Philippe Even, á esquerda, e Bernard Debré. |
Case a metade dos medicamentos que se utilizan actualmente son inúteis e representan un custo situado entre 10.000 e 15.000 millóns de euros para a Seguridade Social francesa, segundo sosteñen os médicos Philippe Even e Bernard Debré, autores dunha Guide des 4.000 médicaments utiles, inutiles ou dangereux (Guía dos 4.000 medicamentos úteis, inúteis ou perigosos), que apareceu onte en Francia. Philippe Even, neumólogo, é director do Institut Fédératif de Recherche Necker, e Bernard Debré é urólogo e deputado UMP por París.
Segundo o estudio realizado por eles sobre 2.200 especialidades, o 40 por cento dos medicamentos “teñen unha eficacia feble ou nula”, un 25 por cento presentan “un risco potencial” e destes últimos un 5 por cento, “un perigo maior”. Porén, un 70 por cento dos medicamentos “pouco eficaces” e o 28 por cento dos que non teñen “a menor eficacia” seguen sendo pagados pola Seguridade Social.
Philippe Even chega a xulgar de “completamente inúteis” as estatinas, un grupo de fármacos usados para diminuir o colestorol nas súas diferentes formas, “avalados por tres a cinco millóns de franceses”, que lle custan a Francia 2.000 millóns de euros cada ano e que son “completamente inúteis”, segundo este investigador que chega a dicir que esta deriva hai que buscala no “laxismo, na demagoxia, a incompetencia e a corrupción”.
Even sostén que se trata, sobre todo, de algo “vencellado coa incompetencia, sustentado pola corrupción asegurada pola industria farmacéutica para procurarse o 20 por cento de beneficios que logra cada ano”. Para este especialista, “a industria farmacéutica é a máis lucrativa, a máis cínica e a menos ética de todas as industrias”.
Esta última frase parece pronunciada dende Lugo despois de coñecer o nada exemplar caso do empresario farmacéutico Dorribo. Non ten, porén, nada que ver con el. Os autores da xa famosa guía baseánse, entre outros, nun caso que deu moito que falar en Francia, o de Mediator.
No hay comentarios:
Publicar un comentario