martes, mayo 08, 2012

A hixiene (recaudatoria) de Ames


O Concello de Ames, gobernado polo PP, que tén como alcalde a Santiago Amor, acaba de envíar aos veciños do rural unha carta certificada con acuse de recibo –canto gastou para levar a cabo este procedemento?–, a través da súa secretaria xeral, Rosa Ana Prada Queipo, na que presenta unha proposta de liquidación e regularización do gravamen do lixo correspondente aos anos 2009, 2010 e 2011 por un importe total de 213,11 euros.
Santiago Amor
Todo estaría moi ben se estas taxas fosen presentadas a cobro ou polo menos anunciadas no seu día, pero dase o caso de que aos contribuíntes se nos reclama agora un imposto que nunca foi posto a cobro nin sequera anunciado no seu momento. Para máis inri, preténdese colar estas taxas “por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana”. Cóntolles o meu caso. Eu vivo nunha aldea do municipio agora gobernado polos conservadores de Núñez Feijóo na que, cando me instalei nela –hai pouco máis de dez anos–, non había nin traída e augas nin alcantarillado nin recollida de lixo, polo que tiven que investir os meus cartos en instalar unha depuradora doméstica e construír un pozo de barrena para poder vivir de maneira que non fose coma dun primate.
Tempo despois, tarde, mal e arrastro coma sempre, chegaron eses servizos, pero de forma que aínda hoxe son deficientes. Por exemplo, ata hai a penas unhas semanas, a recollida do lixo realizouse só unha vez á semana. Agora faise dúas ou, como máximo tres veces cada sete días. Non hai separación na práctica de lixos orgánicos e inorgánicos e, se se quere levar garrafas ou vidros en xeral a un contenedor apropiado, os veciños temos que cargalos no coche e tranportalos pola nosa conta a Bertamiráns, a unha distancia que depende dos diversos lugares, pero que nunca é inferior a dous quilómetros.
E non falemos de reciclar aceites domésticos, por exemplo. Gobernando o anterior equipo municipal –PSOE/BNG– anunciouse con bombo e platillo que se poñía en marcha un servizo de recollida destes perigosos residuos domésticos –aceites sometidos a altas temperaturas– que nunca chegou a funcionar. Por moito que me empeñei en chamar á Casa do Concello para resolver esta entrega de residuos, nunca –é dicir nunca– conseguín nada efectivo. Nin sequera que me indicaran que podía facer con eles pola miña conta.
Durante todo este tempo, a empresa encargada de recoller o lixo nunca levou a cabo procedemento ningún de desinfección dos contenedores, de tal xeito que estes elementos son na actualidade un excelente criadoiro de todo tipo de bacterias, malos olores e absoluto feísmo, cando non simplemente ausencia total deste sistema de recollida nalgúns sitios, nos que polo menos aforran ter estes posibles focos de infección.
Agora, coa resolución do equipo gobernante de Santiago Amor, non só se nos quere facer pagar taxas polo futuro servizo de recollida de lixo senón tamén aplicarnos esas taxas con carácter retroactivo dende o ano 2009.
Pero caso non se limita a isto. Na propia carta dirixida aos contribuíntes pola secretaria xeral do Concello de Ames indícásenos que “o exame do expediente poderase efectuar nas oficinas do servizo municipal de augas de luns a venres e de 09:00 a 14:30, sitas na rúa do Agrelo, 7”. Co ánimo de ver se podo presentar alegacións, hoxe mesmo presenteime nas citadas oficinas –en realidade a sede local dunha empresa privada como é Espina y Delfín– onde unha empregada, máis empeñada en por atrancos que en axudar ao contribuínte, se limitou a dicirme que non me podía enseñar o expediente “pola sinxela razón de que non existe, só hai a carta que lle foi enviada”. Nin que dicir tén que rapidamente concurrín no Rexistro Xeral do Concello de Ames para solicitar que me sexa habilitado en forma e prazo o exame dese expediente e que se paralice, mentres tanto, calquera procedemento de cobro da liquidación anunciada pola secretaria do Concello.
Por outra banda, preténdesenos aplicar esta improvisada recaudación aos habitantes dun rural no que somos moitos os que xa investimos cartos e tecnoloxía para reciclar pola nosa conta os residuos vexetais que producimos, cos que elaboramos o compost que nos permite aforrar en compra de abonos químicos co conseguinte beneficio medioambiental.
Era sabido que algúns gobernantes municipais están dispostos a facer o que sexa para sacar cartos de onde se lles ocurra, pero tamén serían de agardar maneiras e procedementos menos asaltantes cos que acaba de por en marcha o Concello de Ames. O afán recaudador pode producir aunténticas barrabasadas administrativas.

2 comentarios:

Julio dijo...

Creo que e de xustiza recordar que este procedemento recaudatorio foi iniciado polo anterior alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernandez. Estou completamente dacordo co contenido sin embargo non deixa de semellar unha crítica máis o PP cun claro fin político. A medida en si paréceme un desatino, sexa de quen sexa.

xosé dijo...

A respecto do comentario da recollida do aceite doméstico, non sei cal foi a atúa experiencia persoal, pero podo asegurarche que na lexislatura na que o BNG xestionou a concellaría de Medio Ambiente funcionou a recollida de aceites domésticos; tanto nos pavillóns de deportes como nas casas de cultura había uns depósitos nos que se recollía este producto. E foi o BNG quen puxo a funcionar este servizo. A cada un o seu !!