come crú. Cómeno cociñado pola Merkel (e requentado en España por Rajoy).
Pois francamente, foi unha persoa que adicou 5 anos ao servizo do seu pais (ben ou mal, ese é outro tema).
Moito máis grave me parece que un señor que se xubilou anticipadamente (con 55 anos) do BBV, levándose case 70 MILLÓNS de EUROS, seguiu a traballar en Bankia e agora pasa a presidila. E que fixo polo pais? que marabillosa xestión levou a cabo?
Moito máis grave é que Xosé Luís Méndez, tamén xubilado con 13 MILLÓNS de EUROS, siga a cobrar por asistencia a distintos consellos de administración en nome de NovaGaliciaBanco, e non pouco.... E así o que se queira.
Dirase que son entidades privadas, pero é evidente que non existe nada privado nestas empresas: nacionalización das perdas (cantos cartos lles levamos dando sen control algún?), subvencións, desgravacións.......
Publicar un comentario