jueves, septiembre 20, 2012

Pokemon, unha operación que non é de monstros de alxibeira

Pilar de Lara

Ou o resto dos xuíces de Galicia son unha banda de vagos ou Pilar de Lara e Estela San José son auténticas superdotadas en materia laboral. Só así se explica de momento que dos xulgados que rixen en Lugo estas dúas maxistradas estean saínda a moreas escandalosos casos de supostas corrupcións administrativas e outros delitos que case nunca aparecen no resto do mapa xudicial de Galicia.
O último caso é o das detencións levadas a cabo hoxe co alcalde socialista de Ourense, Francisco Rodríguez, o conservador de Boqueixón, Alfonso Gacio, e ata unha ducia máis de representantes da empresa Revex, un ex presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e ex teniente-alcalde de Lugo, Francisco Fernández Liñares, e varios traballadores da administración local.
Era o que faltaba para que se complique máis o panorama electoral galego. Cunha base social que cada vez critica máis a falta de confianza que ofrecen os representantes políticos, a Operación Pokemon, posta a andar pola xuíza Pilar de Lara, é auténtica gasolina verquida sobre unha fogueira que non se sabe ata onde pode chegar ardendo. E, unha vez máis, este lume consume leña que procede tanto do bosco do PSOE como do PP.
Fai ben a xuíza luguesa en comprometerse co seu democrático deber de perseguir a delincuencia en todas as súas formas e a todos os niveis. Tamén en exercer a súa independenza absoluta en materia xudicial. Pero sería moi desexábel que faga o seu traballo dentro do máis estrito rigor procedemental e xurídico e sen caer nunca na tentación de poñer a andar mecanismos xudiciais que podan interferir innecesariamente na vida política dos procesos electorais, por exemplo. En caso contrario, correría o risco de causar graves danos a persoas e intereses públicos que, de resultaren logo inocentes, xa terían pagado de máis en forma de condenas sociais e políticas.
Quizais por iso a min nunca me gustaron nada as movidas xudiciais que nacen coincidindo coas campañas electorais. E non digo que a que agora afecta aos supostos delincuentes afectados sexa unha delas. Se realmente están implicados no feixe de supostos delitos polos que están sendo investigados, adiante con eles ata o seu xuízo xusto. Pero ollo cos danos colaterais que lles poden causar nos casos en que sexan inocentes. A eles e a algo que é máis importante ca eles, á natureza mesma da boa e da honesta política, que tamén existe aínda que non o pareza moito neste momento.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

adolfo gacio vázquez, la caída de un arcángel de romay beccaría......

Anónimo dijo...

¿cartagenera?